Por J. L. Valcarce
Onte producíase un acto significativo no Parlamento de Galicia que amosa claramente os conceptos que manexa a dereita deste país: nun intre do sorprendente (por definilo dalgún xeito) discurso que o individuo que ocupa Monte Pío dirixía ao voceiro parlamentar do BNG sobor da moral e da ética (calquera día bótanse os porcos a dar leccións de hixiene) fixo algunhas referencias que non viña nao caso e con intención burlesca sobor Xosé Manuel Beiras. A evidente burla de Feijóo, acompañada do entusiasmo hooliganesco da tropa popular que provocou que Beiras se achegase até Feijóo esixindolle decencia mentres golpeaba o escano.
As reaccións do PP, tan rápidas coma esaxeradas, non teñen desperdicio. Feijóo, aproveitando que o Miño desemboca en Sebastopol, non só non explica dun xeito que evite que alguén (il ou os interlocutores) teña que ser parvo para crelo a súa relación con Marcial Dorado, senón que se permite facerse o digno e menosprezar á oposición en conxunto (que de momento non se teñen fotografado en bañador con contrabandistas, narcotraficantes, evasores fiscais ou semellante) afirmando que non merece respostas, o que de paso supón un desprezo máis aos cidadáns.
Pero o máis espectacular son as declaración de Marta Rodríguez Arias, quen define a Beiras coma “deputado violento que agrediu ao presidente” e amósase preocupada porque “non sabemos até onde pode chegar”. Salvo que Feijóo sexa un escano ou outra case de moble (o que explicaría o seu goberno), non se entende o de “deputado violento” e a referencia á agresión, xa que o único agredido foi o escano. Respecto a súa segunda afirmación, coido que resulta todavía máis abraiante, xa que Beiras poderá semellar moitas cousas mais non perigoso no senso no que a señora Rodríguez Arias quería facer notar. A perspectiva de que Xosé Manuel Beiras, cercano xa aos oitenta anos, vaia botarse ao monte cun naranjero ou a iniciar unha fulgurante carreira como magnicida (parvicida podería ser máis axeitado dada a potencial víctima) só pode pasar por cabezas moi pouco amobladas.
Mais, contra o que podería parecer, nada hai casual nin no acontecido onte nin na reacción esaxerada do PP. Non obedece a un consumo desbocado de carajillos senón a unha estudiada estratexia de criminalización de todo aquel que teña o malo costume de queixarse. Se Feijóo adicou toda a mañá do mércores 24 de abril a atacar á oposición en troques de respostar as preguntas sobor do seu compañeiro de vacacións, foi porque quería provocar reaccións para logo reforzarse presentándose coma vítima, o que está dentro da liña de “contrainsurxencia” que ven aplicando o PP.
É evidente que o sucedido onte encaixa perfectamente na teoría e praxe do Partido Popular nos últimos tempos dirixida á criminalización de todo aquel que non comulgue coas súas posición e teña a fachenda de dicilo. En canto alguén protesta, saen os voceiros oficiais ou oficiosos da dereita a tildalo de violento, nazi ou etarra cun ton impostado que resulta ofensivo.
Non me cren? As posición públicas do PP son clarificadoras: o dereito constituciónal á manifestación debe modularse, o que non é outra cousa que restrinxirse. O acceso aos plenos debe limitarse para evitar protestas, o que non é outra cousa que derogar o seu carácter público (coméntase que Pilar Rojo defende o acceso telepático como solución). Tampouco é posible manifestarse perante o sacrosanto parlamento porque segundo o PP é pouco menos que dar un golpe de estado xa que vulneraría o seu suposto carácter de depositario da soberanía. Os escraches vulnerarían os dereitos dos representantes públicos. Todo iso, aderezado de cando en cando con perlas que pretenden facer crer que a xente que non se manifesta é “a normal” e a “inmensa mayoría” (os manifestantes serían, entón, anormais e minoritarios).
Non nos enganemos, para o PP non hai máis forma de crítica ou protesta cidadá agás o formal exercicio do voto cada catro anos. Cando goberna a dereita, protestar supón violentar a democracia e de facelo, ten que ser sen molestar. (Cando goberna o PSOE saen á rúa até as monxas de clausura, pero é para salvar a alma cristiá da reserva espiritual de Occidente e ten xustificación).
O que se pon de manifesto, con esta estratexia política do PP agocha baixo unha aparente defensa da democracia uns tintes totalitarios arrepiantes: a maioría non só decide senón que sempre ten a razón, o que nos leva a unha sorte de ditadura en nome da maioría que privaría do básico dereito a queixarse.
En todo caso, a táctica do PP non deixa de ser suicida, non só porque a cidadanía pode percibir perfectamente a falsedade das imputacións que fan (a comparación dos escraches cos nazis provocou reaccións incluso de sobreviventes do Holocausto) senón porque pode acontecer que o PP remate coma o pastor do conto que berraba aquilo de “ven o lobo!”: o día que o lobo vaia de verdade ninguén os vai crer.
Publicado o 25/04/2013 en www.galiciaconfidencial.com
Enlace permanente: pica aquí