O PP presenta as críticas a Feijóo polas fotos co narco como un ataque á democracia


7 abr 2013



Como as protestas ante as vivendas de cargos do PP dos grupos anti desafiuzamentos. Como as críticas de calibre groso en sede parlamentaria. As críticas e peticións de explicacións lanzadas pola oposición cara ao presidente da Xunta a causa da publicación no diario El País das súas fotos co narcotraficante Marcial Dorado son tamén para o PP un ataque á democracia en xeral e, particularmente, ao réxime político xurdido da Transición española e asentado na vixente Constitución. Diversos cargos conservadores veñen mantendo estas teses dende hai días e este domingo concretounas o seu voceiro parlamentario, Pedro Puy, para que a actitude de PSdeG, AGE e BNG está a "cuestionar as institucións democráticas".
A xuízo de Puy "o que pode danar a imaxe de Galicia" non son as instantáneas do actual presidente a bordo do barco dun narco nos tempos en que ocupaba a secretaría xeral da Consellería de Sanidade. Ben ao contrario, sinalou nunha entrevista na Cadena SER, ese é un "feito basicamente intranscendente" e o que "pode danar a Galicia" é "o intento, por grupos que no arco político están situados no extremo, de desprestixio de todas as institucións e de todo o sistema político que nos demos en 1978" e que "permitiu a España disfrutar dun período de democracia, paz e tranquilidade" durante "décadas".
Puy coida que "o que pode danar a Galicia" non son as fotos de Feijóo, senón as críticas da oposición
"Hai grupos que están aproveitando" para "dicir que o sistema no seu conxunto está apodrecido", abonda Puy, se ben considera que o "episodio" de Feijóo e Dorado é "menor" e "non vai contribuír ao obxectivo de facerlle unha emenda á totalidade ao sistema democrático", toda vez que se trata "dunha foto que unicamente expresa que nunha data determinada dúas persoas estiveron xuntas", con independencia de que haxa "moitas interpretacións e insinuacións sobre cuestións que van alén das fotos". Feijóo, asegura, só pecou de "inxenuidade" porque non sabía das actividades do narco. "É evidente que cando un ten a mala sorte de ter un amigo ou familiar que anda en negocios turbios non ten por que sabelo", así e todo, matiza, o seu xefe de filas nin sequera "era amigo do señor Dorado", senón "amigo dun amigo do señor Dorado".
O presidente descarta que as imaxes fosen filtradas por alguén do PP e enmárcaas nun "ataque persoal"
Neste contexto, o parlamentario popular admite que o presidente está "preocupado" por ser obxecto "dun ataque persoal", cousa que non implica "distraccións" na súa tarefa na Presidencia, dende a que lle está a dar "enorme transparencia a este asunto". En clave "persoal" fala tamén o propio Feijóo este domingo nunha entrevista no diario El Mundo, na que declara que a publicación das fotos "non é un ataque político", senón "persoal", porque "sacarlle a un político unhas fotos dezanove anos despois é absurdo"."Daquela eu non era presidente e a outra persoa non tiña ningunha condena", acrecenta, convencido de que están "sacadas de contexto" e "tarde ou cedo saberase o como, o quen e o porqué desta pretendida e frustrada infamia.
Así as cousas, despois de chegar a insinuar que a filtración das imaxes podía proceder das filas socialistas, Feijóo agora evita esa tese e rexeita tamén que a orixe da polémica poida estar no propio PP. "É falso, un compañeiro de partido non fai iso", asegura, volvendo falar en termos de "ataque persoal". "Nos últimos días pensei detidamente en que persoas coñecín, con quen comín ou ceei" explica, para despois concluír que "non cre" ter "amizades perigosas", se ben "fixen milleiros de fotos con descoñecidos (...) e non sei o currículo de todos". "Non podo responder pola hononrabilidade de todas as persoas coas que saio en fotos na miña vida, pero si pola miña", afirma.

Publicado o 07/04/2013 en www.praza.com
Enlace permanente: pica aquí