Modificación orde de interinos


24 abr 2014


No Diario oficial de Galicia de hoxe, 24 de abril, publícase modificación da orde de interinos do 28 de novembro de 2013, que recolle a alegación feita por CCOO de poder pedir a suspensión nas bolsas para os que traballen no sector público ou privado, incluída a administración de xustiza: 

A Lei orgánica do poder xudicial 6/1985, do 1 de xullo, prevé no seu artigo 472.2 que por razóns de urxencia ou necesidade se poderán nomear funcionarios interinos, que desenvolverán as funcións propias dos corpos de funcionarios ao servizo da Administración de xustiza mentres non sexa posible o seu desempeño por funcionarios de carreira ou permanezan as razóns que motivaron o seu nomeamento. 



Mediante a Orde do 28 de novembro de 2013 (Diario Oficial de Galicia número 234, do 9 de decembro) regulouse a selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia. 

A citada orde do 28 de novembro de 2013 establece os supostos nos cales non se produce a exclusión das persoas integrantes nas bolsas de interinos, supostos estes que foron ampliados respecto da regulación anterior, posibilitando, por unha única vez, a suspensión nas devanditas bolsas daqueles candidatos que así o soliciten por desenvolver unha actividade profesional no sector público ou privado, non prevendo, porén, esta posibilidade cando a actividade desenvolvida sexa no ámbito da Administración de xustiza. 

Coa finalidade de establecer esta posibilidade, logo da negociación coas organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Xustiza, no exercicio das atribucións conferidas segundo o artigo 38 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, DISPOÑO:

 Artigo único. Modificación da Orde do 28 de novembro de 2013 sobre selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia. Un. Na letra f) do punto 2 do artigo 16, onde di: «...f) Actividade profesional fóra do ámbito da Administración de xustiza, no sector público ou privado...», debe dicir: «...f) Actividade profesional no sector público ou privado...»

Dous. No punto 4 do artigo 16, onde di: «... Neste caso aplicarase o disposto no número anterior», debe dicir: «… Neste caso aplicarase o disposto nos números 2 e 3 anteriores».