CCOO, UGT e CiG mobilizaranse na defensa do Partido Xudicial de Carballo


11 jun 2014


• Mañá xoves ás 13:30 nas portas do Xulgado, tras unha asemblea de traballadores, reivindicaremos a permanencia do partido xudicial sen recortes. 

 Carballo, 11 de xuño de 2014.- A reforma emprendida polo ministro Gallardón, que reduce de corenta e cinco a catro os partidos xudiciais, supón un duro golpe a Xustiza e ao tecido socioeconómico para a cidade de Carballo, que vería desprazada á capital da provincia a sede xudicial.

Segundo as memorias anuais do Consello Xeral do Poder Xudicial, Carballo, nos seus tres xulgados, tramita ao ano preto de 7000 asuntos, detrás dos que hai persoas e problemas de calado que a Xustiza tenta resolver, como desafiuzamentos, violencia machista, explotación laboral, etc. Esta reforma afasta a xustiza do usuario, que para cada trámite tería que desprazarse á cidade da Coruña, un afastamento xeográfico ao que hai que sumar ademais un encarecemento, con custos de desprazamento, e das xa aprobadas taxas xudiciais. O dereito á tutela xudicial efectiva vese cercenado, e conságrase unha xustiza de dobre vía na que os máis poderosos sempre van ter as de gañar.

Non só o usuario da xustiza verase afectado, ademais dos case 40 funcionarios que prestan servizos nos Xulgados, avogados, procuradores e demais operadores xurídicos. Tamén o tecido socioeconómico da cidade veríase afectado. Os asuntos xudiciais serven tamén como motor para o pequeno comercio e hostalería que xiran en torno ao edificio xudicial, edificio de nova construción cun forte investimento público, que agora os poderes públicos parecen querer dilapidar ou ben derivar a intereses privados.

 Dende CCOO esiximos a retirada do anteproxecto de Lei Orgánica, unha regulación que politiza a xustiza, ataca dereitos fundamentais, como o dereito á tutela xudicial efectiva, o dereito á xustiza independente, ou o principio básico de igualdade, e que ademais de amortizacións de postos de traballo, incide directamente na anulación dunha xustiza como servizo público que loite contra a corrupción e poña coto a explotación laboral.

CCOO, UGT e CIG chaman á cidadanía de Carballo a respaldar esta convocatoria, para mañá xoves 11 de xuño nas portas dos Xulgados de Betanzos, ás 13:30 horas, en defensa do Partido Xudicial e contra as reformas unilaterais e contra a cidadanía do Ministro Gallardón, e continuaremos coas campañas de concienciación cidadá en todos os partidos xudiciais para, de cara a outono, emprender grandes mobilizacións dende a periferia ata as capitais en defensa do terceiro piar do Estado de Benestar, a Xustiza Pública.