Eleccións xerais. Permisos retribuídos. Membros de mesas electorais, interventores/as ou apoderados/as


26 oct 2011


No Diario Oficial de Galicia número 205, do 26 de outubro de 2011, publícase a ORDE do 18 de outubro de 2011 pola que se regula o exercicio de dereito ao voto das persoas traballadoras por conta allea nas eleccións xerais ao Congreso dos Deputados e ao Senado e locais parciais convocadas para o día 20 de novembro de 2011 polos reais decretos 1329/2011 e 1309/2011, respectivamente, ambos do 26 de setembro.



Consellería de Traballo e Benestar



Texto

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 18 de outubro de 2011 pola que se regula o exercicio de dereito ao voto das persoas traballadoras por conta allea nas eleccións xerais ao Congreso dos Deputados e ao Senado e locais parciais convocadas para o día 20 de novembro de 2011 polos reais decretos 1329/2011 e 1309/2011, respectivamente, ambos do 26 de setembro.

Convocadas eleccións xerais ao Congreso dos Deputados e ao Senado e locais parciais para o 20 de novembro de 2011, mediante o Real decreto 1329/2011, do 26 de setembro, e o Real decreto 1309/2011, do 26 de setembro (BOE n.º 232, do 27 de setembro), e ao abeiro do artigo 37.3 d) do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, cómpre regular as diversas situacións que se poidan presentar para o exercicio do dereito ao voto daqueles traballadores e traballadoras que non gocen do seu descanso semanal o día da votación, así como das persoas que interveñen dentro do proceso electoral, posto que as eleccións terán lugar en domingo, todo isto de conformidade co disposto no artigo 13 do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais.

Para este fin, e logo do acordo co delegado do Goberno de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Estas normas seranlles de aplicación ás persoas traballadoras por conta allea que teñan a condición de electoras e non gocen do devandito día de descanso semanal previsto no artigo 37.1.º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e a aquelas en que concorra a condición de membros de mesas electorais, interventores/as ou apoderados/as nas eleccións do 20 de novembro de 2011.

Artigo 2.

Para que as persoas traballadoras por conta allea poidan participar nas eleccións xerais a ambas as cámaras e locais parciais, que se levarán a cabo o día 20 de novembro de 2011, no suposto de que non gocen en tal data de descanso semanal, terán un permiso retribuído correspondente, consonte as seguintes prescricións:

a) As persoas traballadoras por conta allea, cun horario de traballo que non coincida co de apertura de mesas electorais, ou que coincida nun período inferior a dúas horas, non terán dereito a permiso retribuído.

b) As persoas traballadoras por conta allea, cun horario de traballo que coincida en dúas ou máis horas e menos de catro co período de apertura das mesas electorais, gozarán dun permiso retribuído de dúas horas.

c) As persoas traballadoras por conta allea, cun horario de traballo que coincida en catro ou máis horas e menos de seis co período de apertura das mesas electorais, gozarán dun permiso retribuído de tres horas.

d) As persoas traballadoras por conta allea, cun horario de traballo que coincida en seis ou máis horas co período de apertura das mesas electorais, gozarán dun permiso retribuído de catro horas.

En todos os supostos anteriores, cando por tratarse de persoas traballadoras contratadas a tempo parcial realicen unha xornada inferior á habitual na actividade, a duración do permiso antes sinalado reducirase en proporción á relación entre a xornada de traballo que desenvolven e a xornada habitual das persoas traballadoras contratadas a tempo completo na mesma empresa.

Correspóndelle ao empresario/a a distribución, consonte a organización do traballo, do período en que os traballadores e traballadoras disporán de permiso para ir votar.

Artigo 3.

No suposto de persoas traballadoras por conta allea que teñan previsto que na data da votación non estean na localidade onde lles corresponde exercer o seu dereito ao voto, ou que non poidan exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, disporán, no seu horario laboral, de ata catro horas libres, de igual maneira que o establecido no artigo anterior, para que poidan formular persoalmente a solicitude do certificado de inscrición no censo, así como para efectuar a remisión do voto por correo.

Artigo 4.

As persoas traballadoras por conta allea nomeadas presidente ou vogal das mesas electorais e as que acrediten a súa condición de interventoras disporán, durante o día da votación, dun permiso retribuído de xornada completa, se non gozan en tal data de descanso semanal, e terán dereito a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior, segundo os artigos 28.1 e 78.4 da Lei orgánica 5/1985, do réxime electoral xeral.

Se algún dos traballadores e traballadoras a que se refire o parágrafo anterior ten que traballar na quenda de noite na data inmediatamente anterior ao día da votación, a empresa cambiaralle a quenda para que poida descansar esa noite.

Artigo 5.

As persoas traballadoras por conta allea que acrediten a súa condición de apoderadas, de acordo co previsto no artigo 76.4 da Lei orgánica do réxime electoral xeral, teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non gozan en tal data do descanso semanal.

Artigo 6.

Os/as empresarios/as poderán solicitar dos traballadores e traballadoras que exerzan os dereitos regulados na presente orde a certificación de voto ou, de ser o caso, a acreditación da mesa electoral.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2011.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar