As Organizacións sindicais que continuamos de forma responsable na unidade sindical demandamos nas nosas alegacións que prime a voluntariedade e o mantemento do emprego.
A instauración da Fase I, que afecta aos pobos e vilas galegos, deriva nunha estrutura totalmente nova, con oficinas de xustiza municipal, oficinas de rexistro civil e tribunais de instancia, cada un deles con cadansúa Relación de Postos de Traballo. Isto implica a reordenación de todo o persoal en centros de destino totalmente novos.
Entre as diferentes posibilidades a Dirección xeral prima a confirmacion obligatoria nos postos que se veñen desenvolvendo, o que supón unha discriminación clara no persoal que desempeña o seu traballo nos Rexistros Civís, limitando a mobilidade.
Ante a proposta da Dirección Xeral, SPJ USO, STAJ, UGT, CSIF e CCOO presentamos de forma unitaria, en aras a lograr maior forza, as seguintes alegacións:
No proceso debe primar a voluntariedade por encima de calquera outra cuestión, por iso entendemos que o primeiro que se debe solucionar é a reordenacion das oficinas do RC.
Consideramos por tanto que se deben ofertar as dúas prazas de rexistro a Xestores e Tramitadores de todo o tribunal de instancia de cada localidade, dando un prazo de 5 días a todos os integrantes do persoal de ámbolos corpos afectados para que soliciten as dúas prazas do rexistro civil primando:
En primeiro lugar, a experiencia adquirida en funcións de rexistro civil.
En segundo lugar, a antigüidade no centro de destino.
En terceiro lugar, antigüidade na administración de xustiza.
E en cuarto lugar o escalafón
Con esta proposta consideramos que se cumpren os principios básicos de igualdade, mérito e capacidade para todo o persoal de xustiza.
Ante esta proposta o Director Xeral négase a aceptar calquera posición que mude a obrigatoriedade, amparándose de forma absurda no coñecemento previo do Rexistro polas persoas que o ocupan actualmente, e no medo a un aluvión de recursos xudiciais, recursos que sen dúbida han chegar se seguen a conculcar os nosos dereitos, e apreciando como centro de destino o órgano en lugar de a localidade, limitando a mobilidade.
Como contraproposta ofertan a posibilidade de que o persoal que na actualidade ocupa un posto no xulgado con competencias en rexistro civil poida no proceso de reordenación optar a prazas vacantes do seu centro de destino, e no seu caso, o decanato.
Ante esta oferta as cinco organizacións sindicais amosamos o noso malestar por non acoller nin unha soa das alegacións presentadas por nós, e facer unha oferta chea de incertezas, que asumimos coma un mal menor e sempre e cando se manteña o emprego público, sen producirse ningún cesamento que vaia contra o servizo público e os dereitos dos traballadores.
En calquera caso se este é o rumbo que a Xunta de Galicia quere tomar en canto a implantación dos tribunais de instancia, vaticinamos un duro proceso nos que nos terán enfronte sempre que o autoritarismo e a merma de dereitos sexan os principios de actuación.