Xustiza e Lingua


27 oct 2009


 

O Colexio de Avogados de Santiago presenta a terceira edición da xornada Xustiza e Lingua

Terá lugar o mércores 18 de novembro e tentará achegar novos puntos de vista acerca do proceso normalizador da lingua galega na xustiza.

 

cartelIIIxustizaelingua

 

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza a terceira edición da xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”.

A xornada, que está dirixida principalmente aos diferentes colectivos profesionais que interveñen no ámbito da xustiza, terá lugar o vindeiro mércores 18 de novembro, ás 19:00 h no salón de actos do colexio de avogados compostelán. Haberá un límite máximo de 100 prazas e entregaráselles un certificado de asistencia a todas as persoas asistentes.

Coma en anos anteriores, o obxectivo principal desta edición será o de reflexionar acerca do proceso de normalización que se está a vivir no ámbito da xustiza. Para iso a xornada contará coa participación de destacados profesionais e especialistas dos eidos xurídico e lingüístico que achegarán as súas experiencias e puntos de vista sobre o uso do galego no exercicio xurídico.

A xornada Xustiza e Lingua será abordada dende catro ámbitos diferentes pero á vez complementarios:

 

Ámbito institucional:

“Bilingüismo e liberdade lingüística no ámbito da Administración de Xustiza”

Relator: D. Xesús Palmou Lorenzo, avogado non exercente, conselleiro do Consello de Contas de Galicia e ex conselleiro de Xustiza

Ámbito da avogacía:

“Experiencias do uso da lingua galega no eido xurídico: problemas e perspectivas”

Relator: D. Xoaquín Monteagudo Romero, avogado (colex. 921 do CA de Santiago) e presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.

Ámbito da xudicatura:

“O galego na Administración de Xustiza: marco normativo e realidade práctica”

Relatora: D.ª Ana López Suevos Fraguela, maxistrada do Xulgado de Instrución Número 1 de Santiago de Compostela

Ámbito lingüístico:

“A terminoloxía na normalización do galego na xustiza”

Relator: D. Manuel González González, catedrático de Filoloxía da USC e secretario da Real Academia Galega

 

O acto, que será presidido polo decano do colexio compostelán, Evaristo Nogueira Pol, contará coa presenza e a intervención do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo Suárez.

No inicio da xornada tamén está prevista a presentación de novos recursos web elaborados polo servizo lingüístico do colexio de avogados co fin de favorecer o uso do galego no ámbito da avogacía.