O ensino público de Galicia mobilizouse onte contra os recortes practicados pola Consellaría de Educación. Ás 11:30 partiu desde a Alameda de Santiago de Compostela unha manifestación reuniu a preto de 15.000 persoas convocadas por todos os sindicatos con presenza no ámbito.
Ademais da manifestación de onte, para os días 21 e 27 están convocadas respectivas xornadas de folga.
Para CCOO hai catro cuestións que marcan de maneira especial o inicio do curso 2011-2012: a redución de cadros de persoal, a mingua nos recursos para formación do profesorado, o retroceso democrático e a ausencia de diálogo.
Redución de cadros de persoal
Segundo CCOO, este curso xubiláronse máis de 1.250 docentes e só se convocaron nas oposicións 268 prazas. Analizando as cifras para o curso 2011-2012, o sindicato constata que «non hai precedentes dunha redución de persoal tan grande como a actual». A estas case mil prazas menos cómpre engadir un importante número de persoal interino que, como xa anunciou o presidente da Xunta hai uns meses, non traballará este curso.
O «primeiro gran recorte» comezou o curso pasado, cando a Consellaría rachou «unilateralmente» o acordo de agrupamentos. Esta ruptura supuxo que non se crearan preto de cen prazas do corpo de mestres, así como a desaparición paulatina de 120 postos de traballo que se crearan no primeiro e único ano de aplicación do devandito acordo.
Recorte de recursos para formación do profesorado
En maio de 2010, a Consellaría suprimiu o Centro de Formación e Recursos de Santiago e creou unha estrutura centralizada «moi afastada da realidade dos centros». Isto provocou a perda de máis de vinte postos de traballo en toda Galicia. Xa noutro ámbito, con respecto ás licenzas por estudos, máis do mesmo: desapareceron todas as que se viñan ofertando desde hai máis de vinte e cinco anos para adquirir novas titulacións. Ademais, a formación para o profesorado viu reducido o orzamento case un 30%, e a oferta limítase agora mesmo case unicamente a idiomas estranxeiros.
Retroceso en calidade democrática
Segundo o voceiro de CCOO, José Fuentes, a actual Consellaría de Educación «pasará á historia» como a administración que usa os medios institucionais con fins «partidistas e propagandísticos». O sindicato xa denunciou en diversas ocasións o uso propagandístico da web institucional do departamento educativo, que en ocasións publicou «datos falsos» encamiñados a publicitar «unha aposta pola educación pública e o seu apoio ao rural». Ata dúas veces CCOO emprazou o conselleiro para discutir os datos publicamente diante da prensa, pero non obtivo resposta.
Falta de diálogo coa comunidade educativa
Para CCOO, Educación «despreza» o diálogo social. «Non só é un problema de formas, senón tamén de fondo», aclarou Fuentes, quen denunciou que o departamento educativo presente as propostas nos medios de comunicación mesmo antes ca nos foros pertinentes, como a mesa sectorial ou o Consello Escolar de Galicia. Canto a este último, de forma xeral, «calquera achega aprobada por maioría no máximo órgano de consulta da comunidade educativa foi ignorada con arrogancia pola Administración educativa».