CCOO denuncia o insólito e aberrante proceder da Dirección Xeral de Xustiza de Galicia instaurando o dedazo na xustiza pública.


12 sept 2025



 


Santiago, 12 de setembro de 2025  

  

No día de hoxe, no Diario oficial de Galicia, e simultaneamente no Boletín oficial do Estado, convócanse once prazas, tres de xestión procesual e oito de tramitación, polo sistema de libre designación, para estar ao servizo do Secretario de goberno e os Secretarios coordinadores, amortizando esas prazas nos Servizos xerais de tramitación e/o execución.  

  

Esta disposición non ataca aos funcionarios públicos que permanecen nos órganos xudiciais, xa que verán incrementadas as súas cargas de traballo coa diminución de efectivos tras o dedazo, se non que abre o camiño para atacar de forma impune os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, consagrado polo artigo 103 da CE, tendo en conta que non existe ningún tipo de obxectividade no acceso a estes postos creados ex novo, para estar única e exclusivamente ao servizo de Letrados da Administración de Xustiza que ocupan cargos directivos de carácter meramente administrativo.  

    

CCOO denuncia que non existe tribunal de baremación, que non son públicos os criterios de selección, e que ao solicitante ínstaselle a presentar o seu currículo,  unha memoria explicativa das tarefas para desempeñar, cando non están especificadas en ningunha resolución, e a xustificación dos méritos que se aleguen, cando en ningún lugar figura cales son requiridos nin a súa orde de prelación na valoración. Para colofón do despropósito, a Dirección Xeral de Xustiza se arroga o privilexio de poder entrevistar os candidatos.  

   

En definitiva: non son públicos os baremos, non existe tribunal, actuando como tal a administración contratante, non se coñecen as tarefas específicas dos postos, poderán ser cesados en calquera momento, co que se busca servilismo, e, en definitiva, a opacidade de todo o proceso de selección é absoluta.  

  

CCOO presentará recurso de reposición contra esta resolución, a fin de que  se revogue a mesma e volvan á súa orixe, a tramitación, os postos ofertados, de ser denegado, recorrerá á Valedora do Pobo, e estudará cos seus servizos xurídicos abrir a vía xudicial para declarar nulo todo o proceso.  

   

CCOO móstrase rotundamente en contra da libre designación como sistema de provisión de postos, sendo leste un exemplo manifesto de enchufismo e procura de xente afín que siga os ditados da superioridade para ser o seu brazo executor, desenvolvendo para a súa selección un escandaloso proceso que atenta contra os principios básicos da función pública.