Nota de Prensa sobre a reunión do 19 de xaneiro entre o Comité de Folga e a Xunta de Galicia


22 ene 2018


NOTA PRENSA CONFLITO NA XUSTIZA GALEGA

  • ALFONSO RUEDA DESPRECIADO E IGNORADO POLO DIRECTOR XERAL DE FUNCIÓN PÚBLICA

Na reunión que tivo lugar hoxe 19 de xaneiro entre o Comité de folga (SPJ-USO, AXG-CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG, CCOO) e a Xunta de Galicia, o director xeral de Función Pública, José María Barreiro, ninguneou ao Vicepresidente e Conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, pois en contra do manifestado polo propio Rueda hai unha semana (“Va a haber una reunión la semana que viene y vamos a intentar que sea un avance sustancial”). Barreiro non fixo mellora ningunha na oferta aos traballadores, ao contrario aniquilou toda posibilidade de acordo ao desprezar os pequenos avances logrados coa mediación da Presidenta do Consello de Relacións Laborais, a quen tamén ignorou deixándoa fóra da negociación.

Coa actuación de Barreiro, Alfonso Rueda deberá dar conta agora da súa incapacidade e o seu escaso peso político para solucionar o conflito na xustiza galega, pois se un director xeral é quen de deixalo como un mentireiro, o que tería que facer Rueda é ou dimitir ou cesar fulminantemente ao dito director.

As sete organizacións sindicais representativas da totalidade dos traballadores da xustiza en Galicia, non imos permitir que se trate de dar apariencia de negociación ás mentiras do Conselleiro ou que se trate de enganar aos cidadáns galegos: a oferta presentada hoxe non só non mellora en nada a anterior, senón que a empeora e volve varios pasos atrás a negociación.

O Vicepresidente e Conselleiro de Xustiza non demostra unha noble vontade política de chegar a acordos. Ata de agora non fixo máis que mentir e amosar unha evidente mala fe nas súas declaracións públicas. Para que o diálogo exista, é requisito “sine qua non” que a Xunta demostre unha auténtica e inequívoca intención de mellorar as condicións de traballo dos funcionarios de xustiza galegos e non rirse indignamente deles e das súas familias, como se fixo no día de hoxe.

¿Que se pode esperar dun político que incumpre a súa palabra, minte en sede parlamentar e ademais é ignorado e despreciado por quen debería estar ás súas ordes?

Ao non respectar a decisión tomada no seu día por unanimidade no Parlamento de Galicia e non atender as xustas reivindicacións laborais dos traballadores da xustiza galega gravemente discriminados respecto dos demais das comunidades autónomas con competencias asumidas, Alfonso Rueda levará a xustiza galega a unha situación de extrema gravidade, causando prexuízos económicos e sociais de enormes dimensións que serán da súa única e exclusiva responsabilidade.