Feijoo, da Galicia solvente á Galicia disolvente


13 sept 2013



Trafulqueiro

1 Que di ou fai as cousas mal, sen orde e con precipitación, mesturando todo
2 Que mente ou que ten por costume mentir


No día de hoxe almorzamos coa noticia:

“A Xunta decide manter no 2014 o recorte aos funcionarios Prorroga o recorte medio do 40 % nas extras dos seus 88.000 empregados”

O compañeiro de viaxe do narcotraficante Marcial Dorado, o home do “solo sé que había nieve”, o Señor Feijoo, o día 10 de outubro de 2012 manifestou literalmente:

"Gracias al gran esfuerzo de estos cuatro años hay menos paro, menos deuda pública y Galicia es la comunidad con menos déficit público, la más solvente de España",

E meses antes, hai pouco máis dun ano, o 29 de agosto dixo nunha entrevista no Faro de Vigo:

"Yo a los funcionarios no les voy a pedir más esfuerzos desde el punto de vista retributivo. Ya han hecho bastante"

Eu diría que xa aturamos dabondo. Que xa basta de mentiráns. Que o feito ata o de agora non chega. Que hai que dar un paso máis.

Quedou demostrado que somos eficientes, que a nosa principal preocupación, por norma xeral, é a prestación dun servizo público de calidade, que se traduce en que os servizos esencias que precisan os cidadáns queden garantidos.

O 24 de xullo deste ano unha traxedia encolleu o corazón de Galicia. As imaxes estremecedoras do tren descarrilado, os choros dos familiares, as facianas aturdidas dos feridos, as vítimas espalladas polo chan,... todas esas imaxes perdurarán nas nosas retinas por sempre. Unha traxedia non ten nada de positivo. Pero si foi salientable a unión e o esforzo de médicos, bombeiros, policías, enfermeiros, etc, tantos e tantas empregados públicos, moitos sen estar de guarda, xubilados ou de vacacións que se incorporaron voluntariamente para colaborar e axudar. Quen é ese grupo de homes e mulleres, eses heroes e heroínas que levaron en brazos aos feridos, que asistiron as vítimas, que romperon as ventás para rescatar os corpos magullados? Empregados públicos. Os chibos expiatorios da crise. Os culpables do malgasto público dos políticos. Os que teñen que pagar os rescates da banca, os desmáns das construtoras en connivencia cos gobernantes da dereita empresarial, o gasto en asesores, entes baleiros, enchufismo e amiguismo, o deporte nacional.

Nos últimos anos perdemos un terzo do noso poder adquisitivo. Se somos solventes, se todo vai ben, se a crise non afecta a Galicia, se non hai no programa do Partido Popular ningún dos recortes que sufrimos, qué é o que pasa? O trafulqueiro Feijoo merece unha resposta. O que cómpre é paralizar todos os servizos públicos de Galicia antes de que sexa tarde, antes de que os orzamentos estean aprobados. Dúas declaracións recentes fan que a náusea se apodere de min, que me avergoñe da capacidade mobilizadora dos sindicatos, das asociacións, das plataformas, de todos os movementos que deberían aglutinar o sentir popular:

Antonte, o ministro Wert:
“Comparado con otros países de nuestro entorno cultural que están embarcados en reformas educativas, como México o Chile, el nivel de discrepancia en España se puede considerar una fiesta de cumpleaños”

E o pasado 31 de agosto, no País:
“Uno de los logros que más destacan en privado los fieles de Mariano Rajoy es que el PP ha logrado, dicen, hacer reformas muy duras sin un gran estallido social similar al de Grecia”

Necesitamos mobilizacións transversais, sanidade, educación, xustiza, bombeiros, policías, servizos sociais, .... o empregado público debería formar parte dun todo, que faga real a famosa imaxe do banco de peixes pequenos engulindo ao peixe grande. Dicía un revolucionario que é preciso soñar, pero coa condición de crer nos nosos soños. Eu creo firmemente que a única forma de enfrontarse ao sistema corrupto que nos goberna e a unión do funcionariado, a unión que nunca se deu pero que é posible, o soño da unión é imprescindible para paralizar o país máis solvente da idade moderna(sic) e lograr que cese o aldraxe e humillación a que nos someten os que se acomodan nas súas poltronas. Necesitamos unha nova Galicia. Os políticos actuais estanse encargando de disolvela para construír unha nova, sen emprego, sen industria, privatizada. Temos que ser quen de tomar parte neste proceso, darlle a volta e ser nós, os traballadores e traballadoras os que decidamos o que máis convén a sociedade galega, a día de hoxe en mans de catro intereses privados e en pleno proceso de desmantelación.

Por Jorge Suárez