A Xunta dá a dedo 184.000€ a La Voz e La Región polo seu uso do galego


4 jun 2013


La Voz de Galicia (149.000€) e La Región (35.000€), dous xornais que se editan case exclusivamente en español, son os únicos beneficiados nos convenios da Consellería de Cultura para "potenciar o uso do idioma galego".

"Potenciar o uso do idioma galego a través dos xornais". Esta é a finalidade dos convenios de colaboración asinados o 29 de abril polo conselleiro de Educación con La Voz de Galicia e o Grupo La Región. O diario coruñés recibirá 149.000 euros públicos mentres que o grupo ourensán, que edita La Región e Atlántico, apañará 35.000 euros.

Tanto La Voz de Galicia como La Región marxinan ao galego, limitando o uso do idioma propio de Galicia case exclusivamente a algunhas noticias das seccións de Opinión e Cultura.

Malia levar décadas con esta práctica contraria á normalización do idioma que a Xunta ten a obriga de promocionar, o Goberno Galego só firmou convenios para fomentar o galego con estes dous medios. Nin un peso para os medios editados no idioma propio, que tamén foron discriminados no recente Día das Letras Galegas. O 17 de maio o Goberno Galego pagou publicidade a prol da normalización en case todos os medios do país, salvo nos editados en galego.

Os 184.000 euros pagados a La Región e La Voz están recollidos hoxe no DOG, no que a Lei de Transparencia, aprobada polo bipartito obriga a publicar estes convenios. 

A verdade é que o obxectivo dos convenios é unha mera formalidade, unha excusa coa que desvíar recursos públicos a empresas privadas de comunicación a cambio dun bo trato informativo ao poder. 

Por exemplo, na metade da primeira lexislatura de Feijóo La Voz de Galicia recibira 7,2 millóns da Xunta. A penas un 35% deses cartos outorgáronse mediante as subvencións públicas anuais aos medios. O resto foron convenios a dedo e outras adxudicacións directas.

Os gcpluseiros, os usuarios que axudan a manter aberto o GC, poden consultar todo o reparto (que empresa recibiu que e cando) das axudas até entón aquí. Son 18 millóns, 11,8 a dedo.

Os convenios son unha vía legal de reparto de axudas que, a diferencia das convocatorias a través do DOG, dependen do criterio particular do mandatario de turno. A Xunta de Galicia leva décadas -dende o fraguismo até hoxe pasando polo bipartito- financiando aos medios de comunicación afíns mediante este opaco sistema. Ningún outro sector económico recibe tanto diñeiro público sistematicamente a cambio, en teoría, de nada.

Publicado o 03/06/2013 en www.galiciaconfidencial.es

Enlace permanente: pica aquí