Resolución que modifica os servizos de apoio das principais cidades galegas


22 abr 2022





No DOG de hoxe publícase RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se modifica a Resolución do 9 de decembro de 2003 pola que se constitúen os servizos comúns de apoio das cidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.


Mediante a Resolución do 9 de decembro de 2003, da Dirección Xeral de Xustiza, constituíronse os servizos comúns de apoio das cidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

A constitución destes servizos tiña como finalidade dotar os xulgados das cidades de Galicia de equipos integrados con persoal experto que, desde o centro de decisión máis próximo ao problema, puidesen colaborar coas oficinas xudiciais afectadas por circunstancias ocasionais (sobrecarga de traballo por causas conxunturais, expedientes complexos, posta en marcha de novos servizos, desenvolvemento de programas concretos de actuación, baixas por enfermidade ou licenzas de curta duración, etc.), que requiren unha pronta e eficaz atención.

O artigo 168 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial (en diante, LOPX), determina que lles corresponde aos xuíces decanos velar pola boa utilización dos medios materiais, así como, en todo caso, exercer ante os poderes públicos a representación de todos os xuíces da poboación.

Tras case vinte anos desde a súa constitución, faise preciso adaptar o seu funcionamento.

Así, en virtude do establecido no artigo 20.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2397/1996, sobre transferencia a esta comunidade de medios para o servizo da Administración de xustiza, na Lei orgánica do poder xudicial e no artigo 7 do Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo,

DISPOÑO:

Modifícase a Resolución do 9 de decembro de 2003, da Dirección Xeral de Xustiza, na que se regula o funcionamento dos servizos comúns de apoio das cidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, nos seguintes termos:

Primeiro. O punto 2 queda redactado como segue:

«2. O persoal funcionario dos servizos comúns de apoio, dependentes dos decanatos, poderá desempeñar as súas funcións en todos os xulgados da respectiva cidade, así como nas unidades, oficinas e servizos comúns que lles prestan servizo a estes, mediante adscrición realizada por resolución da Dirección Xeral de Xustiza, por proposta motivada do xuíz decano respectivo. Na falta de proposta, a Dirección Xeral de Xustiza poderá realizar a adscrición directamente ou por iniciativa da Comisión Mixta coa Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza».

Segundo. O punto 4 queda redactado como segue:

«A adscrición realizarase por un período mínimo dun (1) día e ata os tres (3) meses, prorrogables, para atender situacións de sobrecarga de traballo por causas conxunturais, pendencia de asuntos, existencia de expedientes complexos, posta en marcha de novos servizos, desenvolvemento de programas de actuación ou outras circunstancias que o xustifiquen».

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de reposición, ante o director xeral de Xustiza, no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo, ante o órgano competente, no prazo de dous meses, ambos os dous prazos contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2022