Mostrando entradas con la etiqueta Lingua galega. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lingua galega. Mostrar todas las entradas

Segunda convocatoria das probas para a obtención dos certificados de lingua galega Celga 2, 3, e 4 no ano 2024


13 de septiembre de 2024






 Hoxe publícase no DOG a Resolución  do 3 de setembro de 2024, da Secretaría Xeral da Lingua, pola que se realiza a segunda convocatoria das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2, 3 e 4, no ano 2024 (código de procedemento PL500C).


As persoas maiores de dezaseis anos ou que os cumpran no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras.


As probas dos distintos niveis Celga terán lugar na segunda quincena de novembro de 2024, sempre que ningunha circunstancia excepcional impídao. As datas concretas serán debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (http://www.lingua.gal).


As persoas que desexen inscribirse nas probas Celga deberán cumprimentar o formulario de solicitude, segundo o modelo PL500C, que se publica como anexo I, e abonar a taxa correspondente. No formulario de solicitude deberán indicar a proba ou as probas ás que solicitan presentarse, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral da Lingua.


O prazo de presentación das solicitudes, así como o de pago da taxa correspondente aos dereitos de exame, será de quince días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Para ver a Resolución completa, preme aquí

Probas Celga, 2, 3 e 4: publicadas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas


13 de octubre de 2022






Con data 13/10/2022 publicouse no Portal da Lingua Galega as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas para as probas Celga 2,3 e 4 .

As persoas excluídas disporán dun prazo de 10 días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta resolución na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a súa exclusión. 

Para ver as listaxes provisionais  publicadas, preme aquí


Celga 2017. Convocadas as probas para a obtención dos certificados


4 de abril de 2017


[celga_web.jpg]A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL)  publica no DOG de hoxe, 4 de abril de 2017,  a convocatoria para as probas Celga deste ano, que terán lugar en Santiago de Compostela e en Ponferrada no mes de xuño. Como outros anos, os niveis para os que haberá exame son o 1, 2, 3 e 4.

As persoas destinatarias destas probas son as maiores de 16 anos ou que os fagan antes de finais do ano 2017. As probas realizaranse nas seguintes datas (que poderán mudarse por razóns de forza maior ou para a mellor administración das probas):
  • Celga 4: 10 de xuño de 2017.
  • Celga 2: 11 de xuño de 2017.
  • Celga 3: 17 de xuño de 2017.
  • Celga 1: 18 de xuño de 2017.
O prazo de presentación das solicitudes e da documentación é dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, este entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Para máis información sobre o desenvolvemento das probas e os formularios de inscrición preme aquí

Convocatoria de cursos de linguaxe administrativa galega e preparatorios para os cursos celga 1,2,3 y 4


18 de agosto de 2015


O pasado día 13 de agosto publicouse no Dog a orde do 3 de agosto de 2015 pola que se convocan con caracter gratuito, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega(CELGA) que se realizaran en distintos periodos e en varias escolas oficiais de idiomas de Galicia. Prazo: ata o día 11 de setembro de 2015, para os cursos do primeiro cuadrimestre e desde o 14 de decembro de 2015 ata o 4 de xaneiro de 2016 para os do segundo cuadrimestre

Cursos de Linguaxe Xuridica Galega para o personal destinado fora da CCAA de Galicia


9 de enero de 2014


O 26 de decembro de 2013 publicouse no DOG (Diario Oficial de Galicia) o Plan de formación do persoal ao servizo da Administración autonómica, local e de xustiza de Galicia para o ano 2014.


No devandito plan inclúense, para o persoal de xustiza destinado fóra da comunidade autónoma os seguintes cursos:

Nome do curso
Edicións
Prazas
Horas
Linguaxe xurídica galega nivel medio 
1

30
75

Linguaxe xurídica galega nivel superior
2
60

75  c/u.

Como todos os anos, dende o Sector Xustiza de CCOO-Galicia, solicitamos e estamos a presionar á EGAP para que, na primeira convocatoria que se realice, se oferten estes cursos e para que a devandita convocatoria se efectúe no presente mes de xaneiro co fin de que os compañeiros destinados fóra da comunidade autónoma de Galicia poidan realizalos antes do concurso de traslados e así poder ter a puntuación por idioma para o devandito concurso de traslados.

Esperamos que a EGAP teña en conta as alegacións efectuadas por este sindicato e convoque, en primeiro lugar e no presente mes de xaneiro, os cursos de linguaxe xuridica galega para os funcionarios de xustiza destinados fóra desta CCAA, para que poidan ser realizados antes da convocatoria do concurso de traslado.

Na próxima semana seguiremos informando sobre este tema e a contestación da EGAP

A situación do galego na Administración de xustiza (II)


20 de diciembre de 2013


Segundo artigo publicado na páxina da Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega (Prolingua) e escrito por Xosé Antón Laxe Martiñán. Lexislación

A regulamentación do réxime lingüístico no ámbito xudicial establécese no artigo 231 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, cuxa redacción constitúe de facto unha clara minoración do principio de igualdade das dúas lingua cooficiais en Galicia e outorga unha evidente preferencia ao castelán respecto ao galego. Segundo este artigo, o galego é de uso simplemente potestativo polo funcionariado, mentres ninguén alegue indefensión. A indefensión é, por suposto, un defecto inalegable respecto do castelán.

O castelán, outramente, é o idioma considerado como habitual na Administración de xustiza. Ademais, o valor xurídico dos documentos redactados en galego que consten unidos ás actuacións é negado cando estes precisen surtir efecto fóra de Galicia. Desta maneira, a obriga de traducir estes documentos ao castelán inhibe a vontade do funcionariado de usar o galego na redacción orixinal.

Verbo disto, cómpre dicir que segundo a miña experiencia (traballei anos a carón dunha das poucas xuízas que sentencia e tramita en galego), non é común, nin moitísimo menos, pedir a tradución de sentenzas redactadas no noso idioma. De se pedir a tradución, non está demais pensar que a iniciativa responde a unha estratexia de dilación do trámite de publicación da sentenza por adiar a súa execución ou por sumar días ao prazo legal para recorrer. Nos anos de traballo aos que veño de aludir neste parágrafo ninguén, ninguén, pediu nunca a tradución de ningunha resolución redactada orixinalmente en galego.

A Lei establece que os cidadáns poden esixir o uso do galego nos testemuños das sentenzas e actos resolutorios. Fóra diso, o funcionariado non ten ningunha obriga de responder en galego cando o xusticiable o interpela nesta lingua. Ata que non se estableza un principio xeral de respecto pola opción lingüística do xusticiable, o dereito á opción lingüística está en mans do funcionariado e a miúdo depende do arbitrio de xuíces e secretarios xudiciais. Desta maneira, nas oficinas xudiciais é moi habitual que xuízas e secretarias xudiciais sexan quen determinen a lingua que se deberá empregar na súa oficina. Así, a lingua de traballo na oficina xudicial responderá unicamente á vontade do persoal que alí traballa e non á da cidadá que é atendida.
Ao noso ver, a causa básica que motiva a situación que vimos de describir é só unha: hai dereitos lingüísticos que amparan o galego pero non existe a obriga de coñecelo, só o dereito a usalo, segundo se recoñece no artigo 5.2 do Estatuto de autonomía. Porén, na Constitución española malia establecerse no Preámbulo a vontade de protexer a todos os españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas e tradicións, linguas e institucións e no artigo 3.2 o “respecto” institucional polas outras linguas oficiais, no punto primeiro deste mesmo artigo tamén se lexitima a obriga de saber o castelán en todo o Estado. Consecuentemente, de acordo con este marco legal coxo, incompleto e supremacista castelán, no ámbito administrativo galego non é posible esixir o requisito de saber a lingua propia de Galicia. É por isto que na práctica non se respecta a cooficialidade lingüística de Galicia e se impón o español sobre o galego, con consecuencias moi negativas para o noso idioma.

Por Xosé Antón Laxe Martíñán

Publicado o 19/12/2013 en www.prolinguagalega.org

Enlace permanente: pica aquí


A situación do galego na Administración de xustiza (I)


18 de diciembre de 2013


Ninguén ignora que a Administración de xustiza foi sempre e segue a ser un dos ámbitos da nosa sociedade menos permeables e permisivos ao uso da lingua galega. Nos últimos anos a situación empeorou, sobre todo a causa da eliminación das escasas ferramentas coas que se contaba e que permitían, con moitas dificultades, facer parte do traballo en galego. Así ocorreu cos modelos neste idioma implantados nos programas Libra e Minerva (traballo dos equipos lingüísticos integrados nas Audiencias provinciais) e que desapareceron na última actualización, Minerva NOX, o que no marco xurídico-lingüístico é a todas luces unha clara discriminación da lingua propia de Galicia.

Problemas informáticos á parte e diante da expectativa da instalación dun novo programa en 2015, aquel traballo de implantación de documentación en galego non tivo continuidade dende que hai Minerva NOX, agás na orde social, na que se seguiron traducindo documentos que, finalmente, nunca se implantaron no programa. Esta parálise quizais tamén foi debida ao retroceso no uso institucional e social do noso idioma. O traballo da Dirección Xeral de Xustiza, dependente da Consellaría de Presidencia, é nulo no que toca á introdución e promoción do noso idioma na administración de xustiza, e só se revelou eficaz para expulsalo dos escasos lugares nos que estaba presente. A este respecto poucos exemplos máis somos quen de contar, e moito máis irrelevantes, que o dos modelos antes citados.


Causas ou inercias?

De observarmos os datos de coñecemento do idioma por parte da sociedade galega (funcionarios e funcionarias forman parte desa sociedade dentro e fóra das oficinas xudiciais) veremos que aquelas porcentaxes non se corresponden, nin de lonxe, cos índices de uso do galego na Administración. Logo, que motivos hai para que a lingua sexa excluída do espazo xudicial? Se ademais a procedencia do cadro de persoal, incluídos maxistradas, xuíces, fiscais e secretarias xudiciais é maioritariamente autóctona, cal é a razón para que se prescinda do galego? Neste punto pensamos nese ermo elitismo, tan propio da dramaturxia xudicial, que colga gravatas do pescozo dos profesionais e tenta arrogar un dubidoso prestixio por medio da exclusión do idioma a priori socialmente peor considerado.

A non esixencia de coñecementos de galego para acceder a un posto na administración de xustiza fai que o funcionariado foráneo que presta servizos en Galicia non estea preparado para entender o xusticiable no noso idioma. Ademais, esta non esixencia degrada a consideración (o prestixio) social do idioma e a percepción entre o funcionariado da conveniencia do seu uso en aras da normalidade lingüística dentro dos xulgados. Consecuentemente son pechadas moitas bocas que, se a percepción social fose outra, se sumarían gustosas ao arduo labor da normalización.

Ora ben, tamén hai que dicir que o descoñecemento do idioma, malia ser considerado como unha das causas principais, está moi lonxe de xustificar a ausencia do galego na Administración de xustiza, pois o uso efectivo está moi por baixo das porcentaxes de coñecemento publicadas polo Instituto Galego de Estatística. De feito, alegar descoñecemento só sería unha mala xustificación para non facer o esforzo de cambiar de lingua, pois a maioría do cadro de persoal puido acceder aos cursos de linguaxe xurídica que se organizan anualmente e que, porén, e ante a imposibilidade de poñer en práctica o aprendido, só se perciben útiles para sumar puntos de cara a posibles traslados ou promocións.

A acumulación de traballo nos xulgados e a escaseza de medios materiais e, sobre todo, persoais determina que traballar en galego sexa unha auténtica odisea. A realidade que impera, isto é, un mal e caótico funcionamento das oficinas xudiciais, fai que o persoal opte por sobrevivir neste caos laboral evitando máis “complicacións” e, á vez, determina que o pouco que se pode facer non responda a un criterio lingüístico, senón unicamente ao voluntarismo, nin remunerado nin recoñecido, de traballadores e traballadoras. É dicir, as inercias de funcionamento en castelán son tan fortes que o galego, cando se emprega, sempre é nunha situación provisoria e vinculado á excepcionalidade. Velaí un bo exemplo de imposición.

Desta maneira, a Xunta de Galicia, por medio da Dirección Xeral de Xustiza, creou unha inercia mala de mudar. Quen opera no ámbito xudicial, e polo tanto todas as persoas que fan rodar a engrenaxe da xustiza, aínda que nas súas actividades persoais ou non profesionais empreguen o galego, desenvolven a consciencia de que cando se deben relacionar coa Administración de xustiza teñen que facelo en castelán e, por tanto, non mostran ningún interese por solicitar o uso do noso idioma no transcurso do proceso.

Esta situación, consecuentemente, provoca que o funcionariado e os administrados vexan o uso do galego nos xulgados como unha innecesidade, artificial ademais, ao que tamén contribúe a pouca demanda que hai da nosa lingua entre os/as profesionais do dereito (que estudan unha carreira baseada na memorización de textos impresos e maioritariamente explicados en castelán). A este respecto convén ter en conta que quen precisa da tutela xudicial nunca acode a un xulgado por causas agradables ou cómodas. Polo tanto, nesas circunstancias, non cabe esperar que de quen só busca resolver rapidamente o seu problema xurda a inercia precisa para cambiar de hábitos lingüísticos.

Por Xosé Antón Laxe Martiñán

Publicado o 17/12/2013 en www.prolinguagalega.org

Enlace permanente: pica aquí

Tradutor automático Gaio


22 de noviembre de 2013


Gaio é o novo tradutor automático de textos, documentos e páxinas web para o persoal da Administración autonómica, as entidades locais e o persoal de Xustiza en Galicia. Desde gaio.xunta.es permite facer traducións entre galego e castelán en ambos sentidos, ao igual que entre galego e portugués.


Opcións de tradución

A ferramenta presenta tres opcións:
  • Tradución de documentos nos formatos máis habituais (DOC, DOCX, PPTX, XLSX, ODT, ODS, ODP, PDF, HTML, XML e TXT).  
  • Tradución de texto plano introducido no frontal da propia aplicación, cun tamaño máximo de 10.000 caracteres.
  • Tradución de páxinas web, que ofrece como resultado unha páxina a través da que podemos navegar.
Nos tres casos é posible seleccionar que o programa marque ou non con asterisco as palabras descoñecidas.

Tradución vía correo electrónico


Pode obter traducións automáticas de documentos a través do correo electrónico. Envíe desde unha conta corporativa como anexo o documento a traducir (nos formatos indicados arriba e cun tamaño máximo de 15 MB) e recibirá no seu correo o documento traducido. Na tradución por correo electrónico non se marcan con asterisco as palabras descoñecidas. Os enderezos de envío son:

Consellos para obter mellores resultados na tradución

  • Antes de traducir, revisa o texto orixinal ou pásalle un corrector para identificar erros ortográficos ou estranxeirismos pouco comúns.
  • Emprega frases curtas e simples nos textos.
  • Coida a puntuación e a sintaxe.
  • Evita expresións coloquiais.
  • Revisa sempre o resultado da tradución para localizar erros e mellorar o texto.

Complementos (plug-ins)

Desde o apartado "Descargas" é posible obter complementos para a integración de Gaio nos navegadores Chrome e Firefox, en ambos casos en contornos de Windows ou Linux, e para o procesador de textos Microsoft Word. Estes plug-ins permiten facer traducións de páxinas web desde o propio navegador e traducións de textos sen saír do procesador.
Nese mesmo apartado de "Descargas" atópanse manuais para a instalación dos complementos.

Axuda, preguntas frecuentes e suxestións

O portal de Gaio conta cunha páxina de "Preguntas frecuentes", na que se resolven as dúbidas máis habituais, e un manual na sección "Axuda". Se a persoa usuaria localiza traducións incorrectas ou mellorables, pode suxerir a súa modificación a través do formulario de "Suxestións".

VII xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para o normalización” o 28 de novembro en Compostela


19 de noviembre de 2013


O número de prazas de asistencia é de 100 e a matrícula é de balde, tras unha previa inscrición a través de www.icasantiago.org.
Os asistentes recibirán unha certificación conxunta do Colexio de Avogados de Santiago e mais da SXPL.

PROGRAMA
19.00 h Acto de apertura
-Intervención do decano do Colexio de Avogados, D. Evaristo Nogueira Pol
-Intervención do secretario xeral de Política Lingüística, D. Valentín García Gómez
-Intervención do director xeral de Xustiza, D. Juan J. Martín Álvarez
-Intervención da concelleira de Normalización de Santiago, Dª Rebeca Domínguez Iglesias

19.30 h 1ª mesa
-"O galego nos procedementos da Administración xeral do Estado: a lei como freo á normalización".
Relatora: Dª Consuelo Castro Rey, avogada do Estado
-"O galego no contexto da mediación".
Relatora: Dª Olga Faílde Picallo, avogada do ICA de Santiago e mediadora
[Coloquio]

20.30 h 2ª mesa
-"A comunicación en galego na xustiza: unha cuestión de medios e de actitude".
Relatora: Dª Lorena Tallón García, maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia Núm. 4 de Santiago
-"Substitución lingüística e indefensión individual: un relato non apócrifo de datas indeterminadas".
Relator: D. Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega
[Coloquio]

21.30 h Clausura da xornada

Máis información e matrícula en www.icasantiago.org.

Convocados cursos preparatorios para as probas Celga e de linguaxe administrativa galega


6 de septiembre de 2013


Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou no DOG do 2 de setembro de 2013 a convocatoria de diversos cursos gratuítos de lingua galega: por unha banda, cursos de linguaxe administrativa galega e, por outra, cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega, Celga. Todos os cursos terán lugar nas escolas oficiais de idiomas de Galicia entre setembro de 2013 e febreiro de 2014.

Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen preparar as probas convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificar a súa competencia en lingua galega. O prazo para a presentación das solicitudes será a partir do día seguinte ao da publicación da orde e ata cinco días antes da data establecida para o inicio de cada curso.

Os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior van dirixidos ao persoal das diferentes administracións públicas de Galicia, exceptuando o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario. Poderán tamén solicitar a realización destes cursos as persoas maiores de dezaseis anos que non sexan empregados/as públicos/as. Neste suposto só se poderá optar ás prazas no caso de que non sexan cubertas por empregados/as públicos/as as prazas ofertadas para cada curso. O prazo para a presentación das solicitudes será de 20 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Información completa no DOG do 2 de setembro de 2013.

O TSXG resolve que o uso do galego nunha demanda non é “defecto de forma"


1 de agosto de 2013


A presentación dunha demanda en galego é un dereito e non é un defecto de forma. É o que vén de resolver o TSXG en resposta ao recurso presentado pola empresa In Side LOGISTICS contra unha demanda por despedimento, alegando “defecto de forma” por estar escrita en galego

Non é un defecto de forma, senón un dereito que nos asiste. O TSXG dá a razón á traballadora e á CIG na resposta ao recurso presentado pola empresa In Side LOGISTICS contra a demanda de despedimento por estar escrita en galego. A empresa alegaba “defecto de forma” por estar a demanda presentada na nosa lingua, ao que o TSXG vén de responder que ese é un dereito da traballadora. A empresa solicitaba que a demanda fora traducida ao castelán mais fundamentaba o seu recurso en considerar un “defecto” estar redixida na nosa lingua. 

A sentenza agora emitida polo TSXG recoñece que “unha demanda presentada en galego terá plena validez. Se unha demanda debe surtir efectos nun territorio fora da Comunidade Autónoma Galega e se solicita pola parte a súa tradución ao castelán, o xulgado procederá a súa tradución". 


Amparada na lexislación

A empresa ten o seu centro en Valencia mais a traballadora desenvolvía os seus labores para In Side desde a Coruña e, en función das normas que rexen as competencias territoriais, tiña dereito a presentar a demanda na Coruña. 

A demandante presentara un recurso a través dos servizos xurídicos da CIG e o seu avogado, David Pena, defendía na argumentación que o uso do galego é un dereito que se ampara non só na lei de Normalización Lingüística, senón tamén no Estatuto ou na propia Constitución. “A redacción da demanda en lingua galega non constitúe defecto algún senón un dereito amparado pola lexislación lingüística tanto do Estado español como internacional”, defendían no texto da impugnación, afirmacións que vén de avalar agora o TSXG. A empresa tentaba empregar a lingua como razón para invalidar unha demanda contra despedimento. A empresa podía ter solicitado o servizo de tradución dos documentos a través do propio Xulgado. 

Publicado o 29/07/2013 en www.sermosgaliza.com

Enlace permanente: pica aquí

A Irmandade que levou o galego ao xuízo do Prestige


15 de julio de 2013


Malia que semella que debería ser tratado con normalidade, os feitos revelan que non o é tanto. O macroxuízo pola catástrofe da Prestigerematou esta semana e quedou visto para sentenza máis de dez anos despois de que a marea negra cubrise as costas galegas. Nikolaos Argyropoulos, xefe de máquinas do buque, aproveitou a quenda de última palabra para pedir "perdón" a Galicia polos danos causados. Ao tempo, a defensa do ex director xeral da Mariña Mercante e outro dos acusados, José Luis López Sors, presentou as súas conclusións para xustificar o afastamento do barco ante o risco de "afundimento inminente" do petroleiro e asegando que achegalo á beiras podería ter tido peores consecuencias. Fíxoo a letrada Consuelo Castro, xefa territorial en Galicia da Avogacía do Estado, e fíxoo en galego.
A avogada empregou a lingua propia -ao igual que outros letrados durante o xuízo celebrado na Coruña- malia que López Sors pedira a interpretación simultánea durante as súas comparecencias alegando que non entendía correctamente o galego. Esolicitárao malia ser nado en Ferrol e exercer boa parte da súa carreira profesional en Galicia. Interveu con auriculares e chegou a pedir que lle subisen o volume por non comprender ben as intervencións da acusación, unha polémica que foi vista por moitos como un intento de desviar a atención ou incluso de provocar.
Respondeu, xa que logo, López Sors en castelán e logo de interpretación simultánea ás preguntas doutro letrado, o de Nunca Máis, que tamén interveu en lingua galega durante o xuízo do Prestige. Pedro Trepat foi un dos que empregou o idioma propio durante un macroxuízo no que tamén se puido escoitar o galego de boca doutros letrados como Xosé Avelino Ochoa, Alejandro Martín e Miguel A. Fernández. Todos eles compartían unha insignia na súa toga, na que se representa un dolmen, o símbolo da Irmandade Xurídica Galega.
Constituída o 21 de xuño 2008 logo dun acto en Celanova, esta Irmandade aglutina máis de vinte xuristas (entre maxistrados, xuíces, fiscais e avogados), así como funcionarios xudiciais. Todos eles partidarios e defensores do uso da lingua galega na súa actividade profesional e continuadores dunha tradición que comezaran Sebastián Martínez Risco, Roberto González Pastoriza, Ramón Carballal Pernas, Valentín Paz Andrade, Lois Peña Novo ou Arturo Noguerol, que forman parte dunha ampla nómina de funcionarios xudiciais e avogados que quixeron restablecer o uso da lingua galega nas instancias xudiciais, continuando cunha tradición interrompida durante séculos, cortada de raíz co golpe de estado fascista de 1936 e que logo continuarían Daniel García Ramos, Orencio Pérez González, Xosé Luís Albés López, Xosé Xoán Barreiro Prado, Fernando Leiceaga, Luciano Varela Castro ou os fiscais Benito Montero Prego, Xoán Horro González e Carlos Varela García.
Agora, son varios os funcionarios xudiciais que comparten a toga da Irmandade Xurídica Galega e defenden o uso da lingua propia do país nun ámbito, o xudicial, onde o idioma está tan esquecido e minorizado. Incluso nun macroxuízo como o do Prestige, centrado basicamente en Galicia e en protagonistas galegos, o galego non foi maioritario. Pero si foi importante grazas á naturalidade (e tamén compromiso) destes avogados que locen un dolmen como insignia.

Publicado o 14/07/2013 en www.praza.com

Enlace permanente: pica aquí


A partir de comezos de 2014 poderemos usar o .gal


3 de julio de 2013


A ICANN, organismo que goberna a rede, aprobou o dominio para a lingua e cultura galegas, o .gal, que está previsto que se poida comezar a utilizar xa a comezos de 2014 en sitios web que usen o galego


Máis de 12.000 apoios cidadáns. Máis de 110 entidades adheridas. Máis de sete anos de traballo. O alento sostido das principais entidades e institucións galegas. O apoio decidido da administración autonómica ao longo do tempo. Todo isto foi necesario para que a ICANN, organismo que goberna a rede, aprobase o dominio para a lingua e cultura galegas. O 14 de xuño de 2013 é xa unha data na historia da internet en Galicia. “É unha conquista de toda a sociedade e un exemplo de que todos xuntos podemos”, sinalou o presidente da asociación puntoGAL, Manuel González.

Foi un proceso longo non exento de complicacións. Un proceso que culmina co anuncio da aprobación do dominio por parte de ICANN e que abre a porta para que, en tan só uns meses, o .gal poida ser rexistrado e utilizado para darlle a Galicia visibilidade na rede, para amosar os espazos da lingua en internet, para facer negocios baixo o paraugas dun dominio propio.

Utilidade do .gal
“As letras .gal vanlle estar recordando ao mundo cada día que existe unha comunidade que se chama Galicia e unha cultura e unha lingua que se chama galego”, dixo González nunha roda de prensa no Instituto Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, espazo que habitualmente ocupan as mozas e os mozos que serán o futuro do país. Un lugar tan simbólico como o é este dominio “que lle vai dar visibilidade universal á nosa personalidade particular”.

Da Real Academia Galega ao Consello da Cultura pasando polas tres universidades, centros de investigación, asociacións de empresas de novas tecnoloxías, colexios profesionais, medios de comunicación e por ducias de colectivos de base, a candidatura do dominio sentiuse sempre apoiada pola sociedade. Dentro e fóra. Máis de vinte asociacións de galegos/as no exterior de países como Estados Unidos, Brasil, Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, Arxentina ou Uruguai están tamén detrás do dominio. De feito, un dos obxectivos de .gal é servir de identificador e vínculo entre a diáspora galega.

Reinvestir os beneficios en promover a lingua e a cultura galegas
Queda xa atrás aquel dez de xuño de 2006 cando as entidades fundadoras da asociación puxeron en marcha a candidatura. Naquel pequeno acto sentáronse as bases que mantiveron vivo o proxecto durante este sete anos. Entre elas, o propósito firme de que a entidade que xestionará o dominio se autofinancie e reinvista os beneficios obtidos en promover a lingua e a cultura galegas.

A este respecto, González lembra que “cando hoxe alguén rexistra un dominio xenérico (.com, .net, .org, etc.) a maior parte dos beneficios da operación marchan fóra de Galicia; polo contrario, cando rexistren un .gal a situación será a inversa: a maior parte da repercusión económica directa quedará en Galicia”. Esta intención está recollida na candidatura remitida pola Asociación puntoGAL, unha entidade sen ánimo de lucro, á ICANN.

Fala con puntoGAL
Tras a decisión de ICANN ábrese agora un procedemento administrativo que rematará coa sinatura do contrato de delegación do dominio a finais deste ano ou principios do seguinte. Semanas despois poderán comezar a rexistrarse os.gal de acordo cunhas normas públicas e transparentes. Será o momento para todos aqueles sitios na rede que empregan o galego ou que fomentan a comunidade e a cultura do país. O paraugas ábrese para eles.

A reserva de dominios .gal farase en varias fases, de acordo ás normas fixadas por ICANN e pola Asociación puntoGAL. Entre outras cousas, recollerase a protección das marcas rexistradas ou a prioridade de rexistro para as entidades, públicas ou privadas, que traballan no ámbito do galego. PuntoGAL informará puntualmente sobre os prazos e as normas a través do seu portal puntogal.org e as redes sociais. Calquera entidade ou cidadán ou cidadá pode tamén poñerse directamente en contacto coa Asociación a través destas ferramentas. Dúbidas, preguntas, suxestións, queixas, ideas. Calquera achega será ben recibida.


FONTE: Asociación Puntogal

Galicia xa ten o .gal


15 de junio de 2013


"Nuns tempos nos que non abundan as boas novas temos convocámosvos para dar conta do anuncio feito onte pola ICANN de que o dominio .gal superou positivamente o proceso de avaliación". Deste xeito comezou Manuel González, presidente da asociación puntoGAL, a intervención que serviu para anunciar que o .gal, o dominio galego, xa é (case) unha realidade. Despois da aprobación este venres pola ICANN e dun periodo transitorio de entre 6 e 9 meses, o dominio estará operativo no inicio de 2014.
Como lembrou o propio González, este logro é a conclusión dun traballo de máis de sete anos, dende o 10 de xuño de 2006 no que as entidades fundadoras da asociación puxeron en marcha a candidatura. "É unha conquista de toda a sociedade e un exemplo de que todos xuntos podemos. Hai máis xente comprometida co país da que parece", salientou González, que tamén pediu que "ninguén trate de apropiarse del". 110 entidades, máis de 12 mil apoios cidadáns, o consenso de todos os partidos e dos gobernos de todas as cores. González agradeceu o apoio de todo para a consecucion deste obxectivo que permitirá unha meirande visibilidade de Galicia e da lingua e cultura galegas en todo o planeta: "As letras .gal vanlle estar recordando ao mundo cada día que existe unha comunidade que se chama Galicia e unha cultura e unha lingua que se chama galego. Vaille dar visibilidade universal á nosa personalidade particular. Hoxe é un día feliz para Galicia e para a nosa lingua", salientou Gonzalez .
"É unha conquista de toda a sociedade e un exemplo de que todos xuntos podemos. Hai máis xente comprometida co país da que parece", salientou González
Unha importancia económica, tamén. "Cando hoxe alguén rexistra un dominio xenérico a maior parte dos beneficios da operación marchan fóra de Galicia. Polo contrario cando rexistren un .gal a situación será a inversa: a maior parte da repercusión económica directa quedará en Galicia". O contarmos cun dominio propio redundará especialmente en beneficio das empresas e iniciativas tecnolóxicas e vencellandas coa rede e tamén servirá para impulsar o uso do galego nestes eidos. Ademais, a Asociación utilizará todos os beneficios xerados para potenciar o emprego da lingua galega nas TIC. O dominio .gal tamén permitira que Galicia sente directamente "nas mesas nas que se toman as decisións sobre a gobernanza de internet", destacou Manuel González.
A Asociación Puntogal destaca tamén que "contar cun dominio propio situará o galego no máximo nivel entre as linguas no DNS, o que repercutirá no seu prestixio internacional. Para os efectos prácticos, atopar e ordenar información en galego resultará moito máis doado, por exemplo para os grandes buscadores". En 2011 rexistráronse máis de 9.400 novos dominios .es en Galicia, un crecemento do 10%, malia que ese ano o PIB da autonomía só medrou o 0,5%. A finais do ano pasado había en Galicia máis de 47.000 dominios rexistrados, cunha taxa de novas altas que oscila en torno a 10.000 novos dominios .es anuais, nun contexto de estancamento ou recesión económica.

Cando poderei ter o meu punto gal?

Os responsables da asociación calculan que ao longo de 2014 se rexistrarán cando menos entre oito e nove mil dominios
Cales son os pasos seguintes? Cando poderemos comezar a empregar dominios .gal? A aprobación do dominio por parte da Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN) é o paso máis importante dun proceso que agora debe pasar por distintas fases e que culminará a comezos de 2014. En primeiro lugar, a ICANN debe asinar coa asociación puntoGAL o contrato de delegación do servizo, polo cal a puntoGAL pasará a ser a responsable da concesión e xestión deste dominio.
Para calquera empresa o dispoñer dun dominio .gal significará "un valor engadido, unha meirande identificación coa sociedade á que se dirixen e un elemento de confianza"
Haberá tamén un periodo transitorio de entre 6 e 9 meses que servirá para fixar o prezo definitivo dos dominios e para establecer as reservas de nomes. Certas institucións públicas e entidades culturais terán dereito neste tempo a reservar o seu dominio antes de que calquera outro poida adquirilo e o mesmo pasará con determinadas marcas comerciais e empresas con marca rexistrada. Unha vez que se supere esta fase, ao redor de marzo, a convocatoria abrirase a todos e todas e calquera persoas poderá rexistrar o seu dominio punto gal. Os responsables da asociación calculan que ao longo de 2014 se rexistrarán cando menos entre oito e nove mil dominios. Nos seus primeiros cinco anos de existencia, o dominio .cat superou as 50 mil páxinas e converteuse nunha marca de país para todas as iniciativas, entidades e corporacións catalás.
Nos vindeiros meses a asociación puntoGAL comezará unha campaña de difusión da importancia e das vantaxes do dominio, dirixida ao mundo da cultura ou ao mundo do ensino, pero de forma moi especial ao mundo da empresa. Destacan que para calquera empresa o dispoñer dun dominio .gal significará "un valor engadido, unha meirande identificación coa sociedade á que se dirixen e un elemento de confianza". 

Cursos de linguaxe xurídica para funcionarios que estén fora da Comunidade de Galicia


23 de mayo de 2013


Tras a convocatoria dos cursos de linguaxe xurídico para funcionarios da Comunidade de Galicia, a EGAP está a recibir un gran número de solicitudes de personas que se atopan fora da Comunidade.

Postos en contacto coa EGAP, comunícannos que os cursos de linguaxe xurídico para funcionarios que se atopen fora da Comunidade de Galicia, convocaranse o vindeiro mes de decembro para realizalos no mes de xaneiro do ano 2014, tal e como se fixo na pasada convocatoria.

Convocatoria de cursos de linguaxe xurídica


20 de mayo de 2013


No DOG do 20 de maio de 2013 publícase a convocatoria de diversos cursos de linguaxe xurídica na modalidade de teleformación: 3 edicións de nivel medio e 3 edición de nivel superior.

Os cursos están dirixidos ao persoal ao servizo da Administración de xustiza e outros colectivos relacionados coa xustiza que presten servizos dentro da Comunidade Autónoma de Galicia. O número de prazas por edición é de 30 persoas (un total de 90 persoas en cada nivel).

Os cursos terán unha duración de 75 horas e desenvolveranse entre o 9 de setembro e o 3 de novembro de 2013.

A matrícula deberá facerse de forma telemática desde o seguinte enderezo: http://egap.xunta.es/matricula. 

O prazo de matrícula será de dez días naturais desde a publicación da resolución no DOG.

Máis información na convocatoria publicada no DOG.

Ampliado o prazo de inscrición para as probas do CELGA


3 de abril de 2013






A Secretaría Xeral de Política Lingüística anunciou a ampliación do prazo de presentación de solicitudes previsto na Resolución do 28 de decembro de 2012 pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4) no ano 2013. Este novo prazo remata o vindeiro 8 de abril.

Cursos preparatorios en liña das probas do Celga 1


7 de marzo de 2013





A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocou, mediante a publicación no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), unha nova edición dos cursos en liña preparatorios para as probas de certificación de lingua galega no nivel Celga 1.

Trátase dunha acción formativa dirixida, nomeadamente, a persoas estranxeiras, non galegofalantes ou que non conten con formación en lingua galega e que estean interesadas en achegarse ao idioma para mellorar a súa competencia lingüística básica en galego, de cara a obter a acreditación de coñecemento do Celga 1 nas probas oficiais organizadas pola Xunta de Galicia.

A convocatoria dos cursos en liña preparatorios do Celga 1 abrangue un total de tres cursos gratuítos que se desenvolverán do 1 de abril ao 7 de xuño e nos que se admitirán, por rigorosa orde de chegada, ata 50 solicitudes en cada un (150 en total). Desenvolveranse durante 10 semanas durante as que o alumnado se deberá preparar para os exames de acreditación do Celga 1 mediante o traballo das 10 unidades didácticas que conforman o curso exercitando as catro competencias lingüísticas en galego (expresión e comprensión oral, e expresión e comprensión escrita).

Máis información no web da SXPL.

E por fin, twitter en galego!


21 de febrero de 2013


Hai case dous anos Twitter comezou a traballar nas versións da súa páxina noutros idiomas distintos do inglés. Escolleu a mesma fórmula que xa adoptara Facebook, de xeito que son os propios usuarios da plataforma os encargados de realizar a tradución á lingua que queiran. Pero antes Twitter tiña que darlles acceso ás linguas aspirantes, en función do seu número de usuarios entre outros factores, ao servizo de tradución para que aí si, os tuiteiros completen o proceso. Foi o inicio dun longo camiño que hai unhas horas se completou con éxito para a lingua galega.

Para mudar a lingua abonda con entrar en settings e despois en account para cambiar en languagepara o galego. Hai que ter en conta que a versión en galego aínda está en beta. Polo tanto, pode haber erros e os termos poden ser aínda postos en discusión a través do Centro de Tradución. Dende agora Follow é Seguir, Tweet dise Chío, os Trends son Tendencias e cando un chío é repetido por un usuario dise que foi rechiado.

O proceso aínda non está completo. Este mesmo mércores Twitter tamén anunciou que se poñían en marcha as versións en catalán e vasco para os dispositivos móbiles. A versión en galego terá que agardar uns meses
Foron moitos meses de peticións, email cruzados e de traducións, votacións e revisións, dende setembro do pasado ano cando Twitter autorizou o inicio do proceso de tradución ao galego. Ás veces deu a impresións de que este día non daba chegado, pois despois do traballo de tradución de termos e expresións, que se completou con rapidez, quedaba un proceso máis farragoso de votación e validación das propostas, no que o traballo conxunto da comunidade foi fundamental. E mesmo aí houboobstáculos inesperados e mesmo pareceu que o Twitter en galego topara co Vaticano e déronse casos de supostos boicotadores, que escacharon parte do traballo feito.
O proceso aínda non está completo. Este mesmo mércores Twitter tamén anunciou que se poñían en marcha as versións en catalán e vasco para os dispositivos móbiles. A versión en galego terá que agardar uns meses.

Dous anos de traballo

É un éxito colectivo da comunidade tuiteira e sobre todo dun grupo máis activo de tradutores
Cando a empresa comezou a falar da posibilidade de abrir o seu servizo a outras linguas, un grupo de internautas puxeron en marcha a iniciativa Twitter en Galego, co obxectivo de "activar a comunidade twitteira galega para reclamar a posibilidade de tradución ao galego facendo ver o peso que ten esta lingua no seu sistema e que hai un certo interese en dispoñer desta funcionalidade, ademáis de demostrar a dispoñibilidade dos usuarios para enfrontarse a unha tradución conxunta do sistema". Neses meses, conseguiuse que #twitterengalego fose TT a nivel estatal, e forxouse unha certa sensación de comunidade, ademais de quedar claro que existían mans e cerebros dispostos a traballar nas traducións.
Foron moitos meses de peticións, email cruzados e de traducións, votacións e revisións, dende setembro do pasado ano cando Twitter autorizou o inicio do proceso de tradución ao galego. É un éxito colectivo da comunidade tuiteira e sobre todo dun grupo máis activo de tradutores. Xa en setembro se criticara que dende a Xunta se lanzase a idea de que o twitter en galego chegaria pola acción da administración cando fora a intensa actividade da comunidade tuiteira galega a que acadou o obxectivo.

Publicado o 21/02/2013 en www.praza.com
Enlace permanente: pica aquí

Queremos galego!! Manifestación en defensa do idioma o domingo 27 de xaneiro en Santiago


25 de enero de 2013




QUEREMOS GALEGO convoca unha manifestación o domingo 27 de xaneiro en Santiago de Compostela.
A saída será ás 12:00 dende a Alameda de Santiago e rematará na praza da Quintana onde se leerá un manifesto no que se reclma a derrogación do Drecreto de plurilingüismo e que se garanta o ensino en galego durante, como mínimo, o 50% do horario semanal.
Cartaz Mani 27 Xaneiro

QUEREMOS GALEGO é unha plataforma cidadá, conformada por entidades de diferentes ámbitos e por persoas a título individual, que nace da vontade de articular unha ampla resposta colectiva a prol da lingua propia do noso pobo, o galego; de defensa e afirmación dos usos públicos e dereitos lingüísticos xa garantidos pola actual lexislación; de progresiva normalización naqueles espazos onde o idioma de noso non goza aínda da presenza desexada.

QUEREMOS GALEGO nace dun activo proceso de debate e reflexión colectiva arredor da difícil situación que está a vivir a lingua neste momento concreto. A un estado de saúde de por si preocupante, como reflicten todos os estudos elaborados até o momento, únese un elemento non menos grave: as medidas regresivas que no ámbito da lingua ou da cultura está a aplicar o actual goberno da Xunta xa desde os primeiros días da lexislatura.
A plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO aspira a recoller e transformar en enerxía a prol da defensa do noso idioma, elemento central da nosa existencia colectiva, a gran preocupación que a actual política lingüística do goberno galego ten creado en amplos sectores da sociedade, independentemente das súas afiliacións ou simpatías. Instamos ao noso pobo a moverse a favor de aquilo que nos une e identifica, que nos sitúa as galegas e os galegos no mundo no mesmo nivel que as outras culturas do planeta, aquilo que nos fai universais: a nosa lingua.
Facémolo desde a convicción de que a actual situación de retrocesos legais, desprotección dos nosos dereitos lingüísticos ou cuestionamento de consensos básicos arredor do idioma que custou o seu traballo construír non gusta a unha inmensa maioría da sociedade galega, que ama a súa lingua e desexa a súa normalidade.
Para esa ampla base social ten abertas as súas portas a plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO e as diferentes iniciativas que irá desenvolvendo.