O TSXG resolve que o uso do galego nunha demanda non é “defecto de forma"


1 ago 2013


A presentación dunha demanda en galego é un dereito e non é un defecto de forma. É o que vén de resolver o TSXG en resposta ao recurso presentado pola empresa In Side LOGISTICS contra unha demanda por despedimento, alegando “defecto de forma” por estar escrita en galego

Non é un defecto de forma, senón un dereito que nos asiste. O TSXG dá a razón á traballadora e á CIG na resposta ao recurso presentado pola empresa In Side LOGISTICS contra a demanda de despedimento por estar escrita en galego. A empresa alegaba “defecto de forma” por estar a demanda presentada na nosa lingua, ao que o TSXG vén de responder que ese é un dereito da traballadora. A empresa solicitaba que a demanda fora traducida ao castelán mais fundamentaba o seu recurso en considerar un “defecto” estar redixida na nosa lingua. 

A sentenza agora emitida polo TSXG recoñece que “unha demanda presentada en galego terá plena validez. Se unha demanda debe surtir efectos nun territorio fora da Comunidade Autónoma Galega e se solicita pola parte a súa tradución ao castelán, o xulgado procederá a súa tradución". 


Amparada na lexislación

A empresa ten o seu centro en Valencia mais a traballadora desenvolvía os seus labores para In Side desde a Coruña e, en función das normas que rexen as competencias territoriais, tiña dereito a presentar a demanda na Coruña. 

A demandante presentara un recurso a través dos servizos xurídicos da CIG e o seu avogado, David Pena, defendía na argumentación que o uso do galego é un dereito que se ampara non só na lei de Normalización Lingüística, senón tamén no Estatuto ou na propia Constitución. “A redacción da demanda en lingua galega non constitúe defecto algún senón un dereito amparado pola lexislación lingüística tanto do Estado español como internacional”, defendían no texto da impugnación, afirmacións que vén de avalar agora o TSXG. A empresa tentaba empregar a lingua como razón para invalidar unha demanda contra despedimento. A empresa podía ter solicitado o servizo de tradución dos documentos a través do propio Xulgado. 

Publicado o 29/07/2013 en www.sermosgaliza.com

Enlace permanente: pica aquí