Galicia: Publicada a resolución do concurso de traslados dos corpos xerais de 2013


19 nov 2013


No día de hoxe publicouse no BOE e no DOG a Resolución do 28 de outubro de 2013, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se resolve definitivamente o concurso de traslado para prazas vacantes entre funcionarios dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial da Administración de xustiza, anunciado pola Resolución do 15 de abril de 2013.

Segundo a resolución, tanto a toma de posesión coma os cesamentos realizaranse na xefatura ou delegación territorial correspondente ao destino. Por cuestións organizativas, agradeceríase a formalización das tomas de posesión entre as 9.00 e as 11.00 horas e a dos cesamentos entre as 12.00 e as 14.00 horas de luns a venres. (Fóra destas franxas horarias o acceso ás dependencias dos respectivos servizos de persoal de Xustiza pode ter restricións.)

Á marxe das datas de cesamento fixadas na resolución (para o corpo de tramitación o día 26.11.2013, para o de auxilio e xestión o día 03.12.2013), no caso de que un funcionario reingresado tome posesión antes das datas indicadas na praza doutro que tamén obtivese destino no concurso, este segundo cesará o mesmo día da toma de posesión do reingresado, empezando a contarlle o seu respectivo prazo posesorio.

No caso de cesar e tomar posesión na mesma localidade ou en distintas localidades dunha mesma provincia, ambas as formalizacións poderanse facer o día da toma de posesión, sendo a data de formalización do cesamento a que corresponda de acordo coa resolución de adxudicación.

Co fin de axilizar a tramitación das altas e baixas, relacionamos a documentación que as xefaturas ou delegacións territoriais precisan para abrir ou completar os expedientes persoais das persoas que tomen posesión dun novo posto*.

Persoal procedente de fóra da comunidade:
• Fotocopia do DNI
Ficha de recollida de datos (persoais e bancarios)
• Fotocopia da tarxeta sanitaria (unicamente para ingresos posteriores a 01.01.2011) e/ou tarxeta de Muxexu
• Certificado de haberes
• Certificación ou copia dos trienios
• Certificación das vacacións e días gozados na Administración da que procedan
Modelo 145 (IRPF)

Persoal destinado na comunidade:
• Fotocopia do DNI
Ficha de recollida de datos (persoais e bancarios)

Para o caso dos cesamentos do persoal que obteña novo destino fóra da C.A. de Galicia, no momento de formalización do cesamento deberán facer entrega da tarxeta de identificación persoal e de control horario, asinando o impreso acreditativo de tal circunstancia. No caso de non ter que formalizar cesamento ningún por reingresar fóra da comunidade nun corpo distinto do que estaba a prestar servizos, a tarxeta será entregada presencialmente ou por correo postal ao correspondente servizo de Xustiza.

*No caso de non estar en posesión dalgún dos documentos, estes remitiranse o máis axiña posible ao correspondente servizo de Xustiza.