O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) avalía como «excelentes» os resultados acadados pola organización no período de especial concentración de eleccións sindicais, que rematou o pasado 31 de decembro de 2011.
Pasado un período «prudencial», tanto para agardar a resolución de impugnacións como para facer a pertinente reflexión e avaliación, CCOO destaca que, con respecto ao anterior período, que rematou a finais de 2007, o sindicato incrementou a súa representación máis dun punto.
En comparanza cos outros sindicatos maioritarios, CCOO reduciu de maneira «substancial» a diferenza coa UGT, que pasou do 2,88% a só o 0,95%, isto é, 150 delegados e delegadas. Canto á CIG, do «empate técnico» de 2007 pasouse a obter case 600 delegados e delegadas máis, isto é, tres puntos de diferenza.
Desde Comisións lembran que, á vista dos datos, «este foi o sindicato que experimentou un maior crecemento», un logro que non se conseguiría «sen o magnífico traballo realizado polas persoas que formamos parte de CCOO de Galicia». Isto amosa, ademais, que «un gran número de traballadores e traballadoras deste país confían e apoian os principios en que se basea este sindicato», entre os cales citan a autonomía diante dos partidos políticos «e calquera outra organización política ou social»; a «dureza» na crítica, «pero sempre con alternativas»; que sexa un sindicato reivindicativo, pero disposto sempre á negociación», e mobilizador «cando non existe outra vía».
Alta participación
Por outra banda, para o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, o proceso de eleccións sindicais é unha «proba da lexitimidade dos sindicatos» para asumiren a defensa dos traballadores e das traballadoras. A participación neste proceso electoral anda ao pé do 70%, pois dos case 420.000 electores e electoras votaron preto de 290.000.
Dentro desa lexitimidade, CCOO fai mención propia para o sindicalismo de clase, que en Galicia logrou o 86,49% da representatividade. Isto «demostra que nin somos unha rémora do pasado, nin estamos de costas ás persoas traballadoras, senón que estas perciben os sindicatos de clase como o instrumento máis útil de que dispoñen no momento actual para a defensa dos seus intereses».