A web e os móbiles facilitan o seguimento da xornada electoral do domingo


21 may 2011


Publicado en www.codigocero.com

Este domingo celébranse en Galicia uns comicios municipais, e para poder facer un seguimento dos mesmos gustaríanos destacar que temos dispoñibles distintas ferramentas tecnolóxicas que facilitan enormemente a consulta dos resultados electorais e a comparación con anos anteriores.

Por unha banda, os distintos medios de comunicación (La Voz de Galicia, El Correo Gallego, Faro de Vigo, CRTVG, etc.) dan cumprida información en especiais informativos durante a xornada electoral, pero podemos acudir directamente á fonte, e o Ministerio do Interior ofrece tanto a consulta dos resultados, como un completo especial sobre as Eleccións Locais 2011 que recolle informacións moi diversas que van dende as candidaturas proclamadas e a consulta de mesa electoral ata detalles sobre a accesibilidade dos procesos electorais.

Pero se algo está de moda nos últimos tempos son as aplicacións para dispositivos móbiles, e non podían faltar as relativas ás eleccións municipais, entre as que podemos destacar iElecciones para iOS, que permite seguir as eleccións dende o móbil e consultar os resultados en comicios anteriores a través dos seus históricos; e Resultados Elecciones 2011 para Android, desenvolvido para o xornal La Vanguardia, e que ofrece todos os resultados electorais municipais dende 1987, permitindo facer un seguimento en tempo real durante a noite electoral e completando a aplicación coas últimas novas de LaVanguardia.com sobre as eleccións do 22M. Ambas opcións parecen máis atractivas que as subscricións ás mensaxes de texto ao móbil que permite o Ministerio de Industria (recibidas cada 30 minutos tras o peche dos colexios electorais), e das que só hai que pagar a mensaxe de alta ou consulta (non ten custo adicional).

Enlace permanente
http://codigocero.com/A-web-e-os-mobiles-facilitan-o