Un ano de incumprimentos en Moncloa


20 nov 2012


Un ano na Moncloa está a dar para moito. Para tanto como para sufrir dúas folgas xerais, aprobar recortes por 30.000 millóns nos orzamentos para 2012, reescribir as liñas centrais do discurso co que Mariano Rajoy gañou as eleccións e presentar unhas contas para 2013 que non llas cren as institucións internacionais: a Comisión Europea prevé unha caída do PIB en 2013 do 1,5%, o triplo do prognosticado polo Executivo español, e todo iso coa marca de 5,8 millóns de parados (25,02%, segundo a EPA). O programa, tan ambiguo como laxo, comezou a desdebuxarse dende o comezo. Estas son as principais decisións do Executivo, a maioría delas rexeitadas na oposición.

1. Impostos

A oposición ao IVE constituíu unha das principais campañas do PP contra José Luís Rodríguez Zapatero. Mesmo instalaron mesas para recoller firmas por toda España. Até tal punto chegou o seu compromiso contra a subida deste imposto, que Rajoy e os seus ministros estiveron manifestándose en contra até poucas semanas antes de aprobar a maior subida do IVE en Europa. O Goberno de Rajoy levou o tipo xeral do 18% ao 21%, o reducido pasou do 8% ao 10% e o superreducido quedou no 4% pero limitado aos produtos de primeira necesidade: alimentos frescos, prensa, libros, medicamentos, libros de texto e vivenda protexida.

Pero non é o único. A pesar das promesas, Rajoy acometeu unha semana despois de tomar posesión a maior subida de impostos directos, cunha recarga no IRPF de entre 0,7% e o 7%, segundo os tramos. O aumento, para 2012 e 2013 afecta a 17 millóns de contribuíntes e supón 300 euros máis ao ano para un salario medio. As retencións para o aforro tamén subiron entre dous e seis puntos, cun tipo máximo do 27%. O IBI aumentou entre un 4% e un 10% para 25 millóns de inmobles. Mentres, os defraudadores poderán agora branquear os seus cartos tributando só polo 10% do capital branqueado. Os intereses e as multas, perdoados.

2. Funcionarios

A supresión da próxima paga de Nadal na función pública casa moi pouco co que dicía o PP sobre baixarlle o soldo aos funcionarios cando Rodríguez Zapatero aprobou a rebaixa en maio de 2010.

3. Reforma financeira

Zapatero fixo dúas. Rajoy xa leva tres, cada vez máis afastadas do que prometeu: negou o banco malo, cuxo funcionamento aprobou o Consello de Ministros o pasado 15 de novembro, e descartou o rescate á banca. Pero, co tempo, as cousas vense distintas e o banco malo, en palabras de Luís de Guindos, "é un instrumento máis poderoso mesmo que as propias inxeccións de capital", tamén negociadas polo Goberno con Bruxelas. Como lembrou o ministro, o "banco malo" forma parte do compromiso adquirido polo Goberno coa Unión Europea para recibir a axuda de até 100.000 millóns de euros para a banca e está previsto que entre en funcionamento o 1 de decembro.

E é que, segundo o estudo externo de Oliver Wyman, a banca española necesita 53.745 millóns de euros. "A cifra serían 59.300 se non se teñen en conta os procesos de integración en marcha nin os activos diferidos", sinala. Os socios europeos, en principio, dispuxeron até 100.000 millóns. Co exame de Oliver Wyman, o Executivo cumprirá co calendario previsto no Memorándum de Entendemento (MOU) asinado entre a UE e España para o rescate do sistema financeiro. O escenario adverso ao que se somete ás contas bancarias inclúe unha caída do PIB do 4,1% este ano, o 2,1% en 2013 e do 0,3% en 2014. A taxa de paro en 2014 chegaría ao 27,2%.

4. Máis emprego, menos impostos

O paro en España supera o 25% por primeira vez na historia, e a Enquisa de Poboación Activa arroxa un aumento de 85.000 persoas no terceiro trimestre, até marcar unha nova marca en 5.778.100. A ocupación diminúe en 49.400 persoas no emprego público e en 47.600 no emprego privado. Neste contexto, o Goberno acometeu a reforma laboral, motivo da primeira folga xeral contra Rajoy (29 de marzo):

  • Xeneralízase a indemnización de 33 días. O despedimento procedente será indemnizado con 33 días por ano traballado, cun máximo de 24 mensualidades. Respectaranse os dereitos adquiridos: aos contratos preexistentes aplicaráselles a indemnización de 45 anos até a entrada en vigor da norma. A partir de entón, o cómputo realízase con arranxo á nova norma.
  • Vinte días se o despedimento é por causas económicas. Bastará unha caída de vendas durante tres trimestres para que unha empresa utilice o despedimento procedente, tanto individual como a través de expedientes de regulación de emprego (ERE), que xa non necesitarán autorización previa.
  • Amplíanse os casos nos que a empresa pagará a indemnización máis baixa por despedimento procedente: 20 días por ano traballado e un tope de 12 mensualidades.
5. Sanidade

Non son poucas as medidas aprobadas polo PP, en cuxo programa non só non aparecen senón que foron desmentidas sistematicamente. Por exemplo:
  • Os hospitais poderán cobrar polos medicamentos que dispensan a pacientes para que os tomen na súa casa.
  • Os inmigrantes irregulares perderon o seu cartón sanitario (e os dereitos que carrexaba) o 31 de agosto.
  • Sanidade resérvase a potestade de baixar os prezos dos medicamentos cando queira.
  • Fíxanse criterios comúns para o copagamento de certas prestacións que non están na carteira básica (ambulancias non urxentes, ortoprotésicos, dietéticos).
  • Copagamento de medicamentos en función da renda (exento, 40%, 50% e 60% para activos segundo ingresos, e exento, 10% cun máximo de 8 euros, 10% cun máximo de 18 euros e 10% cun máximo de 60 euros para pensionistas).
6. Cataluña

Desde que José María Aznar pactou con Jordi Pujol en 1996, as relacións entre o PP e CiU foron intensas á vez que intermitentes. En 2000 chegou o cisma, acentuado anos máis tarde co recurso ao Constitucional do Estatut acordado entre Zapatero e Artur Mas, cuxa sentenza trouxo consigo a primeira explosión popular independentista, no verán de 2010. Con todo, non deixaron de colaborar cando lles conveu: axudáronse a aprobar os orzamentos da Generalitat sempre que CiU o necesitoun, a colocar alcaldes (como o de Badalona, que representa o discurso do PP máis radical contra a inmigración) e a votar xuntos en numerosas ocasións (contra o veto á educación sexista, moi recentemente, por exemplo).

O penúltimo capítulo de tensión, tras a negativa de Rajoy ao pacto fiscal e a manifestación da Diada foi a reforma da lei de Educación, e o empeño expresado polo ministro Wert de "españolizar" os nenos cataláns. Detalle que tampouco incluíu o PP no seu programa electoral.

7. Educación

O PP de Aznar tumbou a LOGSE pero non tivo ocasión de aplicar a súa Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). Rajoy non quere que lle pase o mesmo, e aspira a aprobar e aplicar a súa propia Lei de Educación. Mentres iso ocorre, xa se puxeron en marcha algúns cambios e recortes:
  • As Administracións educativas poderán ampliar até un 20% o número máximo de alumnos.
  • Elimínase a esixencia de ofertar polo menos dúas modalidades de Bacharelato en cada centro docente.
  • Os alumnos universitarios de primeiro pagarán máis por matrícula, entre un 15% e un 25%.
  • O mínimo de horas lectivas dos profesores (dentro dos seus 37 semanais) aumentará de 18 a 20 en Secundaria. En Primaria, as 25 actuais son o mínimo.
  • Poderanse pedir interinos para cubrir unha baixa a partir de 10 días de baixa.
8. Autónomos:

Despois de ser unha das principais bandeiras electorais do PP, o Goberno non quixo aprobar que os autónomos e pemes poidan liquidar o IVE das súas facturas cando estas fosen efectivamente cobradas. E non como até agora, que obriga a adiantar os cartos dunha factura pendente de cobro. Así rezaba o seu programa: "Modificaremos, de acordo coa normativa europea, o réxime do IVE para que autónomos e pemes non teñan que pagar o imposto ata que efectivamente se efectúe o cobro das facturas correspondentes".

Publicado o 20/11/2012 en www.praza.com

Enlace permanente: pica aquí