O Sector de Xustiza de CCOO de Galicia celebra que a loita social force a dimisión do ministro Gallardón, símbolo do despotismo e o abuso de poder


23 sept 2014


A loita sigue, a loita serve!




 Hoxe, 23 de setembro acabamos de coñecer a dimisión do Ministro Gallardón, un persoeiro que suscitou e provocou a unión social de forzas dispares, un aglutinador de intereses sociais contra a súa persoa e as súas retrógradas políticas, o ministro que pasará á historia por acadar o mérito de construír unha fronte popular que foi quen de tombalo e forzar a súa saída do goberno.

 Dende o Sector de Xustiza de CCOO en Galicia non só celebramos esta dimisión, froito da loita social dende o inicio da lexislatura, senón que instamos ao Goberno do Estado a paralizar todas as reformas iniciadas polo Ministro, xa que eran fillas da mente calenturienta do Ministro menos negociador da historia da democracia: á paralización da reforma do aborto, debe seguir a da LOPX e da privatización do Rexistro Civil, non só polo seu contido, que atenta contra o noso réxime laboral e contra a Xustiza como servizo público, senón tamén porque xogando os tempos electorais xa non é hora de grandes proxectos ata a próxima lexislatura.

 Queremos felicitar a todas as persoas que, integradas nas diferentes plataformas, loitaron na rúa polo dereito ao aborto, aos que se organizaron en vilas como Ferrol, O Barco, Ribeira, Vigo, etc en plataformas para defender o seu partido xudicial, aos funcionarios e funcionarias de xustiza que baixaron ás diferentes concentracións sostidas durante dous anos, clamando con nós Gallardón, dimisión!! pola lei de taxas, a de asistencia xurídica gratuíta, o Rexistro Civil, a LOPX e todas as reformas restritivas de dereitos que este ministro, que saíu dando grazas ao seu pai e a Fraga (o que o define politicamente), pretendía implementar esmagando a Xustiza Pública. 

Aínda que se as políticas non cambias as persoas importan pouco, queremos resaltar e poñer en valor a mobilización, a súa utilidade como ferramenta para frear as imposicións, dende logo unha ferramenta moito máis útil que a resignación, o desapego ou mesmo o desprezo que hoxe en día palpamos no ambiente dun alto porcentaxe de traballadores e traballadoras.