Os traballadores públicos da Xunta cargan contra Feijóo e piden "votar en consecuencia"


16 oct 2012



A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galicia, órgano que representa os funcionarios neste ámbito, veñen de emitir un comunicado de cara ás eleccións do vindeiro 21 de outubro na que fan "un chamamento xenérico ao conxunto de traballadoras e traballadores públicos con respecto" aos comicios. Nunha decisión inédita, critican a política de austeridade por "traducirse en recortes exclusivamente á clase traballadora co único fin de compensar desmandados financeiros" e, aínda que non pide o voto para ningunha forza política, si chama a exercelo "en consecuencia" vista a situación dos servizos públicos.
Non piden o apoio para ninguén pero si "votar en consecuencia" vistos "os recortes á clase traballadora"
Así, a Xunta de Persoal denuncia que o actual Goberno, desde a súa chegada ao poder en 2009, "implantou unha política de acoso e derribo ao colectivo de empregados públicos e contra os servizos públicos en xeral", e acusa o presidente Feijóo de "desprezar" o seu labor xunto con varios conselleiros, algo que ven como "constante", ben en forma de "declaracións públicas falsas e argumentacións falaces ou ben impulsando cambios normativos dirixidos a recortar e limar os dereitos adquiridos".
"A Xunta implantou unha política de acoso e derribo ao colectivo de empregados públicos e contra os servizos súblicos en xeral"
O comunicado, que é moo duro co Executivo do PP, lembra que o Goberno "aprobou en febreiro deste ano unha lei de Medidas de Aforro que recortou" todos os seus dereitos "de xeito brutal" e recorda tamén que "implantou unha por unha e coa máxima celeridade todas e cada unhas das medidas impostas dende o Goberno central" sen procurar nunca " atopar unha saída favorable ou compensatoria para paliar calquera delas".
"As chamadas ao aforro e á austeridade do Executivo non se corresponden con indultos millonarios a cargos do partido do actual goberno ou coas subvencións á prensa que non se recortan"
Para os traballadores públicos dos servizos centrais da Xunta, as chamadas ao aforro e á austeridade "non se corresponden con indultos millonarios a cargos do partido do actual goberno sancionados por Medio Ambiente, subvencións á prensa que non se recortan, campañas de publicidade institucional, contratación de asistencias técnicas, encomendas de xestión de expedientes administrativos para empresas privadas ou a xestión privada dos Servizos Sociais e a negativa a instalar software libre". "Todas estas actuacións levadas a cabo polo actual Executivo", recordan.
"Nestes tres anos e medio o proceso de desmantelamento dos servizos públicos, acelerouse co actual goberno, en base ao antes relatado e apoiándoo principalmente en amortizacións, ausencia das coberturas das baixas, taxas de reposición cero e unha ameaza clara e brutal de despedimentos xerais na Xunta de Galicia", insisten, tras destacar que entre a supresión da paga extra, as conxelacións ou a redución de empregados públicos, "o seu salario minguou máis dun 20 % con respecto ao IPC dende o ano 2009".
Esixen que "se garantan uns servizos públicos e de calidade" e que se exerza o voto "desde a responsabilidade"
Ante todo isto, a xunta de persoal fai "un chamamento para esixir" cos seus votos "que se garantan uns servizos públicos e de calidade e que este voto se exerza desde a responsabilidade". "Entendemos que as políticas do actual goberno baséanse en recortes á clase traballadora co único fin de compensar desmandados financeiros", finalizan, para aclarar que non piden a participación e o voto a favor de ninguén pero "si para que, tendo en conta o anteriormente exposto e dadas as políticas actuais, se emita un voto en consecuencia".
"Así mesmo, esiximos publicamente ao resto de partidos, un compromiso claro e manifesto para que revertan esta situación e que se comprometan a devolvernos todos os dereitos perdidos ao conxunto das empregadas e empregados públicos", rematan.
Publicado o 15/10/2012 en www.praza.com
Enlace permanente: pincha aquí