Un informe do fondo Emerging Sovereign Group di que o PP prometía aos inversores internacionais "recortes e reformas radicais" cando chegase ao poder e admite que Rajoy ocultou as súas intencións para non perder votos.
O PP argallou un dobre discurso nos meses previos ás eleccións xerais de 2011: un para compracer aos mercados e outro, antagónico, dirixido aos cidadáns para gañar apoio electoral. Así o recoñecía o fondo estadounidense Emerging Sovereign Group nun informe dirixido aos seus clientes en xullo de 2011 do que se desprende un posíbel engano do PP aos electores.
Durante o ano 2011, os conservadores deseñaron e puxeron en práctica, desde a oposición ao Goberno de Zapatero, unha dobre estratexia que consistía, por un lado, en anunciar recortes e reformas radicais aos mercados en reunións secretas, e polo outro, tentar a través do seu aparato de propaganda política convencer á opinión pública española de que non habería reformas dramáticas nin recortes radicais ás clases medias e traballadoras se ospopulares gañaban nas urnas o 20 de novembro.
Enganaron, pois, os populares á cidadanía? Cometeron fraude electoral co engano? Que se falou e pactou nesas reunións privadas cos axentes dos mercados internacionais? Por que unha vez no Goberno o PP culpou ao PSOE de obrigarlle a aplicar recortes, subas de impostos e reformas que xa tiñan planeados previamente pero que negaron durante a precampaña e campaña electoral? Que sabía e que intencións tiña o PP nos meses previos aos comicios para mover fichas cos inversores internacionais nesas reunións?
A consigna dentro do PP durante a precampaña e campaña electoral en 2011 foi negar ante a opinión pública española calquera medida impopular que poidese restarlle votos. Todo pintaba bonito daquela no discurso dos populares: salvagarda da educación, sanidade e pensións, baixada de impostos, pulo ás contratacións indefinidas, non abaratar os despedimentos, axudas aos pequenos e medianos empresarios, salvar aos máis afectados polas hipotecas das gadoupas dos banqueiros... Á par que pactaba cos mercados os duros recortes que logo aplicaría no Goberno, o PP autodefiníase en mitins, entrevistas e roldas de prensa como "o partido dos traballadores" e anunciaba que o cambio que ía aplicar ía ser "o cambio da xente, do pobo, non o das grandes finanzas" (hoxe, nada máis lonxe da realidade).
Así foi o discurso do PP dirixido á cidadanía nos meses e semanas previos ás eleccións xerais, e nos primeiros días no Goberno:
Esperanza Aguirre, ex-presidenta da Comunidade de Madrid: "A sanidade pública custa moitos cartos e a pagan as cotizacións á Seguridade Social; o copago non a fai sostíbel [...] En Madrid non haberá copago. Pagar 1€ por algo que vale 100 non ten sentido" (trala reunión do Comité rexional do PP de Madrid o 29 de marzo de 2011).
Esteban González Pons, vicesecretario xeral de Estudos e Programas do PP: "Os banqueiros agora din que apoian ao Partido Popular... Pois benvidos sexan, porque son os últimos en chegar. A xente, os seus clientes, os que pagan as hipotecas, hai xa moito que apostaban polo Partido Popular. Primeiro, o 22 de maio [celebración de eleccións municipais en todo o Estado e autonómicas en 13 comunidades] tivemos que ver como o pobo apoiaba ao Partido Popular mentres os banqueiros apoiaban a Zapatero, para que agora os banqueiros digan que tamén apoian ao Partido Popular. Estan tentando apuntarse ao cabalo do cambio, pero lémbrolles desde esta tribuna, que é a do PP, que o cabalo do cambio é o da xente, é do pobo, non é o cabalo das grandes finanzas. Faremos economía, pero para crear emprego, non para que os banqueiros gañen máis" (rolda de prensa posterior á reunión do comité de campaña do PP o 1 de agosto de 2011).
María Dolores de Cospedal, secretaria xeral do PP: "Nunca se saíu en España, nunca, nunca, dunha crise económica subindo os impostos; nunca" (programa de Ana Rosa en Telecinco o 6 de setembro de 2011).
Mariano Rajoy, presidente do Goberno: "Non estou de acordo con que o contrato temporal en España se converta na norma xeral e o indefinido na excepción. Eu quero que o indefinido sexa a normal xeral e o temporal a excepción" (Foro de Emprego do PP en Las Palmas, 10 de setembro de 2011).
Esteban González Pons, vicesecretario xeral de Estudos e Programas do PP: "O PSOE quere subir os impostos para que todo siga como está; o Partido Popular quere baixar os impostos para que todo cambie" (durante o comité de dirección do PP o 3 de outubro de 2011).
Cristóbal Montoro, ministro de Facenda: "Facer reformas non significa sacrificios para aqueles cidadáns que non teñen que soportar máis sacrificios, que xa pagaron moi duramente esta crise" (Ponencia 'Estabilidade e reformas para o emprego' na convención nacional do PP en Málaga o 6 de outubro de 2011).
Esteban González Pons, vicesecretario xeral de Estudos e Programas do PP: "Nós non somos partidarios de abaratar o despedimento, somos partidarios de abaratar a contratación. Nun mercado laboral que está perdendo traballadores, no que se está despindo a traballadores, só falta que aos empresarios se lles facilite o despedmento. O que hai que facer é facilitar a contratación, abaratar a contratación para que máis traballadores entren a traballar, e reducir o número de contratos para que todos tendan a ser fixos (…) O Partido Popular non vai apoiarr abaratar o despedimento en ningún caso; vai apoiar abaratar a contratación en todos os casos. (…) Non se poder facer unha reforma laboral sen contar cos sindicatos. Haberá que falar Goberno, patronal e sindicatos” (declaracións no espazo 'Los Desayunos de TVE' o 20 de outubro de 2011).
Mariano Rajoy, presidente do Goberno: “Voulle meter a tesoira a todo, agás as pensións públicas e, anque sexan competencia das comunidades autónomas, a sanidade e a educación, onde non quero recortar os dereitos dos cidadáns” (declaracións en ABC Punto Radio o 4 de novembro de 2011).
Mariano Rajoy, presidente do Goberno: "Eu teño que dicir que a miña intención é non subir os impostos, porque creo que nun momento como este, e máis aos pequenos e medianos empresarios, ou ás empresas, coas dificultades que están pasando, non me parece o máis razoábel" (debate de investidura o 19 de decembro de 2011).
Soraya Sáenz de Santamaría, vicepresidenta do Goberno: "Este Goberno vese obrigado a unha suba temporal de determinados impostos" (rolda de prensa posterior ao consello de ministros do 30 de decembro de 2011).
Luis de Guindos, ministro de Economía: "Mañá aprobamos a reforma laboral e veredes que vai ser moi agresiva (...). Xa verás, xa verás" (conversa co vicepresidente económico da Unión Europea, Olli Rehn, o 9 de febreiro de 2012).
O tempo demostrou que nada do que prometeron os conservadores se cumpriu. A estratexia do PP para xustificar os recortes e reformas foi a de costume: culpar ao PSOE de ter deixado España patas arriba e de ocultar as contas reais do Estado. Mais se os populares non coñecían o alcance real da crise e estaban convencendo aos cidadáns de que se podía baixar os impostos e non aplicar recortes aos traballadores nin reformas dramáticas na sanidade e a educación, é obrigado preguntar por que antes das eleccións xerais estaban prometendo aos inversores "recortes orzamentarios e reformas radicais"? E en que termos o fixeron?
Este é o parágrafo do informe de Emerging Sovereign Group do 31 de xullo de 2011:
"A estratexia do PP para gañar a confianza dos mercados parece ser que é dispoñer do ex-presidente Aznar e contarlle aos inversores internacionais en reunións privadas que un goberno do PP rapidamente faría recortes orzamentarios e reformas radicais. Ao mesmo tempo, Rajoy minimiza na prensa doméstica a posibilidade de tales medidas drásticas, xa que obviamente isto non lle permitiría gañar votos".
Este pequeno pero revelador parágrafo evidenciaría que o actual Goberno e o Partido Popular mentiron aos cidadáns durante os meses e semanas previos ás eleccións. Rajoy, Aznar e todo o aparato económico do PP terían argallado e pactado cos mercados, antes das eleccións xerais, os durísimos recortes e reformas que vén aplicando o Goberno conservador. Unhas medidas que ocultaron aos cidadáns a conciencia, polo que se desprende do informe de Emerging Sovereign Group.
Baste repetir que o 9 de febreiro de 2012, De Guindos rendía contas ante o vicepresidente económico da Unión Europea, Olli Rehn, anunciándolle o cumprimento de parte dos "recortes e reformas radicais" pactados: "Mañá aprobamos a reforma laboral e veredes que vai ser moi agresiva".
Encomenda dos mercados ao PP?
A esperanza dos mercados estaba xa depositada no PP. Do informe de Emerging Sovereign Group pode deducirse que as reunións dos inversores cos populares estiveron destinadas a marcar novas políticas encamiñadas a satisfacer aos mercados, a custa do benestar dos cidadáns, con recortes e reformas radicais. A perda de confianza dos mercados no Goberno socialista tería precipitado as negociacións dos inversores internacionais co PP, partido no que mantiñan a esperanza de que aplicaría as medidas que esixían os mercados a España. Así, Emerging Sovereign Group explicaba no documento: "O Goberno actual perdeu por completo a confianza dos mercados tras desperdiciar máis dun ano desde o inicio da crise no que se levaron a cabo poucas reformas reais e, no canto, tentaron esaxerar unha moi débil reforma das pensións e unha reforma do mercado laboral inexistente. A esperanza é que a perspecvtiva dun novo Goberno o 1 de xaneiro de 2012 estabilizará os mercados".
Porén, daquela o fondo estadounidense tiña serias dúbidas sobre as posibilidades reais de vitoria para Rajoy nas eleccións do 20-N. Emerging Sovereign Group apostaba pola política financeira "conservadora" do PP, mais consideraba a Rajoy un candidato "moi débil".
"A fiestra da resposta política está pechada"
Os analistas de Emerging Sovereign Group recoñecían no seu informe ser "máis pesimistas que o mercado" sobre a situación da economía española, se ben advertían de que existía a posibilidade de "evitar o rescate" se se implementaban "de xeito rápido" as "medidas políticas radicais necesarias".
A desconfianza do fondo neoiorquino traducíase no seu convencemento de que España estaba "paralizada" politicamente, que xa lle pasara o tempo das decisións políticas e que era hora de que os mercados tomasen as rendas da situación. "A fiestra da resposta política está cerca de pecharse ou pode que xa o estea", sentenciaban os analistas.
Un dos factores que, segundo o fondo estadounidense, xogaba contra os intereses de España era o fluxo de "noticias domésticas negativas" que contribuían a "un debilitamento da economía" e a unha nova "recesión", xunto co "aumento da parálise política que se traduciu no anuncio o 29 de xullo de eleccións anticipadas para ser celebradas o 20 de novembro", o "deterioro das finanzas das autonomías", a "lentitude da reforma do sector financeiro (especialmente a recapitalización das caixas)" e o "contaxio de Grecia", coméntase no documento.
O "problema" autonómico
Cabe salientar que para estes analistas os problemas das finanzas autonómicas estaban sendo cruciais no estado comatoso da economía estatal. "O problema", explicaban, "é que é practicamente imposíbel determinar o alcance total do problema das finanzas autonómicas dada a falla de transparencia e o retraso no subministro de datos. De feito, contáronnos ex-funcionarios de alto nivel do Ministerio de Economía que non hai auditorías independentes das finanzas públicas autonómicas e que as últimas auditorías non independentes se realizaron no ano 2008 nalgúns casos e no 2005 noutros".
GC conseguiu o documento de Emerging Sovereign Group grazas ao acceso que WikiLeaks deu a este xornal á base de datos cos correos da axencia de intelixencia global Stratfor.
Publicado o 20/02/2013 en www.galiciaconfidencial.com
Enlace permanente: pica aquí