A Alianza Social Galega saíu hoxe á rúa nas principais cidades e vilas de Galicia. A plataforma, creada hai dous meses, agrupa a CCOO, UGT e CIG e unhas 60 organizacións e convocou por primeira vez marchas para protestar contra as últimas medidas de austeridade aplicadas polos gobernos do PP. A partir das 19.30, e de aí en diante, milleiros de persoas concentráronse malia a chuvia ou o mal tempo na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Burela, Lugo, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo baixo o lema Por outra saída da crise.

A plataforma, que xa apoiou a última folga xeral, debutou así como principal convocante dunhas marchas nas que tamén se esixiu "a reforma da normativa hipotecaria para pór fin ao drama dos desafiuzamentos e lograr a dación en pagamento" e nas que tamén se protestou contra a última intención do Goberno Feijóo de recortar, unha vez máis, o salario dos traballadores públicos.
Publicado o 20/12/2012 en www.praza.com
Enlace permanente: pica aquí