Tensión polas formas policiais na manifestación dos funcionarios públicos


28 feb 2012



Máis dun milleiro de traballadores públicos concentráronse este martes ante as portas do Parlamento galego vixiados moi de preto por un importante cordón policial. Vinte deles foron desaloxados do Pleno tras amosar pancartas contra a nova lei de servizos públicos, mentres a Policía gravaba aos manifestantes.




Traballadores de todos os departamentos da Xunta e de entes asociados como a CRTVG manifestáronse este martes diante do Parlamento para denunciar o “grave abuso” que supón a nova lei de medidas temporais en determinadas materias do emprego público que se aprobou polo trámtie de lectura única.

Desde primeiras horas do martes, centos de traballadores tomaron a rúa do Horreo, fronte ao Parlamento, vixiados moi de preto por un importante cordón policial que, segundo fontes dos propios sindicatos, se extralimitaron nas súas funcións ao recluir aos manifestantes tras valados de seguridade, realizar identificacións masivas e proceder a gravalos. Un feito que salientou o socialita José Manuel Lage no debate do pleno; “é un día triste. Recórtanlle os dereitos e, ademais, a Policía está a gravalos en vídeo”, suliñou.

Máis tensión

A tensión tamén se trasladou ao interior da Cámara. Alí, preto de 20 empregados públicos que asistían ao debate convidados polo PSdeG e o BNG, foron desaloxados tras amosar carteis contrarios a nova lei e a política da Xunta. Abandonaron o hemiciclo tras as advertencias da presidenta da Cámara de que poderían “incurrir nun delito” se interrumpían o Pleno.

Precisamente, ao finalizar o debate, o PSdeG pediulle expliacións á presidenta da Cámara polo feito de que os seus convidados foran, novamente, identificados tras abandonar o pleno. “Son procedementos normais cando son desaloxados do Pleno”, respondeulle a presidenta.

Todos os sindicatos públicos, CIG, CC.OO, CSIF, UGT e USO, estiveron presentes na protesta tras una gran pancarta na que se lía ‘Na defensa dos servizos públicos. Non aos recortes dos nosos dereitos”. Centos de traballadores berraron consignas como ‘Non hai pan para tanto chourizo’ ou ‘Non á privatización’. Moitos deles tiñan cartaces con lemas como ‘Españoles, Franco morreu’, ‘Pero isto que é?, Ditadura, non o ves’.

Tenso pleno

No interior do pleno, o ambiente non era diferente ao que se vivía fora. Os grupos da oposición comezaron o pleno pedindo a retirada da tramitación do procedemento de lectura única, pero os votos do PPdeG, impedirono.

O debate foi tenso cun BNG e un PSdeG denunciando que esta medida foi un “auténtico fraude de lei” e unha “auténtica trampa”.”É unha intolerable degradación da función lexislativa desta Cámara. Fúrtanse as funcións esenciais na actividade lexislativa”, denunciou o nacionalista Suárez Canal. “Aplícase o rodillo sen ningún tipo de interese en abrir canles de diálogo”, apuntou o socialista Lage Tuñas que acusou ao Goberno galego de “criminalizar” aos funcionarios públicos.

O deputado nacionalista mesmo chegou a comparar esta actuación coas que se daban no Réxime Franquista. “Antes os mínimos dereitos eran anulados polos estados de excepción e, agora, vostedes, recurren á excepcionalidade para facer o mesmo. Cando hai crise aparece o ADN das forzas políticas”, apuntou.

Tamén o socialista José Manuel Lage acusou ao PPdeG de utilizar o Parlamento como “elemento decorativo” para “fuxir dos debates”. “O que queren é impoñer unha mordaza para non debatir sobre os servizos públicos”, suliñou.

As explicacións populares

Os populares, pola súa banda, defenderon a medida e a súa tramitación urxente alegando a actual crise económica, ao principio de solidariedade e á imposibilidade de aprobar a norma polo procedemento de decreto lei. “Se se gobernara por decreto vostedes non poderían ter este debate”, suliñou o popular Antonio Rodríguez Miranda.

Pola súa banda, a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, suliñou que as medidas aprobadas do novo decreto son “oportunas e imprescindibles” e lembrou que xa se aplicaron noutras comunidades autónomas.

Neste sentido, insistiu que estas medidas permitirán seguir mantendo a prestación dos servizos públicos esenciais “sen tocar as retribucións dos empregados públicos”, algo, lembrou, que fixo o anterior Goberno central.

Elena Muñoz insistiu en que esta nova norma permitirá aforrar 80 millóns de euros ao ano e busca a “eficiencia” na prestación dos servizos públicos. “As actuacións do proxecto de lei refírense a unha situación que non é sustentable nos momentos actuais se se quere manter o nivel retributivo dos empleados públicos”, indicou.


Publicado o 28/02/2012 en http://galiciaconfidencial.com

Enlace permanente: http://goo.gl/GUfiF