Contra a privatización do Rexistro Civil. Reunión das OOSS cos grupos parlamentares


18 mar 2014




O luns 17 de marzo os delegados das Organizacións Sindicais con representación en Xustiza, CCOO, USO, UGT, CSIF e CiG,  estivemos no Parlamento de Galicia, para presentar a todos os grupos políticos, PP, PSOE, AGE e BNG unha proposta de declaración institucional conxunta, en defensa dun Rexistro Civil público e gratuíto servido por funcionarios de Xustiza, tal e como foi aprobada nos Parlamentos de Euskadi e Navarra. PSOE, AGE e BNG amosaron o seu apoio total á iniciativa. A voceira do PP, Paula Prado, recoñeceu o prexuízo que suporía para Galicia un rexistro privatizado, sen embargo cualificou as intencións privatizadoras como meras especulacións dos medios. Dende as organizacións sindicais esixímoslle que non defenda os intereses do seu partido en Madrid, senón os da cidadanía galega, cunha dispersión poboacional e unhas características orográficas peculiares que vería como esta medida suporía un dobre prexuízo para as súas economías.

 • A unidade sindical e a presión conxunta son o único camiño para frear unha privatización que só en Galicia suporía a destrución de máis de 200 prazas de funcionarios de xustiza (un 7% do cadro de persoal) e que ameaza a supervivencia dos Xulgados de Paz, e polo tanto, da xustiza de proximidade

 • As organizacións sindicais, con esta actuación institucional, logran poñer no primeiro plano da axenda política, a defensa do Rexistro Civil público e gratuíto 

• Manteremos a unidade de acción nas mobilizacións, tratando de implicar á cidadanía, a través das asociacións veciñais, de consumidores e diferentes colectivos para participar nas concentracións en defensa do Rexistro Civil, este mesmo venres 21 de marzo ás 12:00 horas nas principais cidades de Galicia 

Consideramos que toda reforma do Rexistro Civil debe partir dos parámetros de gratuidade e sen saír da esfera do público, sendo, sempre e en todo caso, servido por funcionarios de Xustiza. Dentro desa marxe, calquera modificación dos Rexistros Civís debe ser negociada e consensuada cos traballadores a través das organizacións sindicais que os representan. Os partidos políticos e, nomeadamente a Xunta de Galicia, deben romper o seu silencio cómplice, deixarse de ambigüidades, e mostrarse firmes na defensa dun servizo que é eficaz e está ben valorado pola cidadanía, facendo unha fronte común para que o Rexistro siga a ser universal, público e gratuíto, e que, en todo caso, se se chega a desxudicializar, que os encargados dos Rexistros sexan os Secretarios Xudiciais ou o persoal do Corpo de Xestión Procesual. 

Galicia, 18 de marzo de 2014