Concentración no edificio dos Novos Xulgados de Vigo


11 jun 2014


CCOO e as demais organizacións sindicais convocan unha concentración contra a perda do partido xudicial, contra a privatización do rexistro civil e contra a dilapidación da Xustiza como servizo público garante dun Estado de Benestar que os gobernos galego e estatal pretenden amputar.

Facemos un chamamento a todos os traballadores e traballadoras así como ao tecido asociativo da cidade a tomar conciencia do baleirado administrativo que pretenden facer das vilas e cidades que non sexan capital de provincia, cun retorno ao sistema caciquil decimonónico, ao vello estilo de Cánovas e Sagasta,  cando  a centralización administrativa era un arma para o abafo social, a impunidade da corrupción política e un campo abonado para a explotación laboral e financeira que frutifique nun aumento da creba entre clases e a inxustiza social.

A maiores, as reducións de plantillas e as mobilidades salvaxes que prevé esta reforma suporán amortizacións que derivarán nun ERE camuflado na Administración que tamén incidirán no esnaquizamento da Xustiza Pública.

CCOO pide a retirada dun anteproxecto militarista, retrógrado e ditatorial que o Ministerio non ten intención de negociar senón de impoñer á sociedade, ao igual que a privatización do Rexistro Civil, a Lei Mordaza, a Lei do Aborto e tantas outras que tratan de asentar un modelo ideolóxico no conxunto dunha sociedade plural e aberta, que tan só a través da protesta cívica e a rebelión democrática pode tombar esta doctrina do shock que a través do medo e a resignación están conseguindo facer tambalear o raquítico estado de benestar que conservábamos tras as loitas antifascistas da segunda guerra mundial, tras as loitas obreiras da transición e tras a conciencia política e sindical de tantos homes e mulleres que sufriron cadea, represión ou simple entrega persoal para conseguir os dereitos que agora nos están a usurpar