Ao edificio xudicial de Ourense non deixan de aparecerlle borrones. Cando a Xunta e o Concello endereitaran o rumbo para que se puidese acometer esta obra nuns terreos do Couto, formalizada xa a adxudicación á construtora Copasa, unha sentenza do Tribunal Superior de Galicia cuestiona o procedemento seguido pola administración autonómica á hora de elixir e encargar o proxecto. A sentenza, formalmente ditada con data do pasado 6 de outubro, anula o acto administrativo polo que o 2 de setembro do 2009 adxudicaba a Xunta o concurso de ideas para a construción do edificio xudicial de Ourense.
O solar do Couto |
As irregularidades e infraccións de normativa que se produciron nesa adxudicación levaron á empresa «Collarte Architects Studio», do ourensán Luís Collarte, a formalizar un contencioso-administrativo. A sección segunda da sala do contencioso, nunha sentenza da que foi relatora a maxistrada Cristina María Paz Eiroa, acolle as súas teses e anula a adxudicación do concurso de ideas que xustificou os traballos de redacción do proxecto.
Con este desenlace, a execución efectiva da obra de construción do edificio xudicial de Ourense queda seriamente tocada, pois, en boa lóxica, sería preciso retrotraer as actuacións, revisar o proceso e adxudicar de novo os traballos de redacción do proxecto. De resultar gañador outro estudo diferente ao adxudicatario, faríase necesario reconsiderar non só o deseño senón tamén os orzamentos de obra e as actuacións posteriores.
É, en calquera caso, previsible que a administración pida aclaracións ao TSXG para poder reconducir o proceso.
Publicado en www.lavozdegalicia.es
Enlace permanente: http://goo.gl/0tjct