Arquivos xudiciais


26 feb 2009


Feb26
O Consello aproba o Decreto sobre os arquivos xudiciais e a Xunta de Expurgación da documentación xudicial de Galicia

 

logo_dxx2

 

  • A rede de arquivos xudiciais da comunidade estará integrada por catro arquivos de ámbito provincial, que poderán ter un ou varios depósitos de fondos
  • A Xunta de Expurgación estará formada polo presidente do TSXG, un membro do Ministerio Fiscal, un funcionario designado pola Dirección Xeral de Xustiza, un técnico superior especialista en arquivos e un secretario xudicial
  • O plan inicial de expurgación comezará nos arquivos do TSXG e audiencias provinciais, e nunha segunda fase estenderase aos arquivos dos xulgados

 

O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto sobre os arquivos xudiciais territoriais e a Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial en Galicia. Así, no que se refire aos primeiros, o texto establece que a rede de arquivos xudiciais da comunidade autónoma estará integrada por catro arquivos de ámbito provincial, e que cada un deles poderá ter un ou varios depósitos de fondos.

A norma fai referencia ao previsto no Real decreto 973/2003, de modernización dos arquivos xudiciais, que recolle que os arquivos territoriais dependen do titular da presidencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que poderá delegar esta competencia no presidente da audiencia provincial ou no xuíz decano do partido xudicial onde radiquen.

Este mesmo real decreto indica tamén que os secretarios xudiciais serán os encargados da ordenación, custodia e conservación destes arquivos. Para esta función, a consellería competente nesta materia facilitaralles os recursos humanos, materiais e técnicos que precisen para o seu adecuado funcionamento, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Segundo o decreto aprobado hoxe polo Consello, o Arquivo Xudicial Territorial da Coruña terá a súa sede no TSXG e poderá ter depósitos de fondos nas cidades da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela; os de Lugo, Ourense e Pontevedra terán as súas sedes nas respectivas audiencias provinciais; e o de Pontevedra poderá ter depósitos en Pontevedra e Vigo.

Xunta de Expurgación

Doutra banda, o texto recolle que a Xunta de Expurgación de Documentación Xudicial de Galicia é un órgano colexiado de natureza administrativa adscrito á consellería competente na materia e que, de conformidade co R.D. 937/2003, exercerá as súas competencias en todo o ámbito territorial da comunidade autónoma.

Terá a súa sede do TSXG e estará presidida polo máximo mandatario deste tribunal, se ben este poderá ser substituído por un maxistrado en activo. Ademais, estará integrada por:

  • Un membro do Ministerio Fiscal designado polo titular da Fiscalía Superior de Galicia.
  • Un funcionario designado pola Dirección Xeral de Xustiza entre os que desempeñen un cargo de subdirector ou xefe de servizo.
  • Un técnico superior especialista en arquivos designado pola consellería competente en materia de protección do patrimonio documental.
  • Un secretario xudicial designado polo órgano competente do Ministerio de Xustiza, que desempeñará a secretaría da Xunta de Expurgación Xudicial.

Na designación destes integrantes procurarase que se obteña unha composición de xénero equilibrada, segundo o previsto na Lei 7/2004, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei orgánica 3/2007, para a igualdade efectiva de mulleres e homes. Así mesmo, para garantir a continuidade dos traballos, nomearase un suplente por cada un dos vogais titulares, que serán designados do mesmo xeito ca estes.

Plan inicial de expurgación

A consellería competente en xustiza, en colaboración coa consellería competente en protección do patrimonio documental, elaborará un plan inicial de expurgación –é dicir, de limpeza e eliminación de documentos innecesarios- de cara á catalogación de series e inventario de fondos existentes nos arquivos dos órganos xudiciais, que someterá ao informe da Sala de Goberno do TSXG e a audiencia do secretario de Goberno deste tribunal.

Este plan incluirá o estudo da documentación arquivada de cara a formular as propostas de transferencias ao arquivo histórico ou territorial ou o pase ao proceso de expurgación. Ademais incluirá a captura de datos nunha aplicación informática de xestión dos arquivos territoriais e da Xunta de Expurgación, así como a preparación e etiquetaxe dos fondos.

Co fin de xerar espazo no que serán os futuros depósitos dos arquivos xudiciais territoriais, a execución do plan inicial de expurgación comezará nos arquivos do TSXG e audiencias provinciais, e nunha segunda fase estenderase aos arquivos dos xulgados.

Fonte: www.xunta.es