A partir de comezos de 2014 poderemos usar o .gal


3 jul 2013


A ICANN, organismo que goberna a rede, aprobou o dominio para a lingua e cultura galegas, o .gal, que está previsto que se poida comezar a utilizar xa a comezos de 2014 en sitios web que usen o galego


Máis de 12.000 apoios cidadáns. Máis de 110 entidades adheridas. Máis de sete anos de traballo. O alento sostido das principais entidades e institucións galegas. O apoio decidido da administración autonómica ao longo do tempo. Todo isto foi necesario para que a ICANN, organismo que goberna a rede, aprobase o dominio para a lingua e cultura galegas. O 14 de xuño de 2013 é xa unha data na historia da internet en Galicia. “É unha conquista de toda a sociedade e un exemplo de que todos xuntos podemos”, sinalou o presidente da asociación puntoGAL, Manuel González.

Foi un proceso longo non exento de complicacións. Un proceso que culmina co anuncio da aprobación do dominio por parte de ICANN e que abre a porta para que, en tan só uns meses, o .gal poida ser rexistrado e utilizado para darlle a Galicia visibilidade na rede, para amosar os espazos da lingua en internet, para facer negocios baixo o paraugas dun dominio propio.

Utilidade do .gal
“As letras .gal vanlle estar recordando ao mundo cada día que existe unha comunidade que se chama Galicia e unha cultura e unha lingua que se chama galego”, dixo González nunha roda de prensa no Instituto Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, espazo que habitualmente ocupan as mozas e os mozos que serán o futuro do país. Un lugar tan simbólico como o é este dominio “que lle vai dar visibilidade universal á nosa personalidade particular”.

Da Real Academia Galega ao Consello da Cultura pasando polas tres universidades, centros de investigación, asociacións de empresas de novas tecnoloxías, colexios profesionais, medios de comunicación e por ducias de colectivos de base, a candidatura do dominio sentiuse sempre apoiada pola sociedade. Dentro e fóra. Máis de vinte asociacións de galegos/as no exterior de países como Estados Unidos, Brasil, Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, Arxentina ou Uruguai están tamén detrás do dominio. De feito, un dos obxectivos de .gal é servir de identificador e vínculo entre a diáspora galega.

Reinvestir os beneficios en promover a lingua e a cultura galegas
Queda xa atrás aquel dez de xuño de 2006 cando as entidades fundadoras da asociación puxeron en marcha a candidatura. Naquel pequeno acto sentáronse as bases que mantiveron vivo o proxecto durante este sete anos. Entre elas, o propósito firme de que a entidade que xestionará o dominio se autofinancie e reinvista os beneficios obtidos en promover a lingua e a cultura galegas.

A este respecto, González lembra que “cando hoxe alguén rexistra un dominio xenérico (.com, .net, .org, etc.) a maior parte dos beneficios da operación marchan fóra de Galicia; polo contrario, cando rexistren un .gal a situación será a inversa: a maior parte da repercusión económica directa quedará en Galicia”. Esta intención está recollida na candidatura remitida pola Asociación puntoGAL, unha entidade sen ánimo de lucro, á ICANN.

Fala con puntoGAL
Tras a decisión de ICANN ábrese agora un procedemento administrativo que rematará coa sinatura do contrato de delegación do dominio a finais deste ano ou principios do seguinte. Semanas despois poderán comezar a rexistrarse os.gal de acordo cunhas normas públicas e transparentes. Será o momento para todos aqueles sitios na rede que empregan o galego ou que fomentan a comunidade e a cultura do país. O paraugas ábrese para eles.

A reserva de dominios .gal farase en varias fases, de acordo ás normas fixadas por ICANN e pola Asociación puntoGAL. Entre outras cousas, recollerase a protección das marcas rexistradas ou a prioridade de rexistro para as entidades, públicas ou privadas, que traballan no ámbito do galego. PuntoGAL informará puntualmente sobre os prazos e as normas a través do seu portal puntogal.org e as redes sociais. Calquera entidade ou cidadán ou cidadá pode tamén poñerse directamente en contacto coa Asociación a través destas ferramentas. Dúbidas, preguntas, suxestións, queixas, ideas. Calquera achega será ben recibida.


FONTE: Asociación Puntogal