O galego na administración de Xustiza


14 abr 2008


Abr14
A Mesa pola normalización lingüística denuncia que só un 8% das sentenzas xudiciais están en galego e esixe "máis medios" para o seu uso


Nunha rolda de prensa celebrada hoxe, Carlos Callón, presidente da Mesa pola normalización lingüística, e Alba Nogueira, profesora de Dereito da Universidade de Santiago e integrante do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, denunciaron que tan só o oito por cento das sentenzas que se ditan na administración de Xustiza en Galicia están en galego.

Pola súa parte, Alba Nogueira sinalou que a decisión persoal dun cidadán ou dun funcionario de empregar a lingua galega supón sempre unha penalización, que se traduce na dilación das causas para o cidadán ou nun esforzo engadido no desempeño do labor diario por parte do funcionario, ao ter que asumir a tradución da lexislación, documentos e formularios.

Finalmente, anunciaron que as reivindicacións para o ámbito da xustiza estarán presentes na manifestación do 18 de maio “Polo dereito a vivirmos en galego”.


Texto da información facilitada pola Mesa:

A escolla persoal de empregar a lingua galega no eido da Xustiza supón sempre unha dilación das causas para os cidadáns e un duplo esforzo para os funcionarios. Así se indica no relatorio elaborado polo Observatorio de Dereitos Lingüísticos da Mesa pola Normalización Lingüística, presentado esta mañá en Santiago de Compostela. Todas as demandas para aumentar o uso do galego neste campo e “garantir os dereitos lingüísticos de todas e todos perante a Administración de Xustiza” estarán presentes na manifestación do 18 de maio “Polo dereito a vivirmos en galego”.

No relatorio divulgado hoxe denúncianse as continuas vulneracións na administración de Xustiza da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM) do Consello de Europa, que foi ratificada por unanimidade polo Congreso dos Deputados do Estado español en 2001. No devandito informe sinálase ademais que se fai caso omiso das recomendacións realizadas polo Consello de Europa en 2005.

Alba Nogueira, profesora de dereito na Universidade de Santiago de Compostela e membro do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, asegurou en conferencia de imprensa que “se a xustiza non vela polos dereitos lingüísticos, un dos piares do Estado de Dereito deixa indefensos aos cidadáns”. En referencia ás vulneracións da CELRM, Nogueira sinalou que “a penas hai funcionamento da administración en galego, en boa parte debido a que os programas que utilizan non están traducidos á nosa lingua, e calquera xuíz que queira utilizar o galego ten que pasar o duplo de traballo”. Por outra parte, lamentou que “faltan por traducir unha grande cantidade de textos normativos ao galego, o que provoca dilacións que se acumulan ás dilacións habituais deste campo”. A xurista denunciou “que mesmo se dan casos de xuízas perseguidas polo uso do galego, algo totalmente inadmisíbel”, en referencia á denuncia da cadea COPE contra a maxistrada Ana López-Suevos.

Ademais desas eivas, fixo alusión ao “déficit de execución de sentenzas que amparan a cidadáns que defenden os seus dereitos lingüísticos”, e puxo como exemplo o acontecido durante moitos anos co topónimo da Coruña. Recordou que mesmo hai sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza no que se asina “en la villa en la que este tribunal tiene su sede” para non empregar o topónimo en galego.

No que di respecto aos rexistros civís, desde o Observatorio de Dereitos Lingüísticos denuncian que “algúns funcionarios continúan a pór chatas para pasar o nome e o apelido ao galego”. Alba Nogueira sinalou que “mesmo se teñen dado auténticos esperpentos como parellas que tiveron que casar cun tradutor ante a negativa do xuíz de empregar o galego”.

Carlos Callón, pola súa banda, sinalou que tan só o oito por cento das sentenzas está en galego, “o cal non se corresponde coa realidade social da lingua galega nin co seu estatus de lingua propia do país”. Así mesmo, reclamou “que a administración estea ao servizo das persoas e non as persoas ao servizo da administración”.

No relatorio emitido polo Observatorio de Dereitos Lingüísticos sinálase que “é necesario que se regule normativamente que os xuíces e fiscais destinados na Galiza teñan a obrigación de coñecer o idioma galego tras un período prudencial de varios anos de exercicio das respectivas Carreiras nesa comunidade autónoma”. Polo momento, o coñecemento do galego para estes corpos de adscrición estatal cóntase só como un mérito.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística sinalou que estas reivindicacións van estar presentes “de xeito protagónico” na manifestación nacional que, baixo o lema “Polo dereito a vivirmos en galego”, se vai celebrar en Santiago de Compostela o vindeiro 18 de maio.


A información nos medios de comunicación:

- Vieiros

- La Voz de Galicia

- El Correo Gallego

- Galicia Hoxe

- El Progreso