Publicado na intranet xudicial.
A entrada en funcionamento do novo módulo para a  presentación electrónica de permisos sen xustificación e vacacións prevista para  o presente mes de febreiro posponse para finais do vindeiro mes  de marzo por continuar os traballos do seu desenvolvemento. O  novo módulo da aplicación informática de Xustiza permitirá a creación,  xestión e presentación electrónica de solicitudes de permisos e  vacacións. Esta nova opción permite eliminar o uso do papel en toda a  tramitación destas peticións, xa que son electrónicas tanto a sinatura coma a  presentación en todos os seus trámites. Para poder cursar as peticións  electronicamente é preciso posuír un certificado dixital admitido pola SEDE  electrónica da Xunta de Galicia, que agora mesmo pode ser tanto o DNI  electrónico coma un certificado dixital da FNMT. As solicitudes realizadas  polos/as funcionarios/as irán da gabeta de correo persoal á do director  funcional, e da deste á do xestor do servizo de Xustiza correspondente, sendo  visible en todo momento o estado de tramitación de cada unha das peticións.
Polo momento, e mentres non se  complete a repartición das novas tarxetas identificativas do persoal ao servizo  da Administración de xustiza, que levarán incorporado un certificado dixital de  empregado público co que tamén se poderán realizar as peticións, seguirán  convivindo as dúas vías de solicitude, é  dicir, a manual e mais a electrónica, pero na medida do posible esta  dirección xeral, nun intento de axilización, transparencia e economía na  tramitación de cantas xestións se xeran na vida administrativa do persoal ao seu  servizo, solicita o emprego das novas ferramentas, buscando ao mesmo tempo unha  maior familiarización de todos os usuarios co Portal do Empregado Público, posto  que pouco a pouco se intentará que esta sexa a primeira canle de comunicación  entre persoal e Administración. Cando a distribución das novas tarxetas se  complete, informarase do fin da posibilidade de presentación manual deste tipo  de solicitudes.
Para coñecer o funcionamento completo da  tramitación, pódese consultar o manual  no que se explica todo o procedemento, dende a creación dunha nova  solicitude ata a súa resolución.
 

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
