O PEOR DIRECTOR XERAL DE XUSTIZA DA HISTORIA DA
TRANSFERENCIA, MINTE MAIS QUE FALA E NEGA O CAOS ORGANIZATIVO NAS OFICINAS
XUDICIAIS, LEVÁNDOSE POR DIANTE OS DEREITOS DOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS.
Despois de botarlle a culpa a todo o mundo e despois de
admitir só pequenas incidencias manipulando os datos que el só manexa, afirma que as cousas non poden ir tan mal como lle pintamos,
xa que, segundo el, apenas houbo diminución da efectividade e a produtividade
nestes cinco meses.
Nun acto de cinismo absoluto:
§ NEGOU que a normativa que el redactou sen
negociación, a elaboración unilateral das RPT ou a ínfima división das
oficinas en áreas e en equipos, fosen a causa de problema algún.
§ NEGOU que a retirada de ducias de reforzos, que fixo de
xeito automático e indiscriminado, producise unha diminución
significativa da produtividade.
Na súa desvergonza, para o Director Xeral “todo vai ben” (mesmo mellor do esperado):
§ Non ve necesario a ampliación da RPT, tampouco a modificación da estrutura das oficinas
e a creación de máis áreas ou de equipos estruturais.
§ Négase a especialización en partidos pequenos: Non ve necesario a división dos partidos xudiciais de
dous, tres e catro prazas de xuíces nunha área civil e outra penal, tal como
pedimos os 5 sindicatos.
§ Formación cero: Tampouco cre que sexa necesaria a formación dos
compañeiros que cambia de xeito forzoso de materia ou de xurisdición ou leva
asuntos de varias xurisdicións ou materias.
§ Reforzos case cero: Aínda que asegura recuperar algúns reforzos non ve
necesaria a recuperar a totalidade dos que había antes.
§ Teletraballo no esquecemento: a normativa do teletraballo non é unha das súas
prioridades, e aínda que se comprometeu en febreiro a mandar un borrador desa
normativa para unha negociación, ao día de hoxe déixao todo no aire e sen data.
§ Tampouco vai facer nada para modular, temperar ou
fiscalizar as decisións dos secretarios coordinadores, nin dos letrados
directores que en moitos casos vulneran a
legalidade, empeoran as nosas condicións de traballo e afectan os nosos
dereitos laborais, o mesmo que non se vai a mollar para que os sindicatos
teñamos voz directa na elaboración dos protocolos e instrucións.
Ademais de cínico e desvergonzado, tramposo:
Di estar aberto a unha pequena ampliación das RPT, que só
viría dada pola creación de 19 prazas de xuíces, pero sen especificar cantos
funcionarios/as levarían aparellados. Máis aínda: deixou caer a posibilidade de desviar parte
dese persoal a outras localidades, o que empeoraría aínda mías a carga de
traballo onde se cren esas prazas de xuíces.
Máis mentiras, en febreiro nos dixo que a aplicación “Atenea” podería instalarse ao longo
do mes de maio, agora non chegará ata finais de ano.
En resumo, a DXX nin presenta propostas nin
ofrece solucións. Confía en que, co paso do tempo, as cousas se
"normalicen" soas. En definitiva, para o Director Xeral, os nosos problemas son ficticios.
Ante o total desprezo á realidade que estades a sufrir
todos os compañeiros e compañeiras, e ante a nula de vontade de negociar a
solución dos problemas do Director Xeral, só nos queda profundar no conflito e
entrar xa nunha fase de mobilizacións e de esixencias de responsabilidades.
Os cinco sindicatos que formamos a plataforma
estamos listos, pero necesitamos de todo o colectivo para dobregar a vontade
dunha administración instalada na autocompracencia.
Xa non hai máis que esperar, é a hora de levantarse antes
este atropelo ou remataremos perdendo dereitos e empeorando nas condicións de
traballo: QUE NINGUÉN CREA QUE ESTÁ A SALVO.
ASI VAI SER QUE NON!!!
