Parte de incidencias no OPAX


24 abr 2014




Dentro do control exhaustivo dos nosos movementos a través do sistema KRONOS, un gran irmán moderno elaborado por AMTEGA, axencia cun orzamento anual duns cen millóns de euros, que pon ao funcionario baixo a presunción de culpabilidade por incumplidor, ven de publicarse na intranet o sistema de remisión a través do OPAX dos partes de incidencia horaria. 

De acordo coas instrucións aprobadas por Resolución do 12 de febreiro, xa está habilitada a sinatura electrónica do parte individual de incidencias dispoñible na OPAX. As incidencias deberán rexistrarse ao día seguinte ou o primeiro día hábil de traballo tras a reincorporación ao posto. Dende o momento da sinatura, a incidencia pasará a estar dispoñible para o servizo de persoal correspondente, que procederá á súa validación e carga no sistema de control horario. Desta forma, para a tramitación de calquera incidencia de control horario, xa non é precisa a sinatura por parte do superior funcional da unidade, ao que se lle habilitará unha opción de consulta na súa bandexa de entrada, para poder facer un seguimento das incidencias tramitadas polo seu persoal.

As únicas situacións vinculadas co horario, cuxa tramitación tamén é telemática en todos os seus pasos, pero que si precisa da validación e sinatura electrónica por parte do superior funcional, son:
  • Acumulación de horas por actuacións urxentes e inaprazables: no corpo da solicitude é preciso describir a xustificación das actuacións realizadas, incluíndo as horas da súa prestación, para poder aplicar as compensacións correspondentes. Ao seren validadas e asinadas polo superior funcional, enténdese como certificada a obrigatoriedade dos traballos, polo que non é preciso achegar ningún papel sobre as circunstancias, salvo requirimento do servizo de persoal correspondente.
  • Solicitude de días de libranza por acumulación de horas: a súa tramitación é totalmente equiparable neste momento á dos días de permiso por asuntos particulares, sendo obrigatoria a tramitación electrónica.
Nestes dous supostos, nos que é preciso o visado electrónico do superior xerárquico no caso de producirse calquera  problema técnico neste paso, o funcionario deberá remitir a súa solicitude vía fax ao servizo de persoal no prazo máximo de cinco días hábiles dende o rexistro e sinatura electrónica por parte do interesado.


Dende o día de hoxe tamén está dispoñible a través da OPAX a incidencia parcial por horario e xornada especial, que deberá ser cuberta polo persoal que presta servizos de garda, para que o programa de control horario sume os tempos traballados fóra da franxa horaria xeral fixada polo calendario laboral vixente. Desta forma, calquera servizo motivado nun servizo de garda ou nun cambio da quenda de rexistro civil, realizado con posterioridade ás 18.30 da tarde e ata as 07.30 da mañá, en horario de inverno, ou dende as 17.30 da tarde e ata as 08.00 da mañá, en horario de verán, requirirá da cubrición da correspondente incidencia. Ao igual que o resto das incidencias de control horario, na súa tramitación non se require a sinatura por parte do superior funcional da unidade, ao que se lle habilitará unha opción de consulta na súa bandexa de entrada, para poder facer un seguimento das incidencias tramitadas polo seu persoal.
A forma de proceder nestas situacións será a seguinte:
  • A incidencia deberase de realizar ao día seguinte da prestación dos servizos.
  • Entrar na OPAX/Control horario/Parte individual de incidencia/Incidencia parcial por horario e xornada especial.
  • Escoller o motivo (Servizo de garda/Cambio na quenda de rexistro civil) e seleccionar o día para o que se quere tramitar a incidencia.