CCOO, UGT, CIG e CSI-F convocan mobilizacións contra o ataque aos servizos públicos


7 feb 2012



07.02.2012.-CCOO, UGT, CIG e CSIF anuncian mobilizacións contra estas medidas, que iniciaranse cunha concentración de delegados e delegadas de toda Galicia, o vindeiro xoves 9 de febreiro diante de San Caetano ás 11:30 horas.

CCOO xunto co resto de organizacións sindicais representativas do sector público de Galicia (CIG, UGT e CSIF) convocaron no día de hoxe unha rolda de prensa para transmitir o seu mais enérxico rexeitamento á totalidade das medidas previstas pola Xunta de Galicia no seu anteproxecto de Lei de medidas para o emprego público de Galicia, que foi remitida ás organizacións sindicais o pasado venres, 3 de febreiro.

Os catro sindicatos están de acordo en non presentar alegacións ao documento remitido pola Xunta, xa que consideran que non producen o aforro que pregoa a Administración, senón que é un novo ataque gratuíto aos empregados e empregadas públicos e, como consecuencia, á calidade dos servizos públicos que prestan.

Na rolda de prensa os representantes das catro organizacións sindicais coincidiron en denunciar o continuo ataque que sofren os empregados e empregadas públicos, que son postos constantemente no centro dunha diana, como culpables dunha crise que non provocaron, pero que, por contra pagan en primeira persoa as consecuencias.

Ramiro Otero, coordinador do área pública de CCOO, subliñou que esta campaña de desprestixio e de recortes de dereitos laborais contra os empregados e empregadas públicos, oculta a intención de xustificar un recorte drástico nos servizos que ten a obriga de prestar a Administración, e que son os piares fundamentais do Estado do Benestar, que custou conseguir, con loita, mais de 30 anos. A falta de inversión nos servizos públicos e o deterioro das condicións de traballo do persoal que os presta, fan que se falsee a súa eficacia e este falseamento sirve de desculpa ou xustifica a privatización dos mesmos.

Por este motivo, extende ao conxunto da cidadanía o seu chamamento a participar nas mobilizacións, para defender os servizos públicos que son un dereito da sociedade e que están en grave perigo.

As organizacións sindicais presentaron ademais o calendario de mobilizacións unitarias para loitar contra estas medidas e que se concretan en:

· 9 de febreiro: Concentración de delegados e delegadas de toda Galicia diante de San Caetano ás 11:30 hrs.

· 16 febreiro: Concentracións de traballadores e traballadoras en todos os centros da Xunta de Galicia, ás 12:00 horas.

· 23 febreiro: Concentracións nas sete capitais de Galicia ás 19:00 hrs.

Así mesmo, hoxe mesmo, celebráronse asembleas informativas nas sete cidades de Galicia, na que se informou aos traballadores e traballadoras das intencións da Xunta de Galica e que foron rexeitadas unanimemente polo conxunto dos empregados públicos, asistentes ás mesmas.

Por outra banda, os Comités de Empresa e as Xuntas de Persoal están a asinar e a publicar resolucións en contra destas medidas propostas pola administración.

As catro organizacións sindicais, valoraron positivamente a unidade de acción ante estes ataques aos servizos públicos en xeral e aos empregados e empregadas públicos, en particular, e non desbotaron a posibilidade de incrementar a contundencia das mobilizacións, si o Goberno do Sr. Núñez Feijoo non rectifica.