Este mediodía, preto de 15.000 persoas participaron en diferentes manifestacións en toda Galicia para esixir un cambio nas políticas para saír da crise, para o que cómpre situar a creación de emprego e a reactivación económica no centro. Sumáronse, así, a unha convocatoria conxunta de UGT e CCOO coa que tamén reclamaron a rexeneración da democracia.
Os secretarios xerais dos dous sindicatos, Xosé Manuel Sánchez Aguión (CCOO) e José Antonio Gómez (UGT), participaron na marcha de Ferrol. No resto de Galicia houbo manifestacións tamén na Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo, ademais dunha concentración en Burela. As mobilizacións transcorreron en paralelo a outras no resto do Estado —sesenta, en total— que, á súa vez, forman parte dunha campaña máis ampla que impulsa a Confederación Europea de Sindicatos (CES).
Con esta acción, UGT e CCOO, xunto co sindicalismo de clase europeo, reproban as actuacións dunha Comisión Europea enrocada en políticas fracasadas, allea aos problemas da cidadanía. Tras cinco anos de crise, o único que crece dentro e fóra de Europa é a desigualdade, o desemprego, a miseria, a exclusión social e o descrédito dos dirixentes políticos que se empeñan en combater a crise con políticas que demostraron ser inútiles.
CCOO e UGT convocaron as manifestacións polas seis millóns de persoas en paro no Estado español, 300.000 en Galicia. Na nosa comunidade autónoma, 120.000 persoas non reciben ningún tipo de prestación, e hai 91.000 fogares galegos con todos os seus membros no paro, mentres que o 22 % da poboación galega vive por baixo do limiar da pobreza. Dous días despois da conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora, UGT e CCOO lembran as funestas consecuencias para o emprego feminino da reforma laboral, que intensificou os efectos perniciosos da crise sobre as mulleres: menos emprego e máis precario.
Así as cousas, o desmantelamento dos servizos públicos (sanidade, educación, dependencia, servizos sociais…) e calquera reforma unilateral do sistema público de pensións que o converta noutro instrumento das políticas de axuste, espoliando outra volta os dereitos da cidadanía e abandonando á súa sorte os actuais e futuros pensionistas, non fará máis que empeorar a situación, alertan os sindicatos.
Por todo isto, CCOO e UGT esixen que se lle devolva á política a súa condición de ferramenta ao servizo das persoas, expulsando os corruptos da vida pública e acometendo as reformas constitucionais que cumpran. Do contrario, erguerase diante dos ollos da sociedade un perigoso muro de desconfianza cara ás institucións que acelerará a deterioración da armazón institucional que xurdiu da transición democrática: hai que esixir que se lle devolva á política a súa condición de ferramenta ao servizo das persoas.