O Goberno viola a Lei ao non publicar no Rexistro de Convenios os acordos polo que Medio Rural repartiu cartos públicos sen concurso a La Voz, Grupo Prensa Ibérica (Faro e La Opinión), El Correo, El Progreso e Grupo La Región. A única televisión que recibe subvención é o da Voz.
O 21 de decembro de 2012 facía máis de tres meses que o Goberno Galego ordenara pechar o exercicio da Xunta. Centros de PEMEs proveedoras do Executivo afogaban economicamente a final de ano porque a Administración non ía pagar un peso até o próximo exercicio, e moito menos aprobar novos investimentos. Con todo, ese día a Consellería de Medio Rural firmaba oito convenios polos que entregou a dedo 737.000 euros a medios de comunicación. Unha vez máis, Alberto Nuñez Feijóo atopaba un atallo para non aplicar a súa suposta 'austeridade' aos grandes empresarios da prensa.
Os importe dos convenios asinados ese día pola Consellería que dirixe Rosa Quintana son os seguintes: La Voz de Galicia, Faro de Vigo (Grupo Prensa Ibérica) e El Correo Gallego (Editorial Compostela) 149.000 euros; El Progreso e Medios Digitales de Galicia (filial da Voz para V televisión) 100.000 euros; La Opinión de A Coruña (Grupo Prensa Ibérica) 50.000 euros; Diario de Pontevedra (Grupo Lérez) 30.000 euros e Atlántico Diario (Grupo La Región) 10.000 euros.
A Xunta oculta o contido dos convenios violando a Lei
Así o recolle hoxe o DOG, no que a Lei de Transparencia, aprobada polo bipartito obriga a publicar estes convenios. A Consellería de Medio Rural está a violar a Lei noutro aspecto, ao non publicar estes acordos no Rexistro de Convenios que coordina a Consellería de Presidencia.
A norma establece que os convenos "poderán ser consultados telematicamente no dito Rexistro de Convenios a través da páxina web da Xunta de Galicia", algo que non ocurre cinco meses despois da súa firma por Medio Rural. No Rexistro deben figuran máis datos que os publicados no DOG, por exemplo prazos e contidos.
O obxectivo de todos os convenios asinados a finais de ano é "promover campañas informativas de publicidade e comunicación institucional". Noutras palabras, publicar propaganda da Xunta.
A verdade é que o obxectivo dos convenios é unha mera formalidade, unha excusa coa que desvíar recursos públicos a empresas privadas de comunicación a cambio dun bo trato informativo ao poder.
Por exemplo, na metade da primeira lexislatura de Feijóo La Voz de Galicia recibira 7,2 millóns da Xunta. A penas un 35% deses cartos outorgáronse mediante as subvencións públicas anuais aos medios. O resto foron convenios a dedo e outras adxudicacións directas.
Os gcpluseiros, os usuarios que axudan a manter aberto o GC, poden consultar todo o reparto (que empresa recibiu que e cando) das axudas até entón aquí. Son 18 millóns, 11,8 a dedo.
GC púxose en contacto coa Consellería de Medio Rural para que argumentase os motivos destes convenios sen que, polo de agora, o departamento de Rosa Quintana considerase oportuno pronunciarse.
Sen máis criterio que fomentar o servilismo informativo
Rosa Quintana repartiu o diñeiro público entre todos os diarios en papel, pero sen gardar proporcionalidade en función da súa audiencia. Por exemplo, El Correo recibiu o mesmo que La Voz, malia ter unha audiencia significativamente menor.
Quen menos levou, iso si, foi o Grupo La Región, o máis crítico con Alberto Nuñez Feijóo. E o único operador de televisión incluído no 'maná' institucional foi V Televisión de La Voz de Galicia, o principal aliado mediático do presidente da Xunta.
E é que os convenios son unha vía legal de reparto de axudas que, a diferencia das convocatorias a través do DOG, dependen do criterio particular do mandatario de turno. A Xunta de Galicia leva décadas -dende o fraguismo até hoxe pasando polo bipartito- financiando aos medios de comunicación afíns mediante este opaco sistema. Ningún outro sector económico recibe tanto diñeiro público sistematicamente a cambio, en teoría, de nada.
Publicado o 27/05/2013 en www.galiciaconfidencial.com
Enlace permanente: pica aquí