
Os representantes sindicais convocantes da concentración informaron aos medios que durante os sete meses que transcorreron desde a inauguración do novo edificio xudicial de Ourense, producíronse numerosos incidentes derivados da deficiente construción do mesmo, o último deles, o pasado 15 de outubro, ao desencaixarse parcialmente un dos grandes cristais da fachada principal do edificio xudicial, feito que causou bastante alarma entre o persoal e os usuarios do edificio xudicial ourensán polas graves consecuencias que houbera podido ocasionar de haberse desprendido totalmente o vidro sobre a explanada de acceso aos xulgados.
Sobre ese incidente foron especialmente críticos os portavoces sindicais con Alfonso Rueda, conselleiro de Xustiza, ao que acusaron de lixeireza por cualificar de “acontecemento puntual”, lembrando os sindicalistas que “xa van uns cantos acontecementos puntuais” e preguntándose si serán tamén “acontecementos puntuais para o señor Conselleiro” o feito de que “a porta do garaxe se avaríe con frecuencia, que haxa inundacións habituais nos baños, que se produzan filtracións de auga nos patios interiores, que a climatización sexa deficiente, que as portas xiratorias do exterior se avaríen cada pouco tempo ou que moitos pestillos das portas non abran con normalidade”.
Os representantes sindicais advertiron que todos eses “acontecementos puntuais” ocorren día si e día tamén no novo edificio xudicial de Ourense e puxeron en cuestión a calidade dos materiais empregados, “logo dun gasto de 18.000.000€ na súa construción”, custo que, lembraron, “saíu dos petos de tódolos cidadáns para, agora, ter que seguir orzamentando sen tope para ir atallando as deficiencias que se van producindo unha tras outra”