Formación do concurso de traslados de 2013


26 nov 2013



No día de hoxe, a DXX publicou na intranet xudicial o seguinte anuncio;


Como consecuencia da resolución do concurso de traslados de 2013 do persoal dos corpos de xestión, de tramitación e de auxilio, producirase un importante movemento de persoal nos distintos órganos da Administración de xustiza en Galicia, non só de persoas procedentes doutras comunidades autónomas, senón tamén cambios de destino dentro da Administración de xustiza de Galicia.

Co fin de que este persoal reciba a formación máis axeitada para o posto de traballo no que se vai incorporar, e logo de analizar a información relativa aos postos de orixe e destino, está prevista unha formación que se desenvolverá en dúas fases:

1. Formación en temas xenéricos, organizativos e administrativos. As actividades formativas xenéricas, aínda que adaptadas ao perfil do usuario, serán as mesmas para todos os usuarios.

2. Formación específica nas aplicacións informáticas da Administración de xustiza de Galicia.  As actividades formativas específicas adaptaranse ao perfil do usuario e ao seu destino.

Esta formación estará guiada en todo momento por un titor, que se asignará a cada un dos alumnos segundo se incorporen aos seus novos postos, e nela participarán os distintos formadores especializados, levando a cabo as actividades formativas (titorías, reforzos formativos remotos, etc.).