A situación do galego na Administración de xustiza (II)


20 dic 2013


Segundo artigo publicado na páxina da Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega (Prolingua) e escrito por Xosé Antón Laxe Martiñán. Lexislación

A regulamentación do réxime lingüístico no ámbito xudicial establécese no artigo 231 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, cuxa redacción constitúe de facto unha clara minoración do principio de igualdade das dúas lingua cooficiais en Galicia e outorga unha evidente preferencia ao castelán respecto ao galego. Segundo este artigo, o galego é de uso simplemente potestativo polo funcionariado, mentres ninguén alegue indefensión. A indefensión é, por suposto, un defecto inalegable respecto do castelán.

O castelán, outramente, é o idioma considerado como habitual na Administración de xustiza. Ademais, o valor xurídico dos documentos redactados en galego que consten unidos ás actuacións é negado cando estes precisen surtir efecto fóra de Galicia. Desta maneira, a obriga de traducir estes documentos ao castelán inhibe a vontade do funcionariado de usar o galego na redacción orixinal.

Verbo disto, cómpre dicir que segundo a miña experiencia (traballei anos a carón dunha das poucas xuízas que sentencia e tramita en galego), non é común, nin moitísimo menos, pedir a tradución de sentenzas redactadas no noso idioma. De se pedir a tradución, non está demais pensar que a iniciativa responde a unha estratexia de dilación do trámite de publicación da sentenza por adiar a súa execución ou por sumar días ao prazo legal para recorrer. Nos anos de traballo aos que veño de aludir neste parágrafo ninguén, ninguén, pediu nunca a tradución de ningunha resolución redactada orixinalmente en galego.

A Lei establece que os cidadáns poden esixir o uso do galego nos testemuños das sentenzas e actos resolutorios. Fóra diso, o funcionariado non ten ningunha obriga de responder en galego cando o xusticiable o interpela nesta lingua. Ata que non se estableza un principio xeral de respecto pola opción lingüística do xusticiable, o dereito á opción lingüística está en mans do funcionariado e a miúdo depende do arbitrio de xuíces e secretarios xudiciais. Desta maneira, nas oficinas xudiciais é moi habitual que xuízas e secretarias xudiciais sexan quen determinen a lingua que se deberá empregar na súa oficina. Así, a lingua de traballo na oficina xudicial responderá unicamente á vontade do persoal que alí traballa e non á da cidadá que é atendida.
Ao noso ver, a causa básica que motiva a situación que vimos de describir é só unha: hai dereitos lingüísticos que amparan o galego pero non existe a obriga de coñecelo, só o dereito a usalo, segundo se recoñece no artigo 5.2 do Estatuto de autonomía. Porén, na Constitución española malia establecerse no Preámbulo a vontade de protexer a todos os españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas e tradicións, linguas e institucións e no artigo 3.2 o “respecto” institucional polas outras linguas oficiais, no punto primeiro deste mesmo artigo tamén se lexitima a obriga de saber o castelán en todo o Estado. Consecuentemente, de acordo con este marco legal coxo, incompleto e supremacista castelán, no ámbito administrativo galego non é posible esixir o requisito de saber a lingua propia de Galicia. É por isto que na práctica non se respecta a cooficialidade lingüística de Galicia e se impón o español sobre o galego, con consecuencias moi negativas para o noso idioma.

Por Xosé Antón Laxe Martíñán

Publicado o 19/12/2013 en www.prolinguagalega.org

Enlace permanente: pica aquí