O pasado 12 de marzo, as cinco Centrais Sindicais con representación na Mesa de Negociación (CC.OO, SPJ-USO, UGT, CSI-F e CIG), únicas con capacidade de negociación ante a Mesa Sectorial de Xustiza de Galicia, achegamos escrito no que interesábamos que polo Director Xeral de Xustiza se diten as instrucións oportunas para que os servizos de Xustiza das catro delegacións territoriais, cumpran coa legalidade vixente e apliquen de xeito inmediato as disposicións contidas na Resolución de 28 de decembro de 2012 da Secretaría de Estado de AA.PP, no que afecta á posibilidade de gozar de forma independente de ata 5 días hábiles das vacacións por ano natural.
Insistimos que esta comunicación debía ser inmediata á vista das datas en que nos encontramos e da proximidade da Semana Santa, na que negar o desfrute das vacacións da forma exposta, ocasionaranos graves prexuízos derivados da imposibilidade de conciliar a vida laboral e familiar froito dunha actuación arbitraria e indiscriminada carente de apoio normativo algún.
A DIRECCIÓN XERAL DE XUSTIZA, ven de aceptar as nosas peticións e PERMITIRANOS DE XEITO INMEDIATO, SOLICITAR O DESFRUTE INDEPENDENTE DE ATA 5 DÍAS HÁBILES CON CARGO ÁS VACACIÓNS DE 2013. ESTES DÍAS PODEN ACUMULARSE AOS DE ASUNTOS PARTICULARES DESTE ANO 2013.
Con independencia deste acordo, lembrade que as cinco Centrais Sindicais con representación na Mesa de Negociación seguimos mantendo que como mínimo deben ser 15 días os que se poidan coller de xeito independente, pois por desgraza a redución de días de asuntos particulares obrigará moitos traballadores a utilizar os días de vacacións para conciliar a vida laboral e familiar e cubrir os períodos de enfermidade para non ver minguadas as súas retribucións (un 50% os tres primeiro días).