A xustiza que vén: unha ruína


30 sept 2014







Hoxe na Egap se está a desenvolver un acto que leva por nome "A Xustiza que vén", no que está presente Alfonso Rueda, o conselleiro que está a desmantelar a Xustiza como servizo público en Galicia.

Delegados de CCOO estivemos presentes nese acto, xunto con outros compañeiros e compañeiras, para poñer de manifesto que a Xustiza que vén para os próximos anos é unha ruína, sen convocatoria de oposicións, sen dotación de medios persoais e materiais, cunha alta taxa de xubilacións no persoal que incrementa as cargas de traballo, cos xulgados do social, mercantil e 1ª instancia totalmente colapsados, etc

A única resposta dende o goberno autonómico e a creación de figuras ficticias, a Nova Oficina Fiscal e a Nova Oficina Xudicial, entelequias nominativas sen dotación orzamentaria, que non supoñen incrementos de persoal e si deseños publicitarios.

A Xustiza que vén é a da tesoira e o recorte, levamos unha perda acumulada do 30% do poder adquisitivo, e cando os tribunais nos dan a razón respecto ao roubo que están a cometer nas nosas retribucións, o goberno da Xunta emprega manobras procesuais dilatorias, recorrendo de casación en interés de lei.

A Xustiza que vén é a do deterioro intencionado do servizo público para abrir a vía da privatización, como a do Rexistro Civilo ou a dos actos de comunicación. A xustiza discriminatoria, con taxas que consagran unha xustiza de dobre vía, para ricos e pobres, con decretos de enfermidade que supoñen mermas retributivas a funcionarios pero non a xuíces e fiscais, e cunha xustiza gratuíta que impide o acceso ao dereito á tutela xudicial efectiva a milleiros de persoas

A Xustiza que nos traen este servizo de demolición nomeado Xunta de Galicia é unha Xustiza convertida nun campo aberto para a corrupción e o abuso empresarial. Dende CCOO rexeitamos que se empreguen fondos públicos para este tipo de actos, hipócritas e electoralistas, e denunciaremos o uso perverso da formación co erario público como actos publicitarios e electoralistas.

Como se ve na imaxe, o acto previsto para 290 persoas foi un rotundo fracaso, quizáis porque o mundo xurídico é consciente de que estamos ante puro fume, e que a realidade nos xulgados é ben distinta ao que un bo deseño nos pretende vender