Convocados cursos preparatorios para as probas Celga e de linguaxe administrativa galega


6 sept 2013


Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou no DOG do 2 de setembro de 2013 a convocatoria de diversos cursos gratuítos de lingua galega: por unha banda, cursos de linguaxe administrativa galega e, por outra, cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega, Celga. Todos os cursos terán lugar nas escolas oficiais de idiomas de Galicia entre setembro de 2013 e febreiro de 2014.

Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen preparar as probas convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificar a súa competencia en lingua galega. O prazo para a presentación das solicitudes será a partir do día seguinte ao da publicación da orde e ata cinco días antes da data establecida para o inicio de cada curso.

Os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior van dirixidos ao persoal das diferentes administracións públicas de Galicia, exceptuando o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario. Poderán tamén solicitar a realización destes cursos as persoas maiores de dezaseis anos que non sexan empregados/as públicos/as. Neste suposto só se poderá optar ás prazas no caso de que non sexan cubertas por empregados/as públicos/as as prazas ofertadas para cada curso. O prazo para a presentación das solicitudes será de 20 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Información completa no DOG do 2 de setembro de 2013.