Concurso de traslado 2014. Prazas vacantes Galicia


17 mar 2014


No día de hoxe dende a Dirección Xeral de Xustiza remítennos relación de vacantes para o vindeiro concurso de traslado, que está previsto para a primeira quincena de maio de 2014. Unha relación paupérrima de prazas, agravada polo plan de amortización de 2012, que segue adiante pese a romper o compromiso de crear prazas do servizo de apoio e consolidación de reforzos coas que xa foron amortizadas, das Audiencias Provinciais, Xulgados do Contencioso, Instrucción ou Xulgados de Paz, que bloquea un gran número de resultas.

A política de recortes, con amortizacións disfradas de reordenacións que logo non prosperan, traen como consecuencia ademais dun peor servizo, contribuíndo ao colapso dos órganos xudiciais, a suspensión de facto dos concursos de traslados, sen oportunidades para os que están fóra da nosa comunidade de volver e, ademais, anulando sine die a Oferta de Emprego Público.


Dende CCOO, ademais de examinar exhaustivamente a relación de prazas a fin de detectar os posibles erros ou falta de interese en publicar algunha praza por parte da administración (para o que podedes poñervos en contacto con nós no correo sectorxustizaccoo@gmail.com), tamén reiteramos que a famosa reordenación de maio de 2012 converteuse nunha amortización do 5% do cadro de persoal, se a iso sumamos a posible privatización do Rexistro Civil, servido por máis de 200 funcionarios (un 7% do total) podemos colexir que é inaceptable e esiximos a retirada de dito plan de amortización, desbloqueando as resultas, a creación de prazas coas que xa foron amortizadas e o mantemento dunha ratio de funcionarios (unha das menores de Europa) que permita desenvolver un traballo digno e ofrecer unha xustiza pública eficaz que dea resposta as necesidades da cidadanía. 

 En total hai 17 prazas de xestión (algunha reservada aos secretarios sustitutos), 4 de tramitación e dous de auxilio. Unha triste relación de prazas que quebra o dereito á mobilidade voluntaria dos funcionarios públicos e anula as esperanzas de moitos e moitas compañeiras que vense obrigados a residir fóra de Galicia.


Seguiremos mobilizándonos en aras a concienciar á cidadanía de que a Xustiza, xunto coa Educación e a Sanidade, están a ser desmanteladas e postas en venta polo goberno, o que encarece e empeora os Servizos Públicos, esnaquiza os nosos dereitos, destrúe emprego e liquida o Estado de Benestar.


Prazas vacantes

Prazas que non sairán a resultas