Problemas informáticos á parte e diante da expectativa da instalación dun novo programa en 2015, aquel traballo de implantación de documentación en galego non tivo continuidade dende que hai Minerva NOX, agás na orde social, na que se seguiron traducindo documentos que, finalmente, nunca se implantaron no programa. Esta parálise quizais tamén foi debida ao retroceso no uso institucional e social do noso idioma. O traballo da Dirección Xeral de Xustiza, dependente da Consellaría de Presidencia, é nulo no que toca á introdución e promoción do noso idioma na administración de xustiza, e só se revelou eficaz para expulsalo dos escasos lugares nos que estaba presente. A este respecto poucos exemplos máis somos quen de contar, e moito máis irrelevantes, que o dos modelos antes citados.
Causas ou inercias?
De observarmos os datos de coñecemento do idioma por parte da sociedade galega (funcionarios e funcionarias forman parte desa sociedade dentro e fóra das oficinas xudiciais) veremos que aquelas porcentaxes non se corresponden, nin de lonxe, cos índices de uso do galego na Administración. Logo, que motivos hai para que a lingua sexa excluída do espazo xudicial? Se ademais a procedencia do cadro de persoal, incluídos maxistradas, xuíces, fiscais e secretarias xudiciais é maioritariamente autóctona, cal é a razón para que se prescinda do galego? Neste punto pensamos nese ermo elitismo, tan propio da dramaturxia xudicial, que colga gravatas do pescozo dos profesionais e tenta arrogar un dubidoso prestixio por medio da exclusión do idioma a priori socialmente peor considerado.
A non esixencia de coñecementos de galego para acceder a un posto na administración de xustiza fai que o funcionariado foráneo que presta servizos en Galicia non estea preparado para entender o xusticiable no noso idioma. Ademais, esta non esixencia degrada a consideración (o prestixio) social do idioma e a percepción entre o funcionariado da conveniencia do seu uso en aras da normalidade lingüística dentro dos xulgados. Consecuentemente son pechadas moitas bocas que, se a percepción social fose outra, se sumarían gustosas ao arduo labor da normalización.
Ora ben, tamén hai que dicir que o descoñecemento do idioma, malia ser considerado como unha das causas principais, está moi lonxe de xustificar a ausencia do galego na Administración de xustiza, pois o uso efectivo está moi por baixo das porcentaxes de coñecemento publicadas polo Instituto Galego de Estatística. De feito, alegar descoñecemento só sería unha mala xustificación para non facer o esforzo de cambiar de lingua, pois a maioría do cadro de persoal puido acceder aos cursos de linguaxe xurídica que se organizan anualmente e que, porén, e ante a imposibilidade de poñer en práctica o aprendido, só se perciben útiles para sumar puntos de cara a posibles traslados ou promocións.
A acumulación de traballo nos xulgados e a escaseza de medios materiais e, sobre todo, persoais determina que traballar en galego sexa unha auténtica odisea. A realidade que impera, isto é, un mal e caótico funcionamento das oficinas xudiciais, fai que o persoal opte por sobrevivir neste caos laboral evitando máis “complicacións” e, á vez, determina que o pouco que se pode facer non responda a un criterio lingüístico, senón unicamente ao voluntarismo, nin remunerado nin recoñecido, de traballadores e traballadoras. É dicir, as inercias de funcionamento en castelán son tan fortes que o galego, cando se emprega, sempre é nunha situación provisoria e vinculado á excepcionalidade. Velaí un bo exemplo de imposición.
Desta maneira, a Xunta de Galicia, por medio da Dirección Xeral de Xustiza, creou unha inercia mala de mudar. Quen opera no ámbito xudicial, e polo tanto todas as persoas que fan rodar a engrenaxe da xustiza, aínda que nas súas actividades persoais ou non profesionais empreguen o galego, desenvolven a consciencia de que cando se deben relacionar coa Administración de xustiza teñen que facelo en castelán e, por tanto, non mostran ningún interese por solicitar o uso do noso idioma no transcurso do proceso.
Esta situación, consecuentemente, provoca que o funcionariado e os administrados vexan o uso do galego nos xulgados como unha innecesidade, artificial ademais, ao que tamén contribúe a pouca demanda que hai da nosa lingua entre os/as profesionais do dereito (que estudan unha carreira baseada na memorización de textos impresos e maioritariamente explicados en castelán). A este respecto convén ter en conta que quen precisa da tutela xudicial nunca acode a un xulgado por causas agradables ou cómodas. Polo tanto, nesas circunstancias, non cabe esperar que de quen só busca resolver rapidamente o seu problema xurda a inercia precisa para cambiar de hábitos lingüísticos.
Por Xosé Antón Laxe Martiñán
Publicado o 17/12/2013 en www.prolinguagalega.org
Enlace permanente: pica aquí