Miles de persoas toman as rúas galegas para pedir un "cambio global"


16 oct 2011


"Unidos por un movemento global". Ese foi un dos lemas elixidos nas numerosas manifestacións que percorreron as grandes cidades galegas e na que participaron máis de 50.000 persoas, segundo a organización. En Santiago, Conde Roa ordenou pechar a metade da Praza do Obradoiro que se quedou pequena para acoller aos manifestantes.

"Non imos parar. Faremos todo o que sexa necesario para acadar o cambio que necesitamos para asegura-la nosa supervivencia. Para que a xeración dos nosos fillos, das nosas fillas, e as que veñan despois, teñan dereito a soñar, e a cumprir os seus soños. Por que non somos mercadoría en mans de políticos e banqueiros. Por que non nos representan. Cambio Global Xa".

Así rematou a lectura do manifesto que se leu na maior parte das protestas que o colectivo dos indignados organizou en distintas cidades e vilas galegas e que reuniu a máis de 50.000 persoas. En todas elas se pediu o fin da actual situación financieira na que "só se beneficia a uns poucos" e non se escoita á "maioría social".

Precisamente, "Unidos por un cambio global" foi o lema escollido na maior parte das protestas que se reproduciron ao longo de todo o Estado e noutras grandes cidades do resto do mundo como Washintong, San Francisco, Los Ángeles, Bruxelas, París ou Londres.


En Santiago, foron máis de 15.000 as persoas que, segundo a organización, se deron cita na Praza do obradoiro, nunha marcha que estivo protagonizada pola decisión do rexedor popular, Gerardo Conde Roa, de vallar a praza. Nun primeiro momento, a Policía Local pechou dous terzos da mesma pero, ante a magnitude da protesta, decidiron atrasar o valado ata a metade. Por iso, e como xa aconteceu noutras manifestacións, o alcalde compostelano converteuse no protagonista desta marcha xa que en toda a protesta se escoitaron consignas como "Conde Roa Dimisión" ou "A praza é nosa".

Aquí máis imaxes da protesta na capital do país. Nas próximas horas GC publicará os vídeos da manifestación, incluídas as negociacións coa policía sobra as vallas do Obradoiro.

Momentos de tensión

Ao final da concentración producíronse momentos de tensión cando un grupo de persoas, indignadas coa actitude do rexedor, tentou romper o valado ante o nerviosismo dos policías locais que aseguraban que eles só cumprían ordes e que tampouco lles gustaba esa situación. Sen embargo, finalmente, e tras un dialogo entre os membros da organización, participantes na marcha e os propios indignados decidiuse non actuar. "Iso é o que queren para logo criminalizarnos", berraba un mozo.

Vigo

En Vigo foron tamén preto de 15.000 as persoas que participaron na protesta, segundo os organizadores. A marcha comezou na Praza de España e rematou na Porta do Sol tras cruzar Granvía, Urzáiz, Colón e PolicarpoSanz. Durante o traxecto puidéronse escoitar consignas contra os bancos e contra os políticos. "que non, que non nos representan" ou "con esta democracia imos de cu".

A Coruña

Na Coruña foron freto de 10.000 as persoas que se sumaron a unha marcha que saíu da Praza de Pontevedra e percorreu as principais rúas da cidade. Vivíronse momentos de tensión ao cruzar pola sede central de Novacaixagalicia, onde se puideron escoitar berros de "ladróns" e "devolvede o que roubáchedes", en alusión ás indemnizacións millonarias dos ex directivos de Caixanova e Caixagalicia.

Ourense

En Ourense, foron máis de tres mil persoas as que saíron da Alameda e acabaron la Praza Maior, onde se deu lectura ao manifesto conxunto. En Ferrol, preto de dúas mil concentráronse na Praza de Armas, fronte ao concello, onde denunciaron a actitude corrupta dos políticos e dos banqueiros. Tamén en Lugo se xuntaron máis de mil persoas para reclamar un "cambio global".

Tamén había manifestacións convocadas, entre outras localidades galegas, en Ferrol, Lugo, Monforte e Mondoñedo.


Publicado en Galicia confidencial

Enlace permanente: http://goo.gl/a1dEL