Galicia xa ten o .gal


15 jun. 2013


"Nuns tempos nos que non abundan as boas novas temos convocámosvos para dar conta do anuncio feito onte pola ICANN de que o dominio .gal superou positivamente o proceso de avaliación". Deste xeito comezou Manuel González, presidente da asociación puntoGAL, a intervención que serviu para anunciar que o .gal, o dominio galego, xa é (case) unha realidade. Despois da aprobación este venres pola ICANN e dun periodo transitorio de entre 6 e 9 meses, o dominio estará operativo no inicio de 2014.
Como lembrou o propio González, este logro é a conclusión dun traballo de máis de sete anos, dende o 10 de xuño de 2006 no que as entidades fundadoras da asociación puxeron en marcha a candidatura. "É unha conquista de toda a sociedade e un exemplo de que todos xuntos podemos. Hai máis xente comprometida co país da que parece", salientou González, que tamén pediu que "ninguén trate de apropiarse del". 110 entidades, máis de 12 mil apoios cidadáns, o consenso de todos os partidos e dos gobernos de todas as cores. González agradeceu o apoio de todo para a consecucion deste obxectivo que permitirá unha meirande visibilidade de Galicia e da lingua e cultura galegas en todo o planeta: "As letras .gal vanlle estar recordando ao mundo cada día que existe unha comunidade que se chama Galicia e unha cultura e unha lingua que se chama galego. Vaille dar visibilidade universal á nosa personalidade particular. Hoxe é un día feliz para Galicia e para a nosa lingua", salientou Gonzalez .
"É unha conquista de toda a sociedade e un exemplo de que todos xuntos podemos. Hai máis xente comprometida co país da que parece", salientou González
Unha importancia económica, tamén. "Cando hoxe alguén rexistra un dominio xenérico a maior parte dos beneficios da operación marchan fóra de Galicia. Polo contrario cando rexistren un .gal a situación será a inversa: a maior parte da repercusión económica directa quedará en Galicia". O contarmos cun dominio propio redundará especialmente en beneficio das empresas e iniciativas tecnolóxicas e vencellandas coa rede e tamén servirá para impulsar o uso do galego nestes eidos. Ademais, a Asociación utilizará todos os beneficios xerados para potenciar o emprego da lingua galega nas TIC. O dominio .gal tamén permitira que Galicia sente directamente "nas mesas nas que se toman as decisións sobre a gobernanza de internet", destacou Manuel González.
A Asociación Puntogal destaca tamén que "contar cun dominio propio situará o galego no máximo nivel entre as linguas no DNS, o que repercutirá no seu prestixio internacional. Para os efectos prácticos, atopar e ordenar información en galego resultará moito máis doado, por exemplo para os grandes buscadores". En 2011 rexistráronse máis de 9.400 novos dominios .es en Galicia, un crecemento do 10%, malia que ese ano o PIB da autonomía só medrou o 0,5%. A finais do ano pasado había en Galicia máis de 47.000 dominios rexistrados, cunha taxa de novas altas que oscila en torno a 10.000 novos dominios .es anuais, nun contexto de estancamento ou recesión económica.

Cando poderei ter o meu punto gal?

Os responsables da asociación calculan que ao longo de 2014 se rexistrarán cando menos entre oito e nove mil dominios
Cales son os pasos seguintes? Cando poderemos comezar a empregar dominios .gal? A aprobación do dominio por parte da Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN) é o paso máis importante dun proceso que agora debe pasar por distintas fases e que culminará a comezos de 2014. En primeiro lugar, a ICANN debe asinar coa asociación puntoGAL o contrato de delegación do servizo, polo cal a puntoGAL pasará a ser a responsable da concesión e xestión deste dominio.
Para calquera empresa o dispoñer dun dominio .gal significará "un valor engadido, unha meirande identificación coa sociedade á que se dirixen e un elemento de confianza"
Haberá tamén un periodo transitorio de entre 6 e 9 meses que servirá para fixar o prezo definitivo dos dominios e para establecer as reservas de nomes. Certas institucións públicas e entidades culturais terán dereito neste tempo a reservar o seu dominio antes de que calquera outro poida adquirilo e o mesmo pasará con determinadas marcas comerciais e empresas con marca rexistrada. Unha vez que se supere esta fase, ao redor de marzo, a convocatoria abrirase a todos e todas e calquera persoas poderá rexistrar o seu dominio punto gal. Os responsables da asociación calculan que ao longo de 2014 se rexistrarán cando menos entre oito e nove mil dominios. Nos seus primeiros cinco anos de existencia, o dominio .cat superou as 50 mil páxinas e converteuse nunha marca de país para todas as iniciativas, entidades e corporacións catalás.
Nos vindeiros meses a asociación puntoGAL comezará unha campaña de difusión da importancia e das vantaxes do dominio, dirixida ao mundo da cultura ou ao mundo do ensino, pero de forma moi especial ao mundo da empresa. Destacan que para calquera empresa o dispoñer dun dominio .gal significará "un valor engadido, unha meirande identificación coa sociedade á que se dirixen e un elemento de confianza".