Os primeiros corenta


21 may 2011


Publicado en www.galiciahoxe.com

Rosario Álvarez, directora do Instituto da Lingua Galega: "Estanse a dar pasos cara a atrás na normalización do galego"

20-05-2011. A catedrática de Filoloxía Galega Rosario Álvarez dirixe dende 2005 o Instituto da Lingua Galega que hoxe ás sete da tarde celebra cun acto no paraninfo da Universidade os seus primeiros corenta anos de vida dende que se creara en 1971. Cofundadores da institución como o académico Antón Santamarina ou membros do primeiro padroado, como o ex presidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor, participarán nesta celebración que arrincará coa colocación dunha placa na fachada do instituto onde viviron Rosalía e Murguía entre 1863-1865. "Parece que nesta data hai unha especie de premonición do que despois albergaría o edificio porque no 63 foi cando Rosalía publicou os seus Cantares Gallegos, comenta Rosario Álvarez.

Un traballo ininterrompido no estudo e promoción da lingua co que o centro, creado ao abeiro da Real Academia Galega e da Universidade de Santiago, conseguiu "situar o galego no mundo da románica", ao ver da catedrática e académica. Se daquela o ILG foi o primeiro en elaborar un método para aprender galego, agora centra os seus esforzos na recollida do galego oral ou nas relacións co ámbito portugués, bregando cunha crise que reduciu os recursos dos que dispoñen os seus investigadores até o punto de traballar "priorizando uns traballos sobre outros", lamenta Rosario Álvarez.

As mobilizacións estudiantís de 1968 -nas que a lingua galega tivo unha presenza significativa e simbólica- axudaron a un proceso xa imparable de aperturismo para o idioma. "Até mediados da década dos sesenta nunca houbera estudos de filoloxía en Galicia. O que se sabía do galego era mínimo. Non houbera unha gran abundancia nin de persoas nin de liñas de estudo científico do idioma. O propio feito da permanencia durante tantos anos para un instituto de investigación sobre lingüística e filoloxía galega xa é un haber da sociedade galega. Estes corenta anos de traballo fixeron que o galego estea no mundo da romanística", asegura Rosario Álvarez.

En 1970 apróbase a Lei xeral de Educación, que prevía a introdución do galego, do catalán e do éuscaro como linguas de estudo no ensino; dou- tra banda, os estatutos provisorios da USC contemplaban a creación de institutos de investigación supradepartamentais. Foi nese contexto no que naceu o Instituto da Lingua Galega. "O que indica unha visión estratéxica e de futuro de Constantino García, que daquela levaba moi pouco tempo en Santiago como catedrático de Filoloxía Románica, foi aproveitar esa conxuntura para promover un instituto que se dedicase ao estudo e promoción da lingua galega. Nin o contexto universitario da época que saíra cunha man moi dura tras as revoltas estudiantís nin o contexto político do final do franquismo facían fácil unha operación que tivese como eixe central o galego", apunta Álvarez.

O 14 de maio de 1971 presentábase o ILG ao mesmo tempo que o Galego 1, o primeiro método para aprender galego. "Converteuse nun auténtico best-seller na súa época, co que moita xente aprendeu a escribir galego", indica a directora do centro.

O texto elaborado por Antón Santamarina, Xosé Luís Couceiro e Guillermo Rojo, axudados por Carme Ríos Panisse, Inés Leis e Luísa Fernanda Pensado. Máis tarde tamén se integraría ó grupo de traballo Ramón Lorenzo, que acaba de ser recoñecido co Premio Trasalba. Ao ver de Rosario Álvarez, o catedrático "é unha figura central do ILG como un dos investigadores cofundadores e responsable de moitos dos grandes logros do instituto, mundialmente coñecido nos traballos de filoloxía galega medieval".

Con Galego I, o ILG proponse como tarefa inicial facer unha normativa. "Querían facer un modelo de galego que ía máis alá das normas ortográficas da RAG. Propoñían unha grafía, unha morfoloxía, unha sintaxe, un léxico, a superación de castelanismos, era un método integral de aprendizaxe da lingua. Meses antes de presentalo enviaran o texto a personalidades galeguistas e fixeran reunións para discutir as propostas. Houbo unha busca de amplo consenso no mundo do galeguismo antes da edición do método", comenta.

"A relación coa RAG é fluída aínda que houbo tensións"

Aínda que a RAG é unha das fundadoras da ILG, a relación entre ambas institucións foi pasando por diversas fases de maior ou menor entendemento. "No primeiro padroado estaban Ricardo Carballo Calero, como representante do Centro de Estudios Fingoi, Filgueira Valverde, do Instituto Padre Sarmiento, Marino Dónega, representante da RAG, Xerardo Fernández Albor, da Fundación Penzol e Díaz de Rábago, como representante da Fundación Barrié. Nós temos cartas de Piñeiro dando a coñecer a persoas da Galicia exterior a creación do ILG. Logo houbo anos de certa tensión por cuestións normativas. E xa dende o ano 76 comezou unha relación fluída que fixo que moitos académicos participaran nas Bases para a unificación das normas, que logo houbera unha comisión mixta RAG-ILG que concluíu coa tradución do Misal romano, e que logo redactarían as normas oficiais. A irmandade institucional foi boa dende aquela".

Unha unión máis que necesaria na actualidade, cando se están a dar "pasos normativos cara a atrás en canto ao proceso de normalización do galego, que debería ser gradualmente positivo. Estanse dando retrocesos e iso non é unha boa noticia", asegura a directora do ILG. Porén non é iso o que está a repercutir nos investigadores do ILG como a crise. "A nosa capacidade de captar recursos é menor. Hai unha redución de diñeiro para a investigación en Humanidades. Levamos dous anos padecendo esta situación e non se ve que teña fin. Iso obríganos a priorizar uns traballos sobre outros polos recursos tan limitados que temos. Obríganos a ter menos contratos de investigación e menos bolsas e polo tanto, menos xente que acaba a carreira e podía vir ao ILG. Pérdense xeracións de titulados que van ao paro sen probar a vía de investigación", lamenta Rosario Álvarez.

INVESTIGACIÓN

Novos proxectos sobre a lingua oral e as relacións co ámbito lusófono

Entre os últimos proxectos colgados na web do Instituto da Lingua Galega (www.ilg.usc.es) atópanse o Arquivo do Galego Oral, a Cartografía dos apelidos galegos ou os Estudos de Lingüística galega. Na actualidade, teñen abertas varias liñas de investigación como o Atlas lingüístico galego ou outros proxectos de cartografía "que relacionan o galego co ámbito hispánico e portugués", apunta Rosario Álvarez. Traballan sobre un proxecto de léxico patrimonial galego, portugés e brasileiro e seguen a elaborar a Gramática da RAG.

A vindeira semana presentarase un Arquivo de Galego Oral no que se poñen a disposición do público voces auténticas de falantes de distintos puntos. "Temos miles de horas de gravación de falantes de galego dentro e fóra de Galicia, moitos traballos de sintaxe, léxico, sintaxe, morfoloxía e entoación", apunta a catedrática. Tamén van editar textos do galego medieval. Traballan sobre textos do mosteiro de Oia ou do Padre Sarmiento. "Temos agora un proxecto novo sobre o galego dos Séculos Escuros até a primeira metade do XIX", indica. Ademais, están a abrir unha nova vía de estudos de variación sociolingüística e seguen con estudos de antroponimia e lexicografía, entre outros.

Enlace permanente