Proposta de declaración institucional ante o Parlamento Galego


18 mar 2014




Ante as reformas previstas no Rexistro Civil, que pasan pola súa privatización, as Organizacións Sindicais con representación en Xustiza, CCOO, USO, UGT, CSIF e CiG, propoñen a seguinte declaración institucional a aprobar polo Parlamento de Galicia:

Actualmente existen no estado español 431 Rexistros civís principais, xunto a máis de 7000 xulgados de paz con competencias en materia de Rexistro Civil que pretenden ser privatizados polo Ministro de Xustiza. Esta reforma suporía a supresión de 3.500 postos de traballo na Administración de Xustiza, máis de 200 no noso país.

A privatización do Rexistro Civil baséase en presupostos de axuste das contas públicas, cando foron investidos en su modernización 128 millóns de euros, diñeiro público que agora se aproveitará para unha xestión privada. Cómpre tamén clarificar o destino dos investimentos públicos feitos en infraestruturas por parte da Xunta de Galicia, como, por exemplo, nos Rexistros Civís da Coruña (case seis millóns de euros) ou Vigo (900.00 euros só nos orzamentos do pasado ano)

A privatización do Rexistro Civil suporía unha redución drástica do número de Rexistros Civís: dos actualmente existentes, un por municipio, a un por provincia e grandes cidades, un en cada illa de Baleares e Canarias e Ceuta e Melilla. Os Xulgados de Paz veríanse abocados a súa desaparición, toda vez que o Rexistro Civil é a súa principal función, sendo a outra os axuizamentos de faltas, que un proxecto de reforma da Lei de Axuizamento Criminal tamén prevé eliminar. En Galicia, con características coñecidas de dispersión poboacional e orografía complexa, a eliminación da Xustiza de proximidade e dos Rexistros Civís das pequenas vilas suporía un grave prexuízo para a cidadanía, e mesmo un menoscabo socioeconómico para os Concellos. Cabe recordar o mandato que se deron os partidos políticos, no Pacto pola Xustiza do 2001 que deu lugar á Carta de dereitos dos cidadáns ante a Xustiza, aprobada no Congreso en 2002, que avogaba por unha Xustiza próxima e accesible.

Por outra banda está en risco a gratuidade dun servizo público: os Rexistradores e Notarios son funcionarios públicos, pero cun réxime especial que permite o cobro de aranceis, actos cotiás poderían verse gravados cun sobrecusto que xa estaría financiado co pago de impostos,o aforro de catrocentos millóns de euros que prevé o Ministro de Xustiza vai ser diferido á cidadanía.

Así mesmo, os datos que constan nas inscricións rexistrais (como os relativos ao estado civil, á adopción, ao cambio de sexo...) deben ser recollidos de modo fidedigno e custodiados en arquivos oficiais. A protección de datos está garantida polo deber de sixilo dos funcionarios. A privatización afasta da órbita pública, e polo tanto regulada, os datos persoais merecedores de especial protección.  Polo tanto:

1.- O goberno debe retirar calquera iniciativa de reforma do Rexistro Civil que pase pola súa privatización, e debe manter o seu actual estado de servizo público, universal e gratuíto.

2.- O Ministerio de Xustiza debe aceptar que os Rexistros Civís continuarán a ser servidos por funcionarios da Administración de Xustiza, que teñen a capacidade, experiencia e preparación necesarias para manter o servizo público sen necesidade de privatizalo, e que se de algo precisa, é de investimentos en medios persoais e materiais.

3.- O Goberno debe comprometerse a garantir que nos Rexistros Civís todos os actos relativos á situación das persoas seguirán sen supor ningún custo para a cidadanía. 

 4.- En todo caso, as reformas do Rexistro Civil, non suporán amortizacións de persoal, desaparición de Xulgados ou afastamento dos servizos á cidadanía, e, calquera modificación que se emprenda, será feita oíndo ás organizacións sindicais, partidos políticos, asociacións de consumidores e a FEMP, de xeito que as reformas sexan consensuadas e non impostas.