Programa anual de vacacións 2015


12 may 2015




PROGRAMA ANUAL DE VACACIÓNS PARA 2015
O dereito dos funcionarios ao servizo da Administración de xustiza ás vacacións anuais retribuídas está regulado no artigo  502 da Lei orgánica do poder xudicial, que  literalmente di "1. Os funcionarios terán dereito a desfrutar, durante cada ano natural, dunhas vacacións retribuídas de vinte e dous días hábiles, ou dos días que correspondan proporcionalmente se o tempo de servizo durante o ano for menor. Para estes efectos, non se considerarán como días hábiles os sábados, sen prexuízo das adaptacións que se establezan para os horarios especiais. 2. O Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas, nos seus respectivos ámbitos territoriais, serán competentes para ditar as normas respecto á forma de desfrute das vacacións, así como sobre os procedementos para a súa concesión".
Consonte esta previsión legal, a Dirección Xeral de Xustiza, a través da Resolución do 8 de abril de 2009 (DOG do 23/04/2009) regulou o réxime e o procedemento da concesión de vacacións do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, no seu artigo 2.
Segundo as ditas previsións legais, apróbase o Plan anual de vacacións 2015 coas seguintes bases:
1. DESTINATARIOS DOS PROGRAMAS
1.1. É destinatario deste programa o persoal funcionario dos corpos ao servizo da Administración de xustiza (corpos de médicos forenses, de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e mais de auxilio xudicial), en servizo activo, que presten servizos na Administración de xustiza en Galicia. Este programa comprende tanto os funcionarios de carreira coma os interinos.
1.2. O ámbito obxectivo para a aplicación das regras establecidas neste programa determínase polo lugar de prestación de servizos do/a funcionario/a, con independencia do posto de traballo que teña reservado. Xa que logo, o persoal  funcionario con destino nun servizo de apoio está comprendido no programa aplicable ao órgano no que estea adscrito e prestando servizos. Así mesmo, o persoal funcionario en comisión de servizos con exención de funcións e os que realizan substitucións fóra do órgano de destino están comprendidos no programa correspondente ao órgano no que estean prestando servizos.
1.3. Duración: vinte e dous días hábiles, ou dos días que corresponda proporcionalmente se o tempo de servizo durante o ano fose menor.
Considérase que son servizos efectivos as ausencias de traballo por  motivos alleos á vontade do traballador, tales como enfermidade ou maternidade, así como permisos e licenzas retribuídos.

2. PLANIFICACION EN ATENCION ÁS NECESIDADES DE SERVIZO DOS CENTROS DE TRABALLO
2.1. A planificación das vacacións anuais realizarase distinguindo dúas tempadas:
TEMPADA "A":
Do 01/07/2015 ata 30/09/2015.
Semana Santa: do 30/03/2015 ata o 01/04/2015.
Nadal: do 23/12/2015 ata o 06/01/2016.
TEMPADA "B":
Do 07/01/2015 ata o 27/03/2015.
Do 06/04/2015 ata o 30/06/2015.
Do 01/10/2015 ata o 22/12/2015.
Do 07/01/2016 ata o 15/01/2016.
2.2. A concesión das vacacións estará condicionada ao respecto das porcentaxes de permanencia no centro de traballo que se especifican no punto 9.
2.3. Sen prexuízo do anterior, manterase a presenza dun/dunha funcionario/a de cada corpo, dentro dos especificamente destinados no centro de traballo, agás naqueles centros que xa posúan menos de dous/dúas funcionarios/as de cada corpo. Nestes últimos deberán establecerse as correspondentes quendas.
2.4. En todo caso, o persoal integrante ou que deba integrar as quendas dos servizos de garda non poderá solicitar o gozo das vacacións se no expresado período ten que prestar este servizo.

3. DEFINICIÓN DOS CENTROS DE TRABALLO PARA OS EFECTOS DE VACACIÓNS
3.1. Consideraranse centros de traballo para os efectos deste programa cada sala do Tribunal Superior de Xustiza, sección das audiencias provinciais, xulgado, servizo común ou outro órgano da Administración de xustiza.
3.2. Como excepción, respecto dos órganos dotados cunha soa praza de auxilio xudicial, considéranse centro de traballo:
-Todos os xulgados de primeira instancia dunha localidade.
-Todos os xulgados de instrución dunha localidade.
-Todos os xulgados do penal dunha localidade.
-Todos os xulgados do social dunha localidade.
-Todos os xulgados do contencioso-administrativo dunha localidade.
-Todos os xulgados de primeira instancia e instrución dunha localidade.
Tamén se aplicará o parágrafo anterior respecto de todos os funcionarios de auxilio xudicial das vilas con dous ou máis xulgados de primeira instancia e instrución. Para estes efectos, os ditos funcionarios non serán considerados dende a perspectiva do órgano xudicial de destino.

4. BAREMO
4.1. O baremo aplicarase unicamente no caso de coincidencia temporal que supere os límites previstos no punto 2.2, deste programa e a pedimento do interesado, para establecer esta preferencia teranse en conta os seguintes criterios:
1º.- As mulleres xestantes.
2º.- O persoal funcionario con fillos menores de tres anos ou persoas maiores dependentes ao seu coidado.
3º.- O persoal funcionario que non exercese a preferencia no presente exercicio ou no exercicio anterior.
4º.- Antigüidade na Administración de xustiza, computada dende a data de nomeamento.
5º.- Escala.
6º.- Antigüidade na unidade de destino.
4.2. Será obxecto de anotación cada ocasión na que un/unha funcionario/a faga valer a súa preferencia ao gozo das vacacións.
4.3. En caso de concorrencia co permiso de asuntos particulares, terán sempre preferencia no seu gozo as vacacións.

5. SOLICITUDES
As solicitudes de vacacións deberán presentarse de acordo coas seguintes regras:
5.1.Solicitude e presentación
5.1.1. De acordo co artigo 12 da Resolución do 12 de febreiro pola que se ditan instrucións relativas ao uso da tarxeta de identificación persoal, ao control do cumprimento da xornada e horarios de traballo e mais á tramitación das solicitudes de vacacións, permisos e licenzas para o persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, as solicitudes tramitaranse obrigatoriamente a través da OPAX e asinaranse electrónicamente, pasando a estar dispoñibles na bandexa do superior xerárquico para o seu informe e validación.
O secretario ou secretaria xudicial, fiscal xefe ou director/a ou subdirector/a do Imelga, informará sobre a incidencia da petición sobre o funcionamento do servizo. No caso de que o informe sexa negativo, farase constar a súa motivación que será estudada por este centro directivo en atención ao establecido no presente plan de vacacións.
Unha vez informadas e validadas electronicamente polo superior funcional, as solicitudes pasarán inmediatamente a estar dispoñibles na bandexa de entrada da OPAX do servizo de persoal da xefatura ou delegación territorial correspondente para a súa resolución.
No caso de que por razóns de índole técnica non se obtivera o visado electrónico do superior xerárquico, o persoal funcionario deberá remitir a súa solicitude vía fax ao servizo de persoal da xefatura ou delegación territorial correspondente no prazo máximo de cinco días hábiles dende o rexistro e sinatura electrónica por parte do interesado, a través dos seguintes números:
A Coruña.- 981184450
Lugo.- 982294266
Ourense.- 988386384
Pontevedra (Vigo).- 986817001
Neste segundo caso, na unidade de destino conservarase o orixinal da solicitude, coa data acreditativa da presentación, e o informe para efectos de consulta ou comprobación durante a vixencia deste programa.
5.1.2 As vacacións gozaranse dentro do ano natural e ata o día 15 de xaneiro do ano seguinte.
5.1.3 Cando, con posterioridade ao 1 de xaneiro de cada ano, tomasen posesión en Galicia funcionarios procedentes de postos da Administración de xustiza doutras comunidades autónomas que estean en servizo activo, os interesados deberán achegar unha certificación da Administración competente en materia de recursos humanos relativa ao tempo de vacacións consumido no exercicio anual. Se non as consumiron, quedarán revogadas as vacacións concedidas pola Administración pública competente na comunidade autónoma de procedencia e solicitaranse  novamente ao órgano correspondente segundo o previsto no punto 5.1.1.
5.1.4 Nos supostos de pedimento de urxencia, achegarase a documentación que a xustifique.

5.2. Prazo de presentación
5.2.1. As solicitudes deberán presentarse no servizo nos seguintes prazos ordinarios:
-Para vacacións durante a tempada "A"
-As vacacións de verán solicitaranse ata o 21 de maio, as de Nadal ata o 15 de decembro.
-Para vacacións durante a tempada "B"
-Ata o día 15 do mes anterior ao do gozo das vacacións.
5.2.2. Fóra dos prazos ordinarios non se poderán efectuar pedimentos de vacacións agás por motivos debidamente xustificados ou de urxencia. A concesión desta petición extemporánea quedará supeditada, non só ao cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos 2.2, 2.3 e 5.1 deste programa, senón tamén ao de vacacións xa aprobado. Como consecuencia disto, poderá tamén neste facerse uso da facultade establecida no apartado 7.1 e, polo tanto, a solicitude de vacacións poderá ir ao mesmo tempo acompañada dunha solicitude de permuta, de xeito que se resolverán as dúas peticións de forma conxunta.

6. APROBACIÓNS DOS PLANS DE VACACIÓNS NOS CENTROS DE TRABALLO
6.1. As xefaturas territoriais resolverán as peticións efectuadas, dentro dos quince días naturais seguintes ao da finalización dos prazos de presentación de solicitudes, e comunicaranlle os plans de vacacións ao/á secretario/a, fiscal xefe, director/a ou xefe/a respectivo/a, do xeito máis rápido posible, para que este/a o notifique ao persoal correspondente. As resolucións das peticións que figuren denegadas nos plans de vacacións serán debidamente motivadas. Entenderanse aprobados os plans de vacacións correspondentes ás solicitudes efectuadas en cada período se a Administración non resolve as peticións dentro do prazo de quince días mencionado.
6.2. As peticións de vacacións por motivos xustificados ou de urxencia previstas no punto 5.2.2 serán resoltas pola xefatura territorial correspondente no prazo de cinco días naturais, contados dende a data de recepción da petición por parte da xefatura territorial, adaptando no preciso os plans de vacacións. Se non se resolvese expresamente nada no prazo indicado entenderanse concedidas as peticións efectuadas.
6.3. En cada unidade ou servizo existirá un cartafol onde se arquivarán os plans de vacacións.

7. POSPOSICIÓN, E MODIFICACIÓN DOS PERÍODOS SOLICITADOS
7.1. Aprobados os plans de vacacións de cada centro de traballo para os distintos períodos de cada tempada, o persoal funcionario, no ámbito de cada unidade da oficina xudicial, poderá por unha soa vez:
                7.1.1. Renunciar ao período concedido comunicándoo polo menos con cinco días de antelación ao inicio deste.
                7.1.2. Permutar voluntariamente, dentro dunha mesma unidade ou servizo, os períodos de vacacións concedidos.
                7.1.3. Solicitar o cambio das vacacións concedidas por outras do mesmo período, aínda con distinta duración.
7.2. Para os efectos do establecido no punto anterior os/as funcionarios/as deberán anular electronicamente a petición inicial e facer unha nova solicitude que comprenda as novas datas de gozo, de acordo co punto 5. Esa petición de anulación non require da validación do superior funcional, validación que si será precisa na nova petición que se realice con posterioridade.
7.3. A concesión de modificacións estará condicionada ao cumprimento dos límites aos que se refiren os puntos 2.2 e 2.3 anteriores e ao respecto das vacacións xa concedidas. Terá a consideración de petición de modificación a solicitude de vacacións formulada con posterioridade ás datas previstas no punto 5.1.2 anterior.

8. COMISIÓN PARITARIA
Constituirase unha comisión paritaria formada pola Administración e as centrais sindicais presentes na mesa sectorial de Xustiza, que analizará as incidencias que se puidesen producir na aplicación do presente programa de vacacións. Se é o caso, a mesa sectorial propoñerá as medidas conducentes á súa corrección.

9. PORCENTAXES DE PERMANENCIA DE FUNCIONARIOS NA UNIDADE SEGUNDO OS TIPOS DE CENTRO DE TRABALLO
Durante a tempada A deberá permanecer na unidade ou servizo, como mínimo, o 50% do cadro de persoal. No mes de agosto a porcentaxe de permanencia mínima será do 33%, agás nos rexistros civís exclusivos da Coruña e de Vigo, onde a permanencia mínima durante o mes de agosto será do 50%. Durante a tempada B deberán permanecer como mínimo os seguintes efectivos, segundo o tipo de centro:
9.1. Tribunais (Tribunal Superior de Xustiza, audiencias provinciais): 60% do cadro de persoal da unidade da oficina xudicial respectiva.
9.2. Xulgados mixtos: 75% do cadro de persoal da unidade da oficina xudicial respectiva.
9.3. Xulgado de instrución: 60% do cadro de persoal da unidade da oficina xudicial respectiva.
9.4. Xulgados de primeira instancia, do mercantil e do social: 80% do cadro de persoal da unidade da oficina xudicial respectiva.
9.5. Xulgados do penal, de violencia sobre a muller, de menores e de vixilancia penitenciaria: 75% do cadro de persoal da unidade da oficina xudicial respectiva.
9.6. Rexistros civís exclusivos da Coruña e de Vigo: o 60% do cadro de persoal da unidade da oficina xudicial respectiva.
9.7. Xulgados de paz: 60% do cadro de persoal da unidade da oficina xudicial respectiva.
9.8 Fiscalías: 70% do cadro de persoal da unidade da oficina xudicial respectiva.
9.9. Servizos comúns, decanatos e outras oficinas e servizos: 70% do cadro de persoal da unidade da oficina xudicial respectiva.

10. ACUMULACIÓN DAS VACACIÓNS AOS PERMISOS DE MATERNIDADE, PATERNIDADE, ADOPCIÓN OU ACOLLEMENTO E LACTACIÓN
Os/as funcionarios/as poderán acumular o período de gozo de vacacións aos permisos derivados do nacemento, adopción ou acollemento e lactación, aínda que expirase xa o ano natural a que tal período corresponda.
Así mesmo, no caso de baixa por maternidade, cando esta situación coincida co período de gozo de vacacións este quedará interrompido e poderán gozarse as vacacións finalizado o período de permiso por maternidade, nos termos sinalados no parágrafo anterior.
Transitoria.- Mentres non se creen as novas unidades ou servizos previstos na LOPX, as referencias a eles contidas nos programas e plans de vacacións deberán entenderse feitas aos actuais órganos xudiciais e servizos da Administración de xustiza.