A Xunta castiga un ano máis ás empregadas e empregados públicos


20 oct 2014


  • O proxecto de orzamentos xerais de Galicia, golpea con terrible dureza, ás empregadas e empregados públicos da Xunta de Galicia
  • Feijoo convértese no maior inimigo dos Servizos Públicos dos últimos 35 anos
  • O goberno da Xunta mantén o recorte do CAT (427 €) en xullo e decembro, así como a cantidade complementaria mensual en tramitación e xestión, o mesmo desconto que en 2014
Onte xoves 16 de outubro a Xunta convocou ás 17 horas na EGAP a Mesa Xeral de negociación para as empregadas e empregados públicos da Xunta de Galicia; a reunión a que estaban convocadas as centrais sindicais representativas, converteuse, un ano máis, nun "teatrillo" intolerable, no que a falla de respecto amosado por parte dos representantes do goberno galego ás empregadas e empregados públicos, así como ós seus representantes legais, raia o insulto.

Orzamentos 2015
Orzamentos 2015

Os representantes da administración autonómica, chegaron á mesa sen documentación, sen propostas, nin explicacións, agardando unicamente a que os representantes dos traballadores rematasen a quenda de intervencións para dar por resolta a “negociación”.

Con conxelación salarial, sen devolución da paga, (devolverán no 2015 tan so o 50% da parte devindicada xa gañada en primeira instancia por sentencia), mantemento xeral da taxa de reposición do 0%, agás as excepcións que prevé o estado, con rebaixa salarial nas extras para 2015, (un ano máis as pagas serán recortadas no específico ou cantidade equivalente, o que supón unha redución salarial do 4% anual), con recortes de persoal, sen compromisos nin explicacións de ningún tipo, o Goberno da Xunta deu por rematada a negociación do capítulo I dos orzamentos xerais de Galicia.

Con todo elo son xa 6 anos de rebaixa salarial continuada, 6 anos de perda de emprego, 6 anos de recortes de todo tipo, cunha prepotencia fora de toda medida.

Para CCOO non queda outra saída que a loita e a confrontación aberta, por elo tentaremos conciliar co resto de organizacións sindicais, unha campaña informativa que deberá rematar con mobilizacións en toda Galicia.

Unha vez máis Feijoo esquécese da súa labor como gobernante de todos os galegos, para seguir favorecendo unicamente ás elites adiñeiradas e dominantes, sometendo, neste caso a 120.000 empregadas e empregados públicos e as súas familias, á máis recortes nos seus salarios e condicións de traballo, ó tempo que afundindo ós servizos públicos galegos na crise máis profunda da historia da democracia.